viernes, 26 de junio de 2009

As crónicas de Alonso

Coñecín a Alonso (José Puga Alonso) a principios dos anos noventa. Pedinlle á miña muller, daquela redactora do xornal La Región, que mo presentase, pois era eu un seguidor fiel das súas singulares crónicas. Foi así que unha tarde nos presentamos alí en Ribadavia, na súa tenda de calzados da rúa Salgado Moscoso, moi cerca da Fonte da Plata. Apareceu o home: pequeno, de cara redonda e colorada, e cun sorriso de neno pillabán que a min me cautivou desde o primeiro momento. De seguido botoulle a chave ó negocio –os ribeiráns sempre pensamos que hai cousas moito máis importantes cós negocios-, e convidounos a un vaso no bar máis próximo. Descubrín entón a unha persoa sumamente educada e cariñosa, e que, polo xeito de expresarse, evideciaba anos de estudo ben aproveitados - máis tarde souben que foran no Seminario de Tui-, dos que nunca presumía.
.
Repetimos aquelas visitas varias veces, aínda que non tantas coma debéramos. Así fun coñecendo máis ó xa amigo Alonso. Tiña aquilo que don Albino Núñez chamaba a gracia ourensá, que, se non se enfada ninguén, direi que ten o seu estadio superior na gracia das xentes dos vales do viño en xeral e do Ribeiro en particular. As adegas, as tabernas, as prazas públicas e incluso as viñas –certos traballos, coma a poda ou a rodriga, favorecían a parola entre os veciños que andaban na mesma faena en leiras próximas- foron as aulas seculares onde se foi forxando esa forma de ser tan característica e da que dan conta multitude de autores propios e alleos. Pero unha cousa é ter gracia na taberna, na adega ou na praza do pobo e outra plasmala nun papel. Escribir un texto que, sen caer na ridiculez, faga rir ó lector dun xeito saudable é algo que soamente está ó alcance duns poucos privilexiados, e Alonso era un deles. Mesturaba a ironía máis fina e o máis san escepticismo nas proporcións máis axeitadas para elaborar a narración dos sucesos, aparentemente, máis vulgares. Deste xeito, o feito máis ordinario acababa converténdose na súa Hispano-Olivetti nun relato delicioso. Nese relato que, desde o xornal, nos fai degustar con máis pracer o café da mañá ou no que nos gustaría escoitar na sobremesa de calquera celebración rodeados dos amigos máis queridos. Todo iso, creo eu, era o que facía de Alonso unha persoa entrañable para todos os seus lectores.
.
Foi unha gran idea de La Región e da Deputación de Ourense a edición dunha colectánea dos seus artigos, fermosamente prologada, por certo, por Maribel Outeiriño. Releo aqueles artigos e confirmo a primeira impresión que me causaran. Son intemporais, o seu valor está por encima desas circunstancias. Lense co mesmo agrado agora, ou se cabe con máis, ca no tempo en que foran elaborados. E iso, coma se de degustar viños se tratase, é unha proba de calidade que poucos textos periodísticos resisten.
.
Nesta miña particular homenaxe a José Puga Alonso andei buscando un artigo que acompañase a este texto, decidinme por Reyerta por un garrafón de aguardiente, pero podería telo feito por moitos outros. O de uso y decadencia del nombre José, que escribía na festividade do ano 1981, demostraba a súa afección pola onomástica e sirve agora para comprobar como cambiaron as cousas en poucos anos: es difícil topar un hogar en el partido judicial ribadaviense que no cuente con uno, dos, tres o cuatro “Josés”... La popularidad del santo varón, pese a todo, está cayendo en picado... existen ya alarmantes cifras de Ivanes, Nadias, Cintias, Rominas, Brigites o Mónicas, cuando hace algunos años estos dos últimos eran sinónimos entre el pueblo, o de alcahuetería por aquello de la Brígida de Zorrilla, o por de Santamónica que se decía a las mujeres adultas sin garbo y feas... Conta no mesmo artigo como un día, sendo neno, acompañou ó seu pai, José Puga, á taberna de dona Josefa Domínguez, cando ía a tomar un par de tazas de vino blanco al que nuestro citado progenitor fue aficionado hasta la hora de su muerte. Nun momento da reunión tabernaria, un dos presentes, José Rocha, taxista daquela e defunto na hora da crónica, exclamou en voz alta: “Carallo, nesta taberna todos somos Pepes, ata a mesma taberneira”. En efecto, estaban presentes, ademais dos Pepe Puga, pai e fillo, da taberneira e do taxista; o fillo maior deste, Pepe; o seu xenro, Pepe Barros ‘O Chiripa’; José ‘O Papuxa’; José ‘O Panarra’; José ‘O Pereixa'; don José ‘O da verbena’; don José ‘O Cristino’ e don José ‘O Gobernador’ (por ser paraugüeiro). Non sei eu se un deles sería o que Alonso bautizou, máis tarde, nunha crónica memorable coma Pepe ‘O tres siglos’, un alcume que gañou o susodito ó cumprir 101 anos, por vivir en tres séculos diferentes (nacera no ano 1899).
.
Hai títulos tan rechamantes coma aquel que reza Un concejal premiado con un cerdo, e que comeza deste xeito: Que el concejal Viñas Martínez es un afortunado lo saben hasta las tribús del Amazonas... En Historia de la aviación en Ribadavia, conta como esta comezaría cando o fillo dun tal Augusto Torres, domiciliado en la calle Vendaval, de esta villa, concibió la idea del paracaídas nada más ver volar el primer artilugio. Ni corto ni perezoso, provisto de un paraguas de pulpeiro, encaramose al tejado del ábside de la iglesia de San Antonio de esta villa y sin pensárselo dos veces se arrojó al vacio... En El cementerio municipal, ademais de falarnos da súa historia e da súa disposición en sucalcos, tan propia para esta terra, alude a un epitafio desaparecido. Un que rezaba “Bajo esta fría losa, reposan los restos de mi inolvidable esposa”. Ocorréraselle a rechamante conmemoración a un desconsolado e novo viúvo que non tardou nin un ano en casar de novo. Tiña Alonso unha habilidade especial para as necrolóxicas, en Falleció el campanero relataba: nos encontramos con un caso carente de aristocracia pero igualmente dramático al fallecimiento de un “Par” francés... Por ser el difunto un ribadaviense vecino nuestro y por ser él una dignísima réplica de aquel inolvidable personaje de Alejandro Dumas llamado Quasimodo, que oficiaba como campanero en la catedral de Nuestra Señora de París... No era jorobado... pero la naturaleza fue muy poco generosa con él... vivió honrada pero muy pobremente al lado de sus padres y, fallecidos ellos, en el Hospital Asilo Nuestra Señora de Los Ángeles. Nosotros, en nombre de la Ribadavia que tanto le apreció, deseamos fervientemente que el alma de Pepiño, de 67 años de edad, goce eternamente de todo aquello que la vida le negó, hermosura incluída. En fin, merecerían os relatos de Alonso a un director coma Fellini, que recrease esas estampas en algo así coma unha Amarcord ribadaviense. Mentres iso non chega, afirmo eu que poucos autores, nin sequera moitos cheos de premios e cargados de medallas, lograron facerme rir con tantas ganas coma o conseguiu o amigo Alonso cos seus textos.
.
A última vez que vin a Alonso, foi no centro de ensino onde traballou de bedel os últimos anos. Estaba el feliz co seu novo traballo, pero aquel día sentimos que non puidera botarlle a chave ó colexio. Para ir tomar un par de vasos xuntos ó Evencio. Non era cousa de deixar a nenos e profesores sen recreo. Aínda que, agora que o penso, o suceso non houbera estado mal para unha crónica.
.

Reyerta por un garrafón de aguardiente (La Región, mayo 1978)
Alonso

El día 29 pasado tres desconocidos se personaron en una taberna que, en la calle de Cervantes de esta villa, tienen don Francisco González Tovar y su esposa doña Vicenta Núñez, donde solicitaron vino. Poco más tarde, uno de ellos se levantó y rogó a doña Vicenta que le pasase unos chorizos por la sartén. Mientras ésta cocinaba, su marido subió al piso, momento que fue aprovechado por uno de ellos para ausentarse del local.

Más tarde, tras pagar sus consumiciones, los dos individuos restantes abandonaron también la taberna. Al poco rato, los propietarios se dieron cuenta de la falta de una garrafa de ocho litros de aguardiente de hierbas, saliendo en busca de los tres sospechosos el señor González Tovar y su hijo. Fueron finalmente localizados en la Plaza Mayor bebiéndose el espirituoso líquido del garrafón.

Recriminados por el hecho, se llegó a la discusión e incluso al forcejeo entre el hijo de los propietarios y uno de los gamberros, cayéndole al primero sus gafas valoradas en 4000 pesetas, las cuales se rompieron en el suelo. A don Francisco González le fue propinada una patada, pero finalmente la intervención de la Guardia Civil acabó con los hechos en el cuartel. Al garrafón en tan breve intervalo de tiempo (sólo unos minutos) le faltaban ya tres litros de su contenido. Finalmente, todo (menos las gafas y el garrafón) quedó como al principio, ya que no fue presentada denuncia del incidente.