jueves, 19 de mayo de 2016

Selección Galega


O próximo venres a Selección Galega de fútbol enfróntase a Venezuela. É o primeiro partido que xoga despois dun longo paréntese de oito anos. Hai que lembrar que a Selección Galega de fútbol nacera nos anos vinte do século pasado para participar na Copa Príncipe de Asturias, un campionato interrexional do que Galicia foi subcampiona na tempada 1922/23. Nos anos trinta aínda celebrou algún amigable, pero desapareceu coma tódalas seleccións semellantes co estalido da Guerra Civil e a instauración do franquismo.
O seu rexurdimento produciuse no 2005, co goberno bipartito, cando o BNG, responsable de Cultura da Xunta, recuperou a antiga iniciativa. Así, o 29 de decembro dese ano, en Santiago, reapareceu a Selección Galega, fronte a Uruguai, nun partido histórico que Galicia gañou por 3-2. No 2006 enfrontaríase a Ecuador (1-1), no 2007 a Camerún (1-1) e no 2008 a Irán (3-2). Despois, a retirada de apoio económico por parte do goberno de Feijóo fixo naufragar o proxecto. Pero agora da man da Federación Galega parece que emerxe de novo. Ogallá se consolide.
 Estiven repasando a lista de convocados para este partido e paréceme que Galicia ten unha selección notable, capaz de competir con calquera outra, incluídas as seleccións autonómicas. Porque o certo é que, aínda recoñecendo o atractivo dos partidos contra seleccións estranxeiras, moitos desfrutaríamos máis vendo xogar a Galicia contra Cataluña, o País Vasco, Andalucía, Asturias,… 
 Cando eu era neno todos sabiamos a aliñación da Selección Galega: Pazos na portería; Cortizo, Santamaría e Reija na defensa; Martín Esperanza e Pais na media; Ufarte, Amancio, Marcelino, Suárez e Pepe na dianteira. Pazos, de Cambados, fora porteiro do Atlético de Madrid e xogaba no Elche. Cortizo, de Ribadavia, era o defensa dereito do Zaragoza. Santamaría, central do Real Madrid, nacera no Uruguai, pero os pais eran de Ribadavia, e por esa razón permitíraselle xogar na Selección Española despois de ser internacional con Uruguay. Reija, de Lugo, era o defensa esquerdo do Zaragoza e un dos campións de Europa con España no 64. Martín Esperanza, de Verín, xogaba de medio no Pontevedra do “Hai que roelo”; e Pais, de Padrón, xogaba no Zaragoza. A dianteira era practicamente a da Selección Española. Todo o mundo se lembra de Ufarte, do Atlético de Madrid; de Amancio, do Real Madrid, o xogador galego máis mítico xunto con Suárez; de Marcelino, dianteiro centro do Zaragoza, autor do famoso gol a Rusia na final do 64, e de Suárez, do Inter, o único español que gañou un Balón de Ouro. Pero quen máis sorprendía na aliñación era Pepe, a quen poucos coñecían. Era un fillo de galegos de Verín que nacera no Brasil e que xogaba no Santos e na Selección Brasileira como compañeiro de Pelé. Falaba Pepe nunha entrevista dun partido Santos-Botafogo, no ano 59, na Coruña, nun Teresa Herrera: dun lado Pelé e Pepe, do outro Didí e Garrincha; fora un partido memorable que gañara o Santos por 4-1, con tres goles de Pepe e un de Pelé; pero na memoria de Pepe quedara, sobre todo, que un gran número de familiares e de xente de Verín fora ó partido para coñecelo: debeu ser aí cando foi seleccionado por Galicia…
 Como é sabido, aquela selección ideal, a mellor da historia de Galicia, nunca xogou ningún partido; pero mantense viva na memoria e sempre venceu nas imaxinadas confrontacións coas seleccións do resto de España... O venres estarei atento ó partido con Venezuela, e desfrutarei se resulta un éxito e Galicia trunfa. Pero lembrarei algo que escribía Proust, relativo ó inútil que resulta buscar nas cousas reais o encanto das soñadas... Por iso a oda está diante do drama.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 15 de maio do 2016


O Santos gañador do Teresa Herrera de 1959. Pepe, xunto a Pelé, é ó segundo pola esquerda na fila dianteira,