lunes, 28 de diciembre de 2009

Hai hoxe dous, e máis, anos

Se tivera que escoller entre tódolos días do calendario algúns dos que me traen máis lembranzas, un deles sería este: o día dos santos inocentes.

O primeiro que sempre me ven á cabeza, tal día coma hoxe, é a memoria dunha muller que vivía soa nunha casa dos Loureiros, un barrio de San Clodio situado por tras do convento e que agora está deshabitado. A muller en cuestión, velliña e solteira, chamábase Mercedes, a Mercedes dos Loureiros. Non sei por que razón esta mulleriña sempre era o obxecto dalgunha das nosas bromas de nenos no día dos santos inocentes. En concreto, con ela, tratábase dunha trasnada que repetíamos ano tras ano. Preparábamos un paquetiño con figos pasos –a lambiscada de nadal máis popular naquela época, por ser a máis barata-, pero tales figos abríamolos antes, con moito coidado, e enchíamolos de pemento picante. Logo, co paquetiño moi ben feito, con selo e todo, íamos ata a casa da señora Mercedes para entregarllo de parte do carteiro. Penso agora que aquela misteriosa muller -a penas botaba o pe fóra da casa-, obxecto das nosas inocentadas, debía ser moi paciente e xenerosa, pois non lembro que nunca nos recibise con malas palabras. A maiores, unha semana despois, sempre lle íamos cantalos reises e sempre nos daba algo, sen que xamais se queixaxe do picante dos figos. Non hai un día de santos inocentes que non me lembre da boa da señora Mercedes dos Loureiros, e estou por asegurar que o mesmo lle pasa a tódolos que foron nenos en San Clodio por aqueles anos. Sospeito que, cando os cativos aínda pensabamos que o zucre era comida de reis, había unha señora Mercedes en cada freguesía galega.


a cara oculta do Ribeiro
"A degradación soamente é visible para quen coñeceu o pasado"

Outra lembranza que nunca falla nesta data é a da gran crecida do río Avia do ano 1978. Lembro ben aquela tarde de vacacións de Nadal. Chovía a diola dar e estábamos na cafetería do cámping de Leiro xogando ás cartas –¡que ambiente había nas festas de Nadal naquela cafetería e naquela sala de festas do cámping de Leiro!; resulta case imposible que os que ven agora esas instalacións tristemente abandonadas, e non coñeceron aqueles tempos, adiviñen o que era o cámping de Leiro-. Entre partida e partida, á vista do que chovía e da auga que traía o río, saíamos para clavar paus na súa beira e observar como crecía. De supeto, alguén decatouse que o río comezaba a pasar por detrás de nós, polo camiño vello da Esperela á Ponte San Clodio, e tivemos que sair pitando do lugar, antes de quedar completamente rodeados polas augas. De noite, a crecida chegou ata a mesma pasarela que une o campo da Esperela con Leiro, uns seis metros por encima do nivel normal do río, as roulottes que invernaban no cámping apareceron nas viñas do San Martiño, na cafetería a auga alcanzou os tres metros de altura, o edificio da recepción cedeu diante do empuxe das augas...por falar soamente dalgún dos estragos que causou nestas instalacións do cámping e no seu entorno. Foi unha noite pavorosa e de moita angustia para tódolos veciños de Leiro e dos pobos ribeiraos máis próximos ó río. Lembro desa noite, sobre todo, a escuridade –fórase a luz- e o tenebroso bruar do río. Para rematala, sobre as seis da mañá, espertounos a todos un sobrecolledor trono, forte e seco, que moitos cremos que fora o ruído producido polo derrube da presa de Albarellos, un temor que estivera moi vivo aquela noite entre a veciñanza. Por sorte non fora iso, pero non foron poucos os que se levantaron e buscaron cotas máis altas do val.... Foi un día inesquencible, de santos inocentes, de hai trinta e un anos.

A noticia na "Vanguardia"

Podería contar moitas máis cousas relacionadas con días 28 de decembro de anos pasados, a maioría sobre bromas que me gastaron, e que eu, inocente, case sempre cría. Pero, o que me leva a escribir o post de hoxe é outra cousa: a conmemoración da presentación do meu libro Nomes do Ribeiro, outro 28 de decembro, neste caso de hai dous anos. Dado que do acto en si xa hai información suficiente no apartado correspondente da miña web, pensei que unha forma de conmemoralo sería publicando o texto da presentación do libro en Ribadavia; un texto que me teñen pedido algúns dos asistentes, pero que aínda permanecía inédito.

A presentación, na que me acompañou o amigo Manuel Vilanova, o poeta de Barbantes, e Anxo Collarte, concelleiro de cultura, celebrouse o día 14 de xuño do 2008, na casa do concello de Ribadavia. Era unha abafante tarde de sábado. Toda a poboación da Vila estaba pendente, non da presentación do libro, evidentemente, senón do televisor, para ver o segundo partido de España na Eurocopa, contra Suecia, que gañamos 2-1. O mesmo fixemos Manolo e mais eu nun bar da Praza Maior. Por iso chegamos algo tarde ó acto. Aínda así, creo lembrar que fomos os primeiros. E este foi o texto que lin:
Os nomes de Ribadavia
Un ten ás veces a tentación de dicilo todo, sen caer na conta que resulta imposible. Pasoume a min algo diso cando souben que ía presentar o meu libro aquí en Ribadavia e me puxen a anotar ideas para esta presentación. Non era o problema resumir o contido do libro, que, coa idea de que o que os libros queren dicir está escrito, non acostumo a facelo. Ademais, neste caso, seis meses despois da saída do libro á rúa, sei que a maioría dos presentes xa o coñecen e xa saben o fundamental: que é un libro de toponimia e que en, aproximadamente, trescentos artigos dá algún tipo de explicación duns 1200 topónimos ribeiráns, a totalidade da toponimia maior rexistrada, algunha non rexistrada e outra de lugares xa desaparecidos. Daquela, aproveitarei o meu tempo para facer algunhas reflexións sobre Ribadavia e O Ribeiro. Serán reflexións ó estilo das que contén o libro, tratando de non perder o fío das etimoloxías toponímicas e do seu contexto histórico.

Ribadavia: A Vila

Nin que dicir ten que é unha honra presentar o meu libro Nomes do Ribeiro en Ribadavia, a capital do Ribeiro. Unha capitalidade que, no seu aspecto onomástico, recoñecemos os ribeiráns de idade certa baixo o nome da Vila. Ribadavia é para nós a Vila do Ribeiro, ou simplemente A Vila. Como sabedes, vila ven do latín clásico villa ‘casa de campo ou granxa agrícola’, e por iso comezou dando nome a pequenos pobos. Eses pequenos pobos nacían case sempre arredor dunha fundación familiar e acostumaban levar por nome o do seu antigo posesor ou fundador: unha vila Leovesindi, é dicir de Leovesindus, está detrás do nome de Lebosende; unha vila Benedicti, de Benedictus, detrás do de Bieite; unha vila Spanosindi, de Spanosindus, detrás do de Esposende; unha vila Saturnini, de Saturninus, detrás do de Sadurnín, etc. Quedou o nome do posesor e foise o de vila pero permaneceu o rastro nos numerosos lugares que se chaman Cima de Vila, Fondo de Vila ou Cabo de Vila. Co tempo foi variando o campo semántico da palabra, e na idade moderna unha vila xa era unha poboación de certa entidade, unha poboación que tiña algún tipo de xurisdicción e capacidade para poñer unha picota –o monumento onde se expoñía ós reos, verdadeiro símbolo do poder xurisdiccional-. Así, no antigo réxime, foi vila Ribadavia, pero tamén San Clodio ou Beade, cabezas de sendas xurisdiccións, por poñer soamente dous exemplos. Non obstante, coa desaparición das antigas xurisdiccións, a instauración do novo estado liberal e a conseguinte creación dos novos partidos xudiciais, na primeira metade do século XIX, Ribadavia pasou a ser, en exclusiva, a vila do Ribeiro, condición que mantén. Pronto haberá quen queira darlle o título de cidade, como ocorre con outras vilas galegas. Na miña vila de acollida, que é O Carballiño, xa hai indicadores que sinalan cara ó centro da cidade. Sempre abundaron as mentes que consideran que todo é unha cuestión de tamaño, aqueles que sempre prefiren burro grande ande non ande. Non obstante, a min compráceme este concepto de vila, que dalgún xeito combina os dereitos cidadáns e as raíces rurais; é un concepto moi axeitado para todas as vilas galegas, pero especialmente para Ribadavia. Poucas poderían presentar unha estampa mellor para reflectir esa unión dos dereitos cidadáns coa cultura labrega cá daquela IV Asemblea Agraria de Acción Galega celebrada en 1912 aquí en Ribadavia. Aquela asemblea onde a Lira, dirixida polo mestre don Adolfo Campos, estreaba o himno de Acción Galega que leva por letra os famosos versos de Cabanillas:

