miércoles, 20 de enero de 2010

Allegro ma non troppo


Haberá un par de meses veume a cabeza algo que lle lera hai anos a J. K. Galbraith (1908-2006), o gran economista norteamericano, autor de libros tan imprescindibles coma La sociedad opulenta, Un viaje por la economía de nuestro tiempo ou La economía del fraude inocente: La verdad de nuestro tiempo. Tratábase de que Galbraith consideraba carente de todo fundamento a teoría das expectativas racionais dos axentes económicos, unha teoría que, simplificando, considera que tanto os directivos das empresas coma os consumidores tratan de maximizar os beneficios. Galbraith opinaba que, na realidade, os managers, tecnócratas e dirixentes das empresas nas que vai quedando o poder das grandes sociedades anónimas, máis que maximizar as ganancias, o que tratan é de manterse no poder de tales corporacións; mentres, unha boa parte dos consumidores, en vez de comportarse racionalmente, compórtanse coma verdadeiros estúpidos. Ou sexa, Galbraith propoñía algo así coma unha teoría económica baseada na estupidez dos consumidores.

Esa lembranza, algo borrosa, levoume a intentar refrescar aquelas ideas botando man do padre Google. E velaí que nunha das primeiras referencias me atopei con algo que dicía: “Las leyes fundamentales de la estupidez humana”. Asegúrovos que pouco me faltou para berrar: ¡Bingo!

Tales leis aparecían enunciadas nun libro que levaba o suxerinte título de Allegro ma non troppo. O autor era Carlo M. Cipolla (1922-2000), que fora catedrático de Historia Económica nas universidades de Pavía e Berkeley. Seguramente tódolos economistas coñecen o libro e o autor, pero eu, que de economista soamente teño o título, confeso que tanto ó autor coma ó libro coñecinos no mesmo momento que os vin en Google. Lin algo nas referencias que me daba o buscador, enunciados das leis incluídos, e pareceume interesantísimo. Foi así que de seguido me puxen a buscar o libro. Non o atopei en Ourense, pero o amigo Carlos Fernández de seguido mo trouxo de Santiago. Despois de lelo, teño que dicir que foi para min un dos descubrimentos intelectuais máis intelixentes e gozosos dos últimos anos. Ademais, o libro, ten unha inmensa vantaxe sobre moitos outros, a penas pasa de 80 páxinas (outra é que o prezo non chega ós dez euros), o que facilita unha práctica recomendada para tódalas grandes obras: lelas varias veces. Podo asegurar que en poucas ocasións o aforismo máis coñecido de Gracián estivo tan magnificamente exemplificado coma neste xenial Allegro ma non troppo de Cipolla.

En suma, o libro non ten perda. E, desde logo, estou seguro que na realidade que vos rodea atoparedes múltiples exemplos onde comprobar a validez dos principios enunciados por Cipolla. Tal como aseguraba Vicent nun dos seus artigos, no creo que haya existido una época en que los cretinos hayan sido tan apabullantes, ni los tontos hayan mandado más; polo tanto, ningunha época mellor ca esta para poñer a proba os enunciados cipollanos e observar o seu estrito cumplimento.

O prólogo, que tampouco ten desperdicio, remata con estas palabras do autor, espero que al leer estas páginas no acaben convenciéndose de que el estúpido soy yo. Eu, na realidade, cando lía o prólogo, conformábame con rematar o libro sen descubrir que o verdadeiro estúpido era eu. E é que, de non ser así, fallaría o que considero un principio máis universal, o que se podería chamar Principio Cero da Estupidez Humana: ¡os estúpidos sempre son os outros!

ANEXO I

As leis fundamentais da estupidez humana de Cipolla:

1ª Lei: Sempre e inevitablemente cada un de nós subestima o número de individuos estúpidos que circulan polo mundo.
2ª Lei: A probabilidade de que unha persoa determinada sexa estúpida é independente de calquera outra característica da mesma persoa.
3ª Lei: A persoa estúpida é unha persoa que causa dano a outra persoa ou grupo de persoas sen obter, ó mesmo tempo, proveito para si, ás veces incluso obtendo prexuízo.
4ª Lei: As persoas que non son estúpidas subestiman sempre o potencial nocivo das persoas estúpidas. Os que non son estúpidos esquecen case sempre que tratar ou asociarse con individuos estúpidos é un erro que invariablemente se remata pagando.
5ª Lei. A persoa estúpida é o tipo de persoa máis perigoso que existe. O estúpido é máis perigoso que o malvado (o que fai dano ós outros para procurarse un beneficio).

ANEXO II (máis apropiado para os que xa leran o libro)

As leis fundamentais da estupidez humana e o II principio da termodinámica

Sen ánimo de crítica, tal vez sería máis lóxica unha ordenación diferente das leis. Baixo o meu punto de vista, a primeira debería sela que Cipolla considera terceira (definición do que se entende por estúpido, que máis que lei é unha simple definición previa, e necesaria, do que debemos entender por estúpido nos restantes enunciados); deste xeito a primeira pasaría a esa posición terceira. Deixaría na posición principal que lle corresponde á segunda lei, para min a máis interesante: a condición de estúpido e independente de calquera outra característica da mesma persoa. Nada ten que ver cos estudos, coa profesión, coa condición social, co grupo étnico, etc, ó que pertenza o individuo. O autor considera que os estúpidos son unha proporción fixa da sociedade, proporción que segundo a primeira lei sempre se subestima. A combinación das dúas leis (primeira e segunda de Cipolla) levaríanos a un resultado curioso: A proporción de individuos estúpidos pode manterse constante ou aumentar, pero nunca disminúe. Enunciado onde calquera pode ver a similude cun principio fundamental da física, o segundo principio da termondinámica: A entropía do Universo permanece constante nos procesos reversibles (procesos ideais) e aumenta nos irrevesibles (procesos reais). A entropía do universo non disminúe nunca. Parece coma se houbera unha relación directa entre a estupidez e a entropía. Na verdade, non pode sorprender o resultado, a entropía, tal como demostrou Boltzman, está relacionada coa desorde dos sistemas, e a estupidez, sobre todo cando alcanza o poder, é unha forma máis de desorde. Das máis perigosas, por certo.

No hay comentarios: