miércoles, 6 de julio de 2016

Verán


Xa estamos no verán. Nun suspiro pasouse do solsticio de inverno ó equinoccio de primavera, e noutro chegou o solsticio do verán. É o tempo que fuxe inexorablemente, e non dun xeito uniforme, senón uniformemente acelerado. Non obstante, Séneca pensaba que o tempo do home non era curto, tan só que desperdiciaba gran parte del en cousas que non lle conviñan: por iso dicía que non eramos pobres en tempo, senón pródigos con el. E coido que tiña razón, e que unha das causas do ano tan acelerado que levamos ten que ver co excesivo tempo que lle vimos dedicando á política; que podía ser un tempo proveitoso se a política fose boa, pero que se transforma nun tempo totalmente desperdiciado cando a política é ruín, coma a nosa. En consecuencia, tratarei que tal ocupación non perturbe o meu tempo de verán.

Porque, ademais, os veráns de agora son máis curtos cós de antano. Na miña memoria, por exemplo, o San Pedro, que acaba de pasar, xa se situaba no verán máis centroso, e agora semella que apenas está ó principio. Mentres, no remate, setembro aínda era un mes de veraneo; pero nos últimos tempos é raro que este pase da Virxe de Setembro (día 8). É certo que nesa percepción pode influír o acurtamento das vacacións escolares, que tamén axudan a definir o tempo de verán, pero creo que hai algo máis, relacionado cos cambios no clima. 

Claro que a percepción do verán tamén ten cambiado moito na Galicia interior. Por diversos motivos, pero talvez un dos máis importantes teña que ver co diferente uso que se facía dos ríos, en especial para o baño. Hai corenta ou cincuenta anos, o río era elemento central do verán en multitude de vilas e aldeas, especialmente para a xente moza. Un non podería imaxinar un verán daquela sen baixar ó río a bañarse. Praias fluviais, coma a do Cuco no Carballiño, a do Misieiro en Leiro, a da Beronza en Ribadavia, as do Miño en Ourense –cito algunhas que coñecín, pero había en tódolos lugares- tiñan unha animación que hoxe resulta difícil de explicarlle ós máis novos. Porque agora apenas se ve xente bañándose nos ríos; e iso a pesar de que o baño da sabedoría de Heráclito fora nun río, non nunhas augas chocas nin no mar. Pero ocorreu que fronte ás piscinas e a praia, o baño nos ríos ata colleu certa fama de sucio e perigoso; e non obstante, eu non lembro baños tan limpos coma os que nos dábamos naqueles paradisíacos ríos ourensáns de antano. Certo que despois viñeron os embalses, e esa manía de converter os ríos en prolongacións das nosas cloacas… Era o progreso. 

E agora que estamos coa Eurocopa, lembro como o verán tamén era o tempo do fútbol de competición. Porque no inverno un xogaba cos da súa aldea, ou cos das aldeas veciñas. Pero os grandes campionatos eran no verán, coincidindo coas festas das parroquias, que era cando se organizaban torneos nos que existía a maior rivalidade entre os equipos, ás veces reforzados por “figuras” de equipos xa federados, que daquela só existían nas cidades e nas vilas. As confrontacións acababan normalmente en merenda no campo da festa, pero tampouco era raro que rematasen coa intervención da garda civil… Por aquela época, o adestrador do equipo de Leiro era o inesquecible Paco Hermida, que fora xogador do Real Madrid e da Orensana, e adestrador do Arenteiro e do Ribadavia Atlético. O Paco era moi esixente coa preparación física. Unha das súas primeiras leccións consistía en terte toda unha tarde dando voltas ó campo sen parar de correr; e cando rematabas rebentado espetábache: «Amigo, ó fútbol non se xoga andando!»… Polo que se viu no campo, esa lección aínda non a aprenderon os seleccionados españois. A diferenza dos valentes islandeses.


Artigo publicado no diario La Región o domingo 3 de xullo do 2016