Nulla dies sine linea, deixou escrito Plinio o Vello. O aforismo vale tanto para lectores coma para escritores: ningún día sen ler algo para os primeiros e ningún día sen escribir algo para os segundos. Pero nin sequera ós clásicos hai que tomalos ó pe da letra; Walter Benjamin precisaba: «nulla dies sine linea, pero si semanas». Por iso non houbo nada novo neste telderete durante estas últimas.
Como xa teño apuntado, desde hai algúns anos prefiro as viaxes no tempo por xeografías coñecidas ás viaxes no espacio por xeografías incógnitas, sobre todo se estas últimas son distantes ou “turísticas”. Pero con París fixen unha excepción. Na realidade non era unha xeografía descoñecida, a pesar do paso de vintecinco anos desde a que fora a miña primeira e única visita a esa gran cidade. Segue a ser, iso si, certamente distante –alomenos en coche- e turística.
A todo home lle debería repugnar ese dito tan repetido en España: «todas las comparaciones son odiosas». Para medir, o mesmo que para valorar ou para xulgar, é precisa a comparación. A xusta medida das cousas soamente pode establecerse por comparación cunha referencia, que é o que denominamos en física unidade de medida. Resulta evidente que certas comparacións resultan odiosas -sobre todo as que se refiren a persoas concretas e a calidades non mensurables, tales como a intelixencia, a estupidez, a bondade, a maldade...-, pero non todas o son. Gústame máis o equivalente francés da expresión: «il faut se mefier des comparaisons» ‘non hai que fiarse das comparacións’. Paréceme menos categórico e máis acorde co espírito crítico que debe adornar a tódolos homes, e especialmente ós de ciencia.
Dito isto a xeito de proemio, a primeira reflexión comparativa que quero facer entre España e Francia ocorréuseme diante do Panteón, a monumental igrexa neoclásica de Santa Xenoveva, reconvertida pola revolución en panteón dos homes ilustres de Francia. No frontispicio está gravada a célebre inscrición: Aux grands hommes, la patrie reconnaissante ‘Ós grandes homes, a patria agradecida’. Aquí descansan os restos de Voltaire, Rousseau, V. Hugo, E. Zola, A. Dumas, Marie Curie... Hai máis de vinte anos, en Londres, na abadía de Westminster, diante das tumbas de Newton, Darwin, Dickens, Rutherford...., veume á cabeza a mesma pregunta: onde están os restos dos grandes homes de España?
Cando, a mediados do século XIX, a imitación de Francia, se quixo fundar un panteón de homes ilustres de España, en Madrid, abandonouse o proxecto porque os restos dun bo número deles estaban simplemente desaparecidos: Cervantes, Lope de Vega, Calderón, Quevedo, Velázquez... Habería que sumar agora os que aínda xacen no desterro, nas cunetas ou na fosa común: Antonio Machado, Manuel Azaña, León Felipe, Max Aub, Pablo Picasso, García Lorca... Desmemoria e cainismo na nosa historia. Lembro as palabras de Valente, que sempre viviu, e logo morreu, no que el chamaba a extrapatria: «Destierros y exilios caracterizan el ritmo respiratorio de la historia de España hasta tiempos muy próximos». As cinzas do gran poeta repousan agora na terra que o vira nacer. Están xunto ós restos mortais dos seus seres máis queridos, no modesto panteón familiar do cemiterio de Ourense. Penso eu que, de non haber constancia doutras preferencias, tal vez sexa ese o lugar máis propio, natural e axeitado para o depósito dos restos de calquera home, ilustres incluídos. A salvo do escarnio dunha tumba perdida e apartados, na medida do posible, das louvanzas interesadas que adoitan escoitarse baixo as cúpulas suntuosas.
Temos en Galicia o noso Panteón de Galegos Ilustres, nunha capela da igrexa do santiagués convento de San Domingo de Bonaval. Alí están as tumbas de Rosalía, Curros, Cabanillas, ..... Os últimos restos soterrados nese Panteón foron os de Castelao, trasladados desde o cemiterio da Chacarita de Bos Aires, en 1984. Os enfrontamentos que se produciron naquel vergoñento acto, ateigado de “autoridades” pero onde se impediu a presencia do “pobo” polo que Castelao morrera no exilio, seguen vivos na memoria e fan dubidar da necesidade de tales panteóns entre nós. Cando o traslado, penso eu que se debería haber respectado a vontade do finado: - «Si morrese no desterro, os meus osos non se deixarían consumir ate que algún anaquiño d-eles chegase a Pontevedra»-. E cando se honra a súa memoria, que fermoso sería que fose en beneficio do coñecemento da súa obra, e non, como resulta habitual, dos intereses dos que organizan ou promoven os actos conmemorativos. O mesmo principio podería valer para todos.
Durante a súa estancia en París, no ano 1921, visitara Castelao o Panteón. Fixárase na grandeza do templo, na inscrición da portada e no Penseur de Rodin - daquela neste monumento-; pero nin sequera se molestara en baixar a ver os mausoleos dos grands hommes franceses, ós que honraba a miúdo estudando as súas obras. Os panteóns de ilustres, coma as academias, erixidos e promovidos polo que Díaz Pardo cualificaba coma “cultura culta”, producíanlle a Castelao desconfianza e rexeitamento. Eu contenteime con ver o Panteón por fora. Non obstante, fun visitar a sinxela tumba de Sthendal, no cemiterio de Montmatre; quería ler o epitafio que mandou grabar nela: «Arrigo Beyle, milanese. Scrisse, amò, visse Ann. LIX M. II. Morì il XXIII marzo MDCCCXLII» ‘Henry Beyle, milanés. Escribiu, amou, viviu 59 años e 2 meses. Morreu o 23 de marzo de 1842’. Pensei se non sería ese epitafio, escrito en italiano, e onde se declara milanés -a pesar de ser francés, natural de Grenoble-, quen o salvou dun mausoleo no Panteón de París.
1 comentario:
Aparecía onte (15-03-14) no Babelia do País un fermoso artigo asinado por Muñoz Molina: “La tierra en que se muere”. Remata deste xeito:
« El sitio de Antonio Machado no está en Sevilla ni en Baeza ni en Soria: está en Collioure igual que el de Manuel Azaña en Montauban, y que el de Walter Benjamin en Portbou, y el de Hannah Arendt en una pradera en un bosque cerca del río Hudson. García Lorca está en una fosa común y el barranco de Víznar es su monumento funerario, la brecha de una herida que no se puede cerrar. Si quieren hacer algo por la memoria de Antonio Machado que abran las escuelas a una educación rigurosa y democrática como la que él soñaba. Y, ya puestos, que remedien el abandono vergonzoso en el que se hallan, en Baeza, el paseo de Antonio Machado y el monumento a su memoria.».
Publicar un comentario