jueves, 28 de abril de 2016

Infraestruturas

A semana pasada, Celso Delgado defendía no Congreso unha proposición non de Lei do PP para que se continuase tramitando o proxecto de construcción da autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada. A proposición saíu adiante cos votos do PP, PSOE e C´s, e pese á oposición dos deputados de En Marea-Podemos. 
  A necesidade de máis e mellores infraestruturas é un lugar común da política española desde o inicio da Transición. Apoiase sobre un principio aparentemente incontestable, repetido ata a saciedade polos máis favorecidos por tales obras: ninguén debería opoñerse á inversión en infraestruturas, porque son condición necesaria para o progreso do país. E isto era certo nos primeiros anos da Transición, cando tiñamos un gran déficit de infraestruturas con respecto ós países europeos. Pero diso hai corenta anos. Hoxe conviría saber que España só ten por diante a China e a EE UU en quilómetros de autovías e autopistas (comparen a poboación e a extensión deses países con España), mentres sobrepasa claramente a Alemaña, Francia, ou Italia, espellos nos que nos mirabamos noutronte. E o mesmo pasa co tren de alta velocidade: España é o segundo país do mundo en vías de alta velocidade, só por detrás de China e outra vez por diante de potencias coma Francia ou Xapón, lideres ata hai pouco nese medio de transporte. E poderíamos seguir con máis exemplos. Preguntaranse entón por que países moito máis ricos teñen peores infraestruturas. A resposta é simple: porque non as regalan, custan moitos cartos e nin sequera os países máis adiantados poden ter todas as que desexarían. Ninguén foi máis claro nisto ca Roy Lahood, Secretario de Estado de Transportes dos todopoderosos EE UU, cando visitou España no 2011 para coñecer de cerca o noso AVE. Gustoulle moito, pero espetoulle ó daquela ministro José Blanco: “Vostedes son ricos, pero nós non podemos permitirnos estes luxos”!
  Cabería agora outra pregunta: quen pagou tal cantidade de autovías, de autopistas, de AVEs; de aeroportos; de portos, interiores e exteriores; de pazos de congresos; de “cidades” da cultura; etcétera, etcétera? Pois unha parte pagouse mediante a venda masiva de activos públicos, fundamentalmente empresariais; outra pagárona o resto das políticas, fundamentalmente as sociais, con graves recortes nos últimos anos, e o resto está sen pagar, formando parte da enorme débeda pública que vai hipotecar ás xeracións futuras, fundamentalmente ós fillos e netos dos que non se beneficiaron dos pelotazos inherentes a este despilfarro colosal de diñeiro público.  Porque, non o esquezamos, a débeda pública española está nun máximo histórico do 100% do PIB (cada español debe por este concepto 23.280 euros), co risco de que se volva insostible a medio prazo; e bastará unha pequena borrasca financeira para poñernos de novo contra as cordas…
  Deberíase aplicar na política aquel concepto do Código Civil do “bo pai de familia”, do que administra coa “dilixencia propia dun bo pai de familia”. Porque sen dúbida faltou esa dilixencia na xestión pública, onde os políticos semellaron máis ben “pais dilapidadores”, dos que só deixan débedas como herdanza. Pero tampouco cabe eximir de culpa ós votantes, que cal “fillos caprichosos” pensaron que había dereito a ter unha autopista e un aeroporto á porta de cada casa…Agora pagamos eses excesos… Porque é probable que a autovía Ourense-Ponferrada –alomenos nalgún tramo- estea máis xustificada ca outras en servicio –algunhas de aquí cerca-; pero o caso é que agora non hai máis ca débedas, e xa está ben de cargarlle a factura ós que veñan logo.


Artigo publicado no diario La Región o domingo 24 de abril do 2016.