lunes, 8 de febrero de 2016

Demografía

A demografía é a ciencia que estuda a poboación dun territorio co obxecto de analizar como se formou, como se conserva e como é previsible que evolucione. Calquera medianamente informado sabe que se trata dunha das disciplinas que máis malas noticias leva traído a Ourense no último medio século. E xusto na raíz deste artigo está unha que lía neste periódico hai apenas quince días: a que informaba que a caída de poboación en Ourense xa afectaba ás vilas.
      O concepto de vila como poboación de certa importancia, no que a tamaño se refire, é contemporáneo. Saben cales eran as dúas vilas máis grandes da provincia a mediados do XIX, recén estreado o Estado Liberal cos novos concellos e partidos xudiciais? Allariz, cuns 1700 habitantes, e Ribadavia, cuns 1300; mentres, Carballiño e Verín, agora as dúas máis populosas, andaban polos 700, é dicir, non pasaban do tamaño dunha aldea grande. Mesmo a cidade de Ourense non chegaba ós cinco mil habitantes.  Non obstante, a provincia xa tiña 380.000, mentres Galicia roldaba os 1.5 millóns e España os 14. Hoxe, despois dos dous séculos de maior desenvolvemento da historia da humanidade, cando Galicia anda polos  2.7 millóns de habitantes e España polos 46, Ourense está en 318.000. É dicir, nun tempo en que Galicia –que non é un exemplo de éxito demográfico- case duplicou a poboación, e España máis que a triplicou, Ourense perdeu cerca dun quinto da súa. Talvez non exista compendio máