miércoles, 6 de abril de 2016

Estatísticas


A semana pasada sorprendíame este titular nun periódico: “Los preuniversitarios gallegos a la cola de España en Química, Filosofía e Historia”. Así que, dada a miña condición de profesor de Química, quixen saber en que estudo se baseaba tal aseveración. Cando lin a noticia, descubrín que se sustentaba nas estatísticas das probas de selectividade do ano 2015, publicadas recentemente polo Ministerio de Educación. E como se podería chegar á falsa conclusión de que a formación dos alumnos galegos de bacharelato é máis deficiente, non só nesas materias senón incluso a nivel global, xa que tamén se salientaba que Galicia é unha das comunidades con menos aprobados na selectividade, ocorréuseme que podería ter interese analizar este caso, e de esguello o da fiabilidade das estatísticas en xeral. 

Ninguén lle vai negar á estatística a súa importancia científica, por ser ferramenta fundamental tanto no estudo do estado e evolución de calquera tipo de sistemas coma na elaboración de prediccións de comportamento dos mesmos. Por iso en ningunha carreira científica, sexa de ciencias experimentais, sexa de ciencias sociais, se pode prescindir do estudo da estatística. Non obstante, iso non nega a pertinencia dunha advertencia que xa fixera Benjamin Disraeli no século XIX: «Hai tres tipos de mentiras: as simples mentiras, as malditas mentiras e as estatísticas»…

O tema que nos ocupa é un exemplo claro de mentira estatística, das que se dan cando se utilizan datos non comparables estatisticamente. Porque o primeiro que habería que saber é que as probas de selectividade en España son diferentes para cada comunidade autónoma; e que os exames, máis alá do título coincidente das materias, teñen diferente estrutura, son corrixidos con diferentes criterios e nin sequera responden ós mesmos temarios. Nada que ver, por exemplo, coas prestixiosas probas PISA, comúns e homoxéneas, tanto na súa estrutura coma nos criterios de cualificación; probas nas que, por certo, Galicia sempre adoita sobresaír sobre a media de España en coñecementos científicos. 

Esa natureza de datos non comparables das notas de selectividade nas diferentes comunidades autónomas é a que invalida calquera comparación de tipo cuantitativo entre elas, aínda que sexa de notas de materias con igual título. Iso tamén explica o baile de resultados que se observa cando se analizan datos das diferentes materias en diferentes convocatorias, aínda que física, matemáticas ou química adoiten estar entre as de nota media máis baixa pola súa especial dificultade. Así que, se unha nota se desvía claramente do resultado normal, en vez de fixarse na formación dos alumnos, que non varía de xeito espectacular dun ano para outro, habería que fixarse na dificultade das probas propostas. A esta variable é á que deberían prestar atención as autoridades educativas e os equipos que propoñen as probas de cada materia, porque nela debe de residir a razón dos máis baixos resultados que se obteñen en Galicia, non só nalgunha materia senón tamén na cualificación global, o que representa un claro prexuízo para os nosos alumnos cando as súas cualificacións se mesturan coas dos de outras comunidades.  

Con vistas ó futuro, habería unha maneira de superar as inxustas diferenzas que agora se presentan, e de posibilitar de paso as análises comparativas de resultados: facer probas comúns para toda España e coidar que o baremo dos alumnos se realizase só con notas obtidas en exames das mesmas materias… Pareceríalles máis xusto, verdade? Pois non creo que o cheguemos a ver…


Artigo publicado no diario La Región o domingo 3 de abril do 2016.