jueves, 26 de mayo de 2016

O labirinto español


Gerald Brenan (1894-1987) foi un dos últimos viaxeiros románticos e máximo expoñente dun xénero literario asociado, o consistente en escribir sobre un país alleo ó de nacemento.  Brenan era inglés, aínda que nado en Malta, onde estivera destinado o seu pai como militar do exército británico. Despois de participar como oficial na I Guerra Mundial,  Gerald decidiu cumprir o seu soño: ser escritor; e con esa idea, e cargado de libros, viaxou a España en 1919, buscando un lugar tranquilo onde poder ler, escribir e camiñar. Logo de cruzar toda a Península, desde A Coruña ata Granada, acabou atopando o lugar que buscaba nunha remota aldea das Alpujarras granadinas: Yegen. Alí viviu e conviviu coas humildes xentes do lugar durante case quince anos. Logo, entre 1935 e 1936, afincado en  Málaga –onde agora repousan os seus restos-, asistiu horrorizado ó estalido da Guerra Civil.
 Froito desa experiencia foi unha das súas obras máis coñecidas, O Labirinto Español, editada en inglés en 1943; logo, en 1962, sairía a edición en castelán de Ruedo Ibérico, a editorial fundada en París por exiliados españois. E podería ser pertinente recuperar a memoria deste libro, dado o especial momento político que atravesa o país. 
 O Labirinto Español é un lúcido ensaio histórico que vai en busca da raíz dos problemas que levaron a España á Guerra Civil, pero está cheo de interesantes observacións filosóficas e psicolóxicas sobre o carácter hispano, observacións que tratan de explicar o por que daquel tráxico colapso da convivencia: non era fácil entender como aquela xente, tan encantadora e admirable no trato, caera de repente nunha espiral de conflictividade que desembocaría en horrendo baño de sangue. 
 Para comezar, observaba Brenan, España sempre fora un país difícil de gobernar, “incluso nas mellores épocas”. E esa dificultade, ó seu modo de ver, viña da excesiva forza que aquí tiña o sentimento rexional e municipal: “España é o país da «patria chica»… Un conxunto de pequenas repúblicas, hostís ou indiferentes entre si, agrupadas nunha federación de escasa cohesión”. Hai períodos, dicía, nos que estes pequenos centros se animan por unha idea ou sentimento común, e entón o país experimenta espectaculares épocas douradas capaces de asombrar ó mundo; pero en canto decae ese impulso orixinario, as pequenas repúblicas divídense e volven á súa existencia separada e egoísta. Resulta admirable, escribía Brenan, a forza e a independencia do carácter español, a integridade emotiva e a elocuencia das súas xentes, pero tamén a súa crónica indisciplina; aprézase así unha intensa vida política, que semella ser herdeira dunha mestura da antiga cidade-estado grega, da tribo árabe e do municipio medieval, ocupando a tertulia dos cafés o lugar do ágora. Tales caracteres convertían ó pobo español nun dos máis vigorosos e humanos de toda Europa, pero tamén nun dos máis ineficaces. Porque, ademais, a diferenza do que observaba noutros países europeos, faltaba en España o respecto ó Estado: “En España, nin un só partido abrigou nunca tal sentimento… Para a maior parte dos españois, o goberno é simplemente a camarilla de políticos que conseguiron ocupar o poder...”. Aínda que tamén xustificaba esa opinión, alimentada pola tradicional “incapacidade das clases dirixentes para gobernar o país honradamente”…
 Por sorte, a situación actual de España, tanto no económico coma no político, dista moito da que Brenan coñecera. Non obstante, a problemática de fondo, se nos fixamos, segue a ser esencialmente a mesma … Por iso a lectura ou a relectura do libro de Brenan resulta tan recomendable.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 22 de maio do 2016


No hay comentarios: