martes, 2 de febrero de 2016

Desigualdade



O 24 de xaneiro do 2014 publicaba nesta columna un artigo titulado “85 ricos”. O título facía referencia a un informe de Oxfam sobre a desigualdade no que se subliñaba que 85 ricos acumulaban tanta riqueza coma a metade máis pobre da poboación mundial, é dicir, coma 3.600 millóns de persoas. Pois asómbrense máis: no informe deste ano constátase que agora xa é suficiente cos 62 máis ricos para obter o mesmo resultado. É dicir, a desigualdade, lonxe de diminuír, segue medrando; ata tal punto que, de seguir así, a civilización do Gran Irmán xa está á volta da esquina…
      A algúns pareceranlle aburridos e repetitivos estes informes que, ano tras ano, Oxfam publica e os medios de comunicación divulgan. Pois direilles que para min resultan esenciais e oportunísimos: un, porque, segundo ten sinalado o Papa Francisco, “a desigualdade está na raíz de tódolos males sociais”; dous, porque resulta de todo punto inadmisible que nunha sociedade rica coma a nosa, cada día se deiten con fame máis de 800 millóns de persoas; e tres, porque, como deixou escrito Proust, “hai que repetir, por ser poucos os que queren escoitar”.
      O informe Oxfam deste ano titúlase “Unha economía ó servizo do 1%”, porque quere denunciar como o sistema económico mundial está manipulado en favor do 1% máis rico, que xa posúe máis riqueza có 99% restante, cousa nunca vista. E a manipulación consiste, básicamente, en centrar a carga tributaria no traballo e no consumo, mentres se alixeira impúdicamente sobre a riqueza e o capital, e en permitir a evasión a través dos paraísos fiscais.
      Para España o informe non pode ser máis demoledor, ó presentala como campiona en desigualdade: por ser o segundo país da OCDE onde máis medrou a desigualdade desde que comezou a crise; por pasar no mesmo período dunha situación intermedia a estar entre os cinco primeiros países máis desiguais, xunto a Portugal, Italia, Grecia e EE UU; e por ter a máis de 13 millóns de persoas en risco de pobreza ou exclusión social, 2,3 millóns máis ca no 2008. Detrás disto están, entre outras realidades: que 9 de cada 10 euros recadados saen dos petos dos traballadores e só 1 dos rendementos do capital; que 17 das 35 empresas do IBEX35 non pagan nada por imposto de sociedades en España, ou que a “inversión” española en paraísos fiscais aumentou un 2000% no 2014, mentres cara a UE, por exemplo, caía un 15%: só para as Illas Caimán fóronse ese ano 1969 millón de euros, 64 veces máis cós que foron a Alemaña…
      Hai inocentes que pensan, e malintencionados que defenden, que esta esaxerada desigualdade é un efecto da crise, que sempre golpea máis ós débiles, pero que unha vez se recupere o crecemento o estado social volverá a ser o que era. É a mensaxe que se envía desde o poder; pero a historia ensina outras cousas. Lean a T. Judt, a T. Piketty, a P. Krugman, a J. Fontana…Daranse conta entón que a “gran diverxencia” da desigualdade leva corenta anos configurándose, que as épocas de crise son aproveitadas para apertarlle as porcas á parte débil, e que as conquistas sociais nunca foron concesións humanitarias dos ricos nin viñeron da man do crecemento económico, tan só da loita social e política dos traballadores organizados. 
      Agora están a suceder cousas no país que nos preocupan. Xa vai alá máis dun mes das eleccións e o panorama político en vez de aclararse semella cada vez máis confuso. E talvez este cronista semanal debería atender a eses acontecementos… Aínda que, pensándoo ben, se cadra xa está atendendo: reflexionen senón sobre as palabras que citaba do Papa Francisco.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 31 de xaneiro do 2016