¡Irmáns! ¡Irmáns galegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Si, aínda que Ribadavia medre moito, ¡que Dio-lo queira!, eu seguirei chamándolle a Vila. Ó fin e ó cabo, a cidade, do latín civitas, representa nunha das súas acepcións, segundo nos lembra o diccionario da Real Academia, “o urbano como oposición ó rural”. Por algo Madrid segue a presumir de ser vila, sen deixar de ser unha gran cidade, e en Francia, ese país onde tanto se respecta o rural, tódalas cidades seguen sendo villes, incluída París.



a cousa ía seria.....


Cando nace O Ribeiro
Ás veces considérase á toponimia un simple divertimento erudito. Non obstante, lonxe diso, a toponimia permítenos a cotío confirmar e precisar algúns datos sobre a nosa historia que dificilmente poderíamos concretar por outros camiños. Convértese así a toponimia en verdadeira fonte da historia.

Agora ben, para acadar ese importante lugar hai que despoxar á toponimia de toda unha serie de mitos. Considero fundamental neste senso un principio que enunciara o insigne romanista e arabista don Álvaro Galmés de Fuentes. Dicía: «Ó estudar e analizar a etimoloxía de calquera topónimo debemos ter en conta, ante todo, a racionalidade da súa nomenclatura. O verdadeiro creador da toponimia, que é o falante, é moito máis racional có que dan a entender as explicacións de moitos etimólogos, e do mesmo xeito que lle chama ó pan pan e ó viño viño, chámalle ó monte monte, á pena pena ó val val e ó río río...». Logo, para distinguir entre varios montes hai que adxectivalos, un é Montealto, outro Monteagudo; para distinguir entre as penas unha pode ser a Pena Corneira e outra a Pena Moura; nos vales un pode ser Valongo e outro Valfrío e, en fin, nos ríos un poderá ser Riobó mentres outro será Rio Mao, porque na toponimia, queridos amigos, tamén hai bos e malos.

Parecería así a toponimia ciencia moi sinxela. Pero ocorre que os topónimos son moi estables e permanecen, mentres as falas van cambiando. Pasado o tempo, o desuso dos idiomas nos que os topónimos foron creados fan que moitos deles se volvan opacos na lingua actual. A proximidade dalgunhas desas voces toponímicas antigas con voces vivas, conduce moitas veces á reinterpretacións toponímicas fantasiosas ou pequenas historias que tratan de explicar o significado de certos topónimos. Acostuman coñecerse estas historias como etimoloxías populares, pero moitas das interpretacións dos eruditos están tan lonxe da verdade coma elas mesmas. Non, nin Lebosende é unha senda de lobos, nin Eira de Mouros ou A Man da Moura aluden ós mouros, nin Sandulces era un santo lambisqueiro...

Tiven hai pouco tempo noticia dunha asociación toponímica que me resultou moi interesante, e que paso a contarvos. Creo que se nos pedisen que pensásemos na palabra máis característica do galego, case todos coincidiriamos na elección. Pois ben, teño que dicirvos que por antigüidade documental, alomenos, non nos pertence a exclusiva de tal palabra: correspóndelle ós cataláns. En efecto, nun diploma do ano 982 o rei Lotario dóalle ó mosteiro de Sant Pere de Roda, na provincia de Huesca e diocese de Lérida, unha herdade que lindaba cun montis qui vocatur Caralio. Curiosamente, uns anos antes, concretamente no 974, outro escribán, supoño eu que relixioso, referíndose ó mesmo monte, nin sequera se atrevía a nomealo e escribía: montis qui habet inhonestum et incompositum nomen. Asociaba o bo do escribán o nome do monte co común do membro viril, de orixe latino, carall. Non obstante, o nome era totalmente honesto, tratábase dun topónimo latinizado que presentaba a coñecida raíz preindoeuropea, kar ‘pedra, rocha’, moi abundante en Cataluña nos numerosos Caral, Caralt e Carant da súa toponimia. Pero non só en Cataluña, nos Picos de Europa está a famosa garganta do Cares, o exemplo paisaxístico máis fermoso sobre o significado desta raíz, unha paisaxe que combina pedra, auga e fortes pendentes. Aquí e agora bastaría achegarnos á ermida de San Lázaro para divisar enfronte os montes da Carixa, documentados como montem carisis no século X, montes que lle dan nome ó pobo homónimo da freguesía de Ponte Castrelo e onde, a outra escala, se repiten as mesmas paisaxes do Cares. Preguntaranse agora que foi daquel monte catalán do Carallo, con perdón: pois segue a existir; infrinxindo tódalas leis da evolución fonética, ten agora o púdico nome de Mont Cavall ‘monte do cabalo’... Non temos, que eu saiba, carallos documentados en Galicia anteriores ó século XIII. Os primeiros, que nada teñen que ver coa toponimia, aparecen na lírica profana galego portuguesa. Famoso debeu ser aquel caralho arreyte dos versos do trobador Fernán Esquío, cando relatan o prodixio de que de resultas dunha das actividades que lle son propias tres mulleres pariron o mesmo día. Interesoume a min iso do carallo arreyte e atopei a etimoloxía indubidable nun diccionario portugués, idioma no que aínda existe o verbo arreitar, derivado do latín vulgar adrectáre, derivado ad+ rectus, textualmente ‘endereitar, levantar, erguer’, cun significado evidente. Non deixa de resultar curioso que o último carallo documental medieval galego que rexistro non sexa humano, senón dun mulo, o dun mulo dun cóengo da Catedral de Ourense ó que o fillo dunha tal Catalina Touciña de Niñodaguia, e leo textualmente no diploma notarial, lle corta o carrallo con un coytelo podadoyro, no ano do señor de 1466.

pero foise animando....

Do mesmo xeito que os galegos non posuímos a exclusiva da palabra que acabamos de estudar, tampouco o Ribeiro como topónimo é exclusivamente noso, dos ribeiráns. Como sabemos Ribeiro é un derivado do latín ripa, substantivo feminino que fai alusión á orela dun río, e que como sabedes aparece detrás do nome desta vila, Ribadavia, antiga Ripa d´Avia. Pero, o que tal vez non saibades é que o mesmo Avia nace na cima de Ripás, textualmente a cima da ribeira, por encima do Casar de Nabo, na serra do Suído. A pesar da claridade do topónimo Ribadavia, un erudito do século XVIII, concretamente Juan Antonio de Estrada, escribía nun dos tres tomos da súa Población General de España unha disparatada e pouco coñecida interpretación toponímica: «Fundáronla Griegos, compañeros de Diomedes, quando Tuy. Después los Hebreos llamaron Avia al río, interpretado Voluntad del Señor; y como está en sus corrientes y Rivera, juntándose voces se dixo Ribadavia» (II, 324-325). Pois ben, do latín ripa deriva riparia 'ribeira'. Non obstante o riparius masculino, riparium no acusativo, preciso para ribeiro non existía no latín clásico co significado de ribeira. O riparium de ribeiro é palabra do latín medieval e ten, creo eu, unha connotación de tamaño con respecto a ribeira igual ca cesta/cesto, leira/leiro ou poza/pozo.
O outro día lía no diario La Región un artigo sobre os viños do Ribeiro onde o autor afirmaba que no século XII xa eran moi apreciados. Tratarei de demostrarvos que isto, falando stricto sensu, non é correcto. A razón é sinxela, no século XII aínda non existía o Ribeiro. Escribía Américo Castro: Pongamos fin a la farsa de llamar españoles al emperador Trajano, al filósofo Séneca y a San Isidoro de Híspalis. Ninguno de los cuales es español, porque entonces no los había; por el mismo motivo no son italianos Augusto y Marco Aurelio, ni francés Carlomagno… Sobre estas reflexións descansa nin máis nin menos que a tese do eminente historiador que considera que en España non houbo españoles, ata o século XIII. Efectivamente, español é vocábulo foráneo, concretamente provenzal, segundo demostrou o suízo Paul Aebischer en 1948. A palabra español, probablemente, chegou do sur de Francia no século XIII. Utilizábana os francos para aludir ó conxunto de habitantes da península ibérica, que se coñecían entre eles como Galegos, Astures, Vascos ou Casteláns. Traio isto a colación porque un erro semellante, aínda que menos transcendental para a historia, comenten aqueles que falan dos viños do Ribeiro antes de que nacese o Ribeiro. Por que, cando nace o Ribeiro?
A Terra do Ribeiro de Avia comeza a aparecer na documentación ó fin do primeiro cuarto do século XIV. A primeira referencia que coñezo é do ano 1325; trátase dun documento de San Clodio que asina «..Afonso Rodriges notario jurado en terra do Ribeyro da Auia..». Esta Terra do Ribeiro de Avia era unha das xurisdicións baixomedievais resultantes da escisión da antiga Terra de Castela e tivo unha vida duns cento cincuenta anos. A última noticia sobre a Terra do Ribeiro de Avia aparece nun documento en galego do libro de notas do concello de Ourense do ano 1467, un ano moi importante na historia de Galicia. Foi o ano no que o pobo cha ó grito de ¡Deus fratresque Galletiae! arremeteu contra dos señores e das súas fortalezas na denominada revolta Inmardiña ou revolta das Irmandades. A iso se refire o documento, onde lemos: «... Os do Ribeyro da Ávea e dos ditos partidos tomaran e querían tomar en sí as ditas fortalesas e derribaron Roucos e Formygeiro e Pena Corneyra e querian derribar a Peroja e Cabadoso e Juuencos...». Era o ano 1467, o ano no que ¡Os gorrións venceran ós falcóns! Como é ben sabido, a alegría dura pouco na casa dos probes, e dous anos máis tarde regresarían os falcóns. Esta vez para quedarse. Non obstante, coa posterior derrota de Pedro Álvarez de Sotomayor fronte ó arcebispo Fonseca, apoiado polos Reis Católicos, iniciaríase unha nova época onde aquela nobreza, incluída a do Conde de Ribadavia, quedaría definitivamente suxeita á autoridade do novo Estado. Unha das víctimas desas revoltas foi a Terra do Ribeiro de Avia que desapareceu como institución administrativa. Nos novos señoríos xurisdiccionais que se configuran no século XVI xa non figura o Ribeiro de Avia, soamente a nova xurisdicción de San Clodio do Ribeiro de Avia mantería o rastro toponímico da antiga terra. O resto do antigo territorio repartiríase entre diversas xurisdiccións, a maioría de señorío do Conde de Ribadavia. Eran as xurisdiccións de Castro Cavadoso, Roucos, Veiga e Carballeda e Ribadavia, distintas pero que se recoñecían na práctica como O Condado de Ribadavia. Coincide esa época do século XVI coa de maior prestixio dos nosos viños, e esta é a razón pola que maioritariamente se coñecen, neses anos, e sobre todo fóra de Galicia, como vinos de Ribadavia. Aínda así, a desaparición do Ribeiro de Avia como entidade xurisdiccional non foi capaz de eliminar o concepto cultural e xeográfico do Ribeiro, tan axeitado que xa quedou definitivamente incorporado ó espírito do pobo galego, a través da fala. Desde entón a palabra Ribeiro expresa esa confluencia secular e ambivalente dun viño e dunha terra cun País. Por iso non dubido eu que Ribeiro é un dos nomes que máis se asocia con Galicia e co galego.

E os nomes de Ribadavia

Falaba na presentación do meu libro en Vigo da importancia dos nomes compartidos. A unión de cada un de nós cunha terra e coas súas xentes ten unha medida bastante precisa no número de nomes compartidos con ela: nomes de persoas, nomes de lugares, de tendas, de tabernas, de librerías... Multitude son os nomes de Ribadavia que se acumulan na miña memoria desde a infancia, e sobre todo desde aqueles cinco anos do bacharelato que pasei no seu instituto. Dicía Max Aub, nun libro imprescindible que se titula La Gallina Ciega, que un é de onde fixo o bacharelato. Non lle faltaba razón: eu, sen renunciar á miña patria máis esencial que é San Clodio, considero a Ribadavia a miña vila lexítima. Xa non vou a falar dos nomes de persoa, sería unha longa lista de compañeiros de instituto, profesores e amigos que non vou a citar por non cansarvos, aínda que son nomes que sempre teño moi presentes. Os nomes de lugar, que é o tema que nos ocupa, tamén son moi abundantes: A Vichita, San Francisco, A Oliveira, A Costa do Sarralleiro, Regato de Maquiás, A Cuenga, A Foz, O Xestal, A Barca -que aínda cruzaban os rapaces que viñan da Arnoia ó Instituto-, O Castelo -que eu lembro cunha piscina e unha pista de baloncesto, onde acostumábamos perder nos campionatos escolares, porque o noso forte era o fútbol-... Pero eu teño debilidade por dous nomes de de Ribadavia. O primeiro é A Fonte da Plata; tan gustosa me parecía a súa auga cando viña ó instituto que unha vez estando enfermo e con moita febre, convencín a miña nai para que me levasen a San Clodio unha botella da súa auga coa idea de que me sanaría: e sanoume. O outro nome que sempre teño presente é A Beronza. O Campo da Beronza era o lugar ideal para latar as clases nas soleadas tardes de primavera. Moitas veces íamos alí simplemente para tombarnos na herba e observar a heroica loita das troitas no seu intento por subir a presa na busca de augas máis puras e frías. Esa lembranza de soleadas tardes, na primaveira da mocidade, deitados alí na Beronza e vendo saltar as troitas, creo que é o que máis se aproxima ó meu mito da felicidade.

Tamén son nomes de Ribadavia o Cine Río, o Cine España e o Cine Principal; algunhas festas do Portal fun capaz de ver ata tres películas no mesmo día, unha en cada un. Bar Caracas: parada do Cabanelas e do Rodríguez. Taller de bicicletas Refugio: partidas de futbolín. Confitería Muradás: pasteis sobrantes á metade de prezo. Tenda do Torejas: galletas de coco. Imprenta Ribadaviense e Librería Valeiras: arumes de libros novos e doces perfumes das gomas de borrar de nata. Bar Evencio, enfronte da Banca Nogueira: bocadillos de xamón e racións de empanada, os días de festa. Bar Alfonso: partidos televisados do mundial de Inglaterra de 1966. Bazar Che: primeira cociña de butano, Corberó, e primeiro disco, Poetas andaluces de Aguaviva. Foto Chao, A Lira, os curas ye-ye, Abrente –que fermoso nome-, O Papuxas.... Nomes e mais nomes compartidos con Ribadavia, nomes que permanecen indelebles na miña memoria; na mesma que se amosa débil e insegura para tantos outros.

Non, a min non me trouxo a Ribadavia nin a súa historia fidalga, nin os seus monumentos, nin a fama dos seus viños; iso atrae ós turistas, e eu non son un turista. A min tróuxome a Ribadavia, o mesmo que a San Clodio e ó Ribeiro, a vida mesma. O azar cósmico que nos coloca a cada un nunha familia e nun lugar do espacio e do tempo foi o que me colocou a min no Ribeiro. Non precisan, polo tanto, nin San Clodio, nin Ribadavia nin o Ribeiro de máis méritos ca esa casualidade cósmica para que eu os teña no centro do meu corazón. É por iso polo que me interesan os seus nomes, como me interesa todo o seu. Tampouco chegaron como turistas a Ribadavia outros dous sanclodiáns coma min, sanclodiáns ós que sería inxusto non citar aquí. Refírome ó Padre Eiján e a don Eladio Rodríguez. O primeiro, superior do mosteiro de San Francisco entre 1915 e 1920, e responsable máximo do reinicio da vida fraciscana nesta vila, deixounos ós ribeiráns ese regalo sen prezo que é a Historia de Ribadavia y Sus Alrededores, o segundo, don Eladio, tamén nos deixou ós galegos agasallos de gran valor, sobre todo o seu Diccionario Enciclopédico; pero ós ribeiráns deixounos ademais o himno poético por excelencia destas terras, que non é outro que o poema Meu Ribeiro, un dos poemas máis toponímicos da literatura universal, o que fala das aldeas virxilianas do Ribeiro e desta vila de estreitas calexas e recunchos meiguiceiros. Ningún dos dous, nin o Padre Eiján nin don Eladio, cobraron un céntimo polos seus traballos, o mesmo ca don Leopoldo Meruéndano ou Rubén Álvarez, ós que Ribadavia lles debe tanto. Moito leva chovido desde que os egrexios ribeiráns que acabo de citar publicaron as súas obras, pero en moitos aspectos seguen sen ser superadas. Si, a pesar de subvencións, proxectos, xornadas, universidades, publicacións con todo luxo de cores, etc..., esas seguen a ser as referencias fundamentais para quen queira coñecer O Ribeiro. Non obstante, resulta curioso que nin un só centro educativo destas terras faga honra ós seus nomes. O mesmo lles pasa, queridos amigos, a moitos dos nomes de lugar que recolle o meu libro, a pesar de ser parte fundamental do noso patrimonio e da nosa identidade, unha boa parte deles non gozan nin dun triste carteliño que os conmemore, e outros, simplemente, van perdéndose entre o mesmo mato do que emerxeran cando foran bautizados polo home.

Remato, que tiñan en común o Padre Eiján, Don Eladio, Leopoldo Meruéndano e Rubén Álvarez? Direivos que tiñan o mesmo có chorado Xosé Carlos Gómez Alfaro, o poeta que ven de pousar, definitivamente, a súa saudade no Ribeiro. Todos eran ribeiráns e todos sentían esta terra coma súa. Iso foi o que os empuxou a traballar por ela, e por iso o mellor vennos deles. Ningunha comparación admite esta miña humildísima obra, que hoxe vos presento, coa dos autores que acabo de citar, pero vale a súa lembranza para dicirvos que eles foron a miña guía. Tamén para lembrar algo que moitas veces esquecemos os galegos en tódolos ámbitos: que é preciso querer a todos, pero hai que comezar polos nosos.
Moitas grazas


comentarios:

Maeloc dijo...
Si, nas illas Medas ou Medes do mediterráneo catalán existe unha pedra mariña con forma de carallo, chamada El Carall Bernat,transformada eufemisticamente en Cavall Bernat.
30 de diciembre de 2009 14:55

Maeloc dijo...
Cavall Bernat non é eufemismo pleno, pois a palabra bernat en determinados rexistros do idioma catalán seica significa erecto; de aí que o topónimo EL Carall Bernat signifique carallo ou falo erecto, de acordo coa forma deste illote
31 de diciembre de 2009 21:49

Amigo Maeloc, grazas polos teus comentarios, que inserto aquí para poder exemplificar con varias fotografías o tema de Cavall Bernat. É un topónimo que se repite por toda Cataluña, Valencia e Baleares, dando nome a rochas de forma fálica.

Cavall Bernat de Monserrat




Cavall Bernat de Matadepera
Illote Carallot

Hai acordo unánime en canto a que Cavall é forma eufemística de Carall, non obstante dubídase de Bernat. Para Joan Amades podería vir de vernat ‘illado’ (polo feminino da expresión sol-i-ver ‘só e abandonado’); Enric Moreu-Rey supón un carall armat e Joan Coromines (voz carall, DEcat.) un antigo carall *baranat, derivado de barana, á súa vez de BARANDA. Rafael Chacón, pola súa banda, nun interesante artigo, que leva por título "Carajo, carallo/caralho, carall” (http://www.tallerediciones.com/cuza/modules.php?name=News&file=article&sid=290), escribe: «Bernat en origen es una barra de ferro amb la punta torçuda en angle recte que, penjada per l´altra en una anella clavada en el gruix de la obertura d´una porta, en un peu dret, etc., serveix per a assegurar la fulla d ela porta, una peça plegadissa, etc., ingroducint-ne la punta ena anella o baga qui ha en aquesta según el Dicionari de la Enciclopedia Catalana. Bernat está pues en la expresión de carall bernat por erecto...». Ou sexa que o tan repetido Cavall Bernat podería rematar sendo un Carallo Arreite. ¡Alabado!
A foto, “o carallo 29”, que encabeza o artigo de Rafael Chacón, non ten perda:



Outro enigma para min: o 29 da tan coñecida expresión.

De tódolos xeitos non estou moi convencido de todo o escrito arredor dos cavall bernat, habería que coñecer, sobre todo, os nomes que aparecen na documentación antiga: sospeito da repetición do eufemismo Cavall, da repetición de Bernat, dunha serra do Cavall Bernat en Mallorca, na que eu aprecio forma de cabalo saíndo da auga. Aí tedes a foto:







E dunha rocha de la Verna rexistrada en Cataluña... ¡Cheirame a tautoloxía! Pero, en fin, bastantes inseguridades teño eu na toponimia galega para meterme coa catalana.

4 comentarios:

Maeloc dijo...

Si, nas illas Medas ou Medes do mediterráneo catalán existe unha pedra mariña con forma de carallo, chamada El Carall Bernat,transformada eufemisticamente en Cavall Bernat.

Maeloc dijo...

Cavall Bernat non é eufemismo pleno, pois a palabra bernat en determinados rexistros do idioma catalán seica significa erecto; de aí que o topónimo EL Carall Bernat signifique carallo ou falo erecto, de acordo coa forma deste illote

Alberto dijo...

“No carallo vintenove”,” no quinto carallo” son expresiones típicas para indicar que algo queda “a tomar por culo”.
Pero en Galicia, o carallo 29 existe de verdad. Es un gran pene que hay en la zona vieja de Santiago en el número 29 (como no) de la Rúa Travesa, que se corresponde con la fotos que tienes publicada.

Frutos dijo...

Hom! Moitas grazas: un enigma menos. Igual ata sabes de cando data o curioso pelouro arreito e a finalidade que tivo a erección –nunca mellor dito- da obra.