lunes, 18 de julio de 2016

Eloxio do silencio


Remataba a última columna lembrando a importancia que Bertrand Russell concedía ó que el denominaba coñecemento inútil; concesión que, por certo, nada tiña de menosprezo para o coñecemento útil, que tamén consideraba imprescindible. Nun ensaio no que o filósofo se ocupaba deste tema escribía: «Cando a actividade consciente se concentra por enteiro nalgún propósito definido, o resultado final, para a maioría da xente, é o desequilibrio, acompañado por algunha forma de alteración nerviosa». Por iso é tan necesario “desconectar” con certa frecuencia das ocupacións e preocupacións que ameazan facerse co control total do noso tempo; e de aí a importancia, persoal e social, de que a xente poida dispor duns tempos xenerosos de descanso e de vacacións, cousa  nada fácil nunha sociedade dominada polo principio do éxito e do máximo beneficio (material). 

Escribir con algún fin distinto do de facer pasar un rato agradable ós parroquianos resulta case sempre inútil. Sabíao ben Cioran cando escribía que «digamos o que digamos todo vai seguir igual»; e creo que Cioran foi optimista nisto. A maiores, escribir algo con certo sentido e “a contrafío”, respectando un principio de Wittgenstein que establece que non todo o que se pode pensar se pode dicir, é traballoso, alomenos para min. Porque ás veces, como escribira Beckett, «ata as palabras nos abandonan», e iso sempre resulta doloroso para quen escribe, aínda que sexa unha sinal inequívoca da misericordia de Deus para algúns dos seus coñecidos ... Pero non debe de preocuparnos o silencio literario; ó contrario, tamén resulta beneficiosa a “desconexión”, sexa temporal ou definitiva, coa escritura, tanto para o propio escritor coma para os seus lectores, que así poden dispor dun tempo extra para a realización de cousas máis interesantes, incluída a lectura dos mellores. Ó fin e ó cabo, nos varios milenios que os home levan pensando e espreméndose os miolos, xa se ten escrito case todo o que se podía escribir, de xeito que a maioría do que agora se publica apenas consiste, no mellor dos casos, na repetición de cousas que xa están ditas, e non ten máis fin có de alimentar o mercado e a fogueira das vaidades.

George Steiner, un dos máis afamados teóricos da literatura comparada e pioneiro explorador das limitacións da linguaxe para expresar a realidade intelectual, é un gran defensor do silencio en xeral, e do literario en particular. Steiner di que só no silencio podemos aprender o esencial. E por iso recomenda unha maior dedicación á vida contemplativa, da que tamén forma parte a lectura, que non é máis ca un xeito, tan obrigado coma incompleto, de contemplar o mundo. Así que, in angello cum libello, ‘nunha esquiniña cun libriño’, que era como lle gustaba pasar o veraneo a Unamuno, lendo un bo libro e ollando para unha paisaxe da alma que nos leve a relembrar os sinuosos camiños da vida... E se lles interesa a literatura do silencio, ata me atrevo a recomendarlles un par de libriños:  o ensaístico “Lenguaje y silencio” de Steiner, e o narrativo “Bartleby y compañía” de Vila-Matas.

Conclúo. Escribindo ou falando pódese ter razón, pero con Kafka apréndese  que «ás veces un ten razón cando cala», e co meu querido W. Benjamin que «o máis importante que hai que dicir non sempre se proclama en alto»… Por iso, boa parte das verdades necesarias terá que buscalas cada un no murmurio dos “sons do silencio”, coma naquela inesquecible canción de Simon and Garfunkel… Felices vacacións e ata outra.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 17 de xullo do 2016.