Prometín que este post trataría sobre a etimoloxía de Távora. Case estou arrepentido de tal promesa pois trátase dun tema complexo que supera con moito as miñas capacidades de análise. Limitareime entón a recoller as opinións máis autorizadas e, se acaso, apuntar algún detalle que observo, por se puidera axudar a esclarecer o verdadeiro significado do topónimo, aínda escuro.
Para comezar convén sinalar que en Portugal temos unha freguesía de Távora no concello de Tabuaço (Distrito de Viseu), e dúas (Santa María e San Vicente de Távora) no concello de Arcos de Valdevez (Distrito de Viana do Castelo). As tres están á veira de ríos, a primeira precisamente do río Távora, afluente do Douro, e a segunda e a terceira, limítrofes, do Lima.
Para comezar convén sinalar que en Portugal temos unha freguesía de Távora no concello de Tabuaço (Distrito de Viseu), e dúas (Santa María e San Vicente de Távora) no concello de Arcos de Valdevez (Distrito de Viana do Castelo). As tres están á veira de ríos, a primeira precisamente do río Távora, afluente do Douro, e a segunda e a terceira, limítrofes, do Lima.
Ver mapa más grande
Hai que desbotar en primeiro lugar a posibilidade dunha evolución tabula > távora, a partir do latín tabula ‘táboa’, tal coma a que eu supoñía antes de estudar a cuestión. A documentación no século XII de formas Tavara/Tabara para as dúas localizacións, segundo ten comprobado Almeida Fernandes, e a ausencia de calquera referencia a tabula ou távola (palabra que existe en portugués, tal vez por influencia do italiano tavola, e que podería xustificar tal evolución), así o aconsellan. Tamén teño que dicir que non atopei ningunha referencia de Tavoras nin de Tavaras na documentación medieval de Galicia.
Segundo Edelmiro Bascuas a orixe do topónimo Távora estaría, con bastante probabilidade, na raíz hidronímica indoeuropea *TĀ- ‘derreterse, fluír’. Dedica o eminente profesor un extenso capítulo do seu libro Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia ó estudo desta raíz. Relacionados con ela estarían hidrónimos tan importantes coma Tambre ( o Tamaris de P. Mela e o Tamara de Ptolomeo), Támega, Tea (Tena), Texo (Tagus) ou Támesis; e topónimos coma Tamaguelos, Tamallancos, Toubes, Temes ou Teis, por citar soamente uns poucos. O caso de Távora estaría dentro do grupo de topónimos que presentan esta raíz con alongamento –b(h)-, base *Tab(h)-, coincidente coa do latín tabes ‘fusión, supuración, decaemento’, xunto a Tabeaio, Tabeirós, Taborda, Tabagón...
Ver mapa más grande
O valor hidronímico parece confirmarse no caso do Távora do concello de Tabuaço, onde a freguesía e o pobo homónimo poderían ter tomado o nome do río, como sucede con frecuencia (Tambre, Barbantes, Barón, Arenteiro...). Este feito parece confirmarse pola existencia do río Tavarela (diminutivo de Távara), un dos tres cursos fluviais que forman o río Távora. Por outra banda, cabe dicir que as paisaxes do río Távora son fortemente empinadas e, se acaso, o pobo de Távora ocupa un pequeno descanso ou chaira na ladeira que se ergue dende o río ata as cumes dos cotos. Non queda tan claro o valor hidronímico de Távora nas dúas freguesías de Arcos de Valdevez. Os nomes, Santa María de Távora e San Vicente de Távora, parecen referirse ás terras sobre as que se estenden estas dúas freguesías, bastante chairas e que desaugan cara ó río Lima. Neste senso hai unha clara semellanza coa terra de Tábara, concello e bisbarra do mesmo nome na provincia de Zamora, unha penichaira entre o río Esla e a Serra da Culebra, tamén con lixeira inclinación cara ó río. En tódolos casos trátase de terras graníticas ou pizarrosas, que nada teñen que ver coas terras lamentas coas que ás veces se asocia esta raíz hidronímica.
Ver mapa más grande
Ademais da existencia dun lugar de nome Tavarela na freguesía de Santa María de Távora, hai outra coincidencia, coido que importante, entre as dúas localizacións portuguesas dos Távora. Nos dous casos, a penas uns quilómetros río arriba están as localidades de: Tabuaço (escrito antigamente Tavoaço), preto do Távora do Douro, e Tabaçô (rexistrado en algúns documentos antigos coma Tavazo), preto do Távora Minhoto. É dicir, nos dous casos temos Távora, Tavarela e Tabuaço/Tabaçô. Opina Bascuas, partindo dunha forma *Tab-ara, combinación da base hidronímica Tab- co sufixo átono prerromano –ara, do que xa falamos en Longara/Longora, que, con algunha reserva, «puede aceptarse como segura la relación etimológica entre Tábara, Távora y Tavarela, y como probable el valor formalmente hidronímico de Távora». Non obstante, dubida de forma clara para Tabaçô e Tavoaço entre a relación coa base *Tab ou co latín tabula. Opino eu que esta coincidencia toponímico-xeográfica que rexistro apunta no sentido de que a relación etimolóxica entre Tábara, Távora e Tavarela pode que sexa extrapolable a Tabaçô e Tabuaço.
Para rematar, teño que dicir que, dándolle voltas e máis voltas á orografía do terreo onde se presentan as diferentes Tábara e Távora/s, tratando de buscar algunha característica común, atopo dúas. A primeira resulta evidente, todas estas terras están á beira de ríos. A segunda, que se trata nos tres casos de chairas situadas en terreos montañosos. No caso da Távora de Tabuaço esa chaira é soamente un pequeno descanso na empinada ladeira, o suficiente para que se asente o pobo e pouco máis; pero a dimensión das cousas ten sempre un aspecto relativo e canto máis montuosa sexa unha paisaxe máis significativa pode resultar unha pequena chaira (na estrada que sobe a San Clodio, “O llano” non ten máis de 20 metros de lonxitude, pero ¡como agradecía eu chegar a el cando subía a “carretera nova” en bicicleta!). Lévame iso, se penso na semántica, a non desbotar unha posible relación con taboa, pola acepción que ten de cousa lisa ou chaira e alongada, ou ó céltico tal- “chaira, solo’; pero non son eu quen de valorar tales posibilidades. Relaciónanse os topónimos Taveira, Taveiro ou Tavares co grupo de topónimos que comezan por Talav-, grupo ó que pertence Talavera, para o que F. Villar supón un composto Tala-bara; esa relación parte da existencia de referencias documentais tales coma Talaueyra, Talabairo ou Taavares. Son referencias das que carecemos para Tabara. Non obstante, atopo que en 1258, nunha lista das igrexas situadas entre o Lima e o Miño, aparece a freguesía de Tabaçô escrita coa forma Taavazo, un caso onde tamén parecía claro que non había relación con Talav-....
En suma, a toponimia é unha disciplina moi difícil, e nos casos complexos, coma este de Távora, resulta imprescindible a valoración da cuestión desde múltiples puntos de vista -históricos, documentais, morfolóxicos, fonéticos, semánticos, orográficos, .....-, case sempre inabarcables para unha persoa soa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario