lunes, 22 de febrero de 2016

Ondas gravitacionais


   O pasado 11 de febreiro sabiamos da primeira detección directa de ondas gravitacionais, importante predicción da teoría  xeral da relatividade enunciada por Einstein hai agora cen anos. Pero, que  é unha onda? Unha onda é simplemente a propagación dunha perturbación a través do espazo; por exemplo, cando perturbamos a superficie da auga dun estanque afundindo un corcho e soltándoo, apreciamos como o movemento do corcho vai xerando unhas ondas que se propagan a través de toda a superficie da auga. Pois ben: creo que no esaxero se digo que unha parte esencial do coñecemento científico actual descansa sobre o que sabemos das ondas, do seu comportamento e dos seus diversos tipos, xa que non todas son igual de evidentes nin de importantes.
    En 1865 o físico británico J. C. Maxwell presentou a súa teoría do electromagnetismo. Das súas ecuacións deducíase que as cargas eléctricas aceleradas deberían emitir ondas electromagnéticas que se propagarían no baleiro cunha velocidade que, curiosamente, coincidiría coa da luz. Maxwell faleceu en 1879 e non puido ver como os experimentos confirmaban a veracidade da teoría en 1888. Ese ano, o físico alemán H. Hertz, cun simple arame enrolado a xeito de espiras, construíu un circuíto eléctrico oscilante que xeraba unhas ondas electromagnéticas coma as que Maxwell predixera. Logo fóronse descubrindo as diferentes bandas do espectro electromagnético, das ondas de radio ós raios gamma, pasando polo infravermello, o visible (a luz visible resultou ser unha estreita banda do espectro electromagnético), o ultravioleta e os raios X. E para listar unha mínima parte das consecuencias destes descubrimentos e das súas aplicacións non chegaría o espazo desta columna: radio, televisión, diagnóstico médico, espectroscopía atómica e molecular, radioastronomía, resonancia magnética, técnicas de difracción, etc.
    Dun xeito bastante semellante ó da historia contada, a teoría da relatividade xeral de Einstein predixera que as masas en movemento provocarían perturbacións no tramado espazo-tempo que se propagarían como “ondas gravitacionais”, tamén á velocidade da luz. Pero isto nunca se observara de xeito directo, debido sobre todo ó carácter “ríxido” do espazo-tempo, o que significaba que as deformacións producidas por estas perturbacións nas dimensións dos obxectos serían tan pequenas que talvez non puideran ser apreciadas. Pero a tecnoloxía láser combinada coa capacidade inventiva do home veñen de superar ese obstáculo co interferómetro LIGO, un aparello que pode detectar unha variación de tan só 10E-19 m  na lonxitude dun brazo de 4 km de longo (coma notar a variación do diámetro dun pelo na distancia da Terra ó Sol!). Sobre a base dos sinais observados, os científicos pensan que o evento causante da perturbación detectada  tería sido unha colisión de dous buratos negros que sucedeu hai uns 1300 millóns de anos! Imaxinen as portas que iso pode abrir para unha mellor comprensión do Universo e da rebelde forza da gravidade!...
    Todo isto lévame a tres reflexións complementarias. Primeira, a excelencia dunha teoría non vén tanto de explicar fenómenos coñecidos, coma da capacidade para predicir outros aínda non observados. Segunda, o coñecemento da obra dos máis grandes é sumamente beneficioso: induce á emulación e á humildade. Terceira, a medida do xenio de Einstein sería a do sabio “normal” multiplicada por cinco; Emerson dixera que «a medida dun sabio consistiría en convencer ós homes da súa razón vinte anos despois», e Einstein segue convencéndonos pasados cen!

Artigo publicado no diario La Región o domingo 21 de febreiro do 2016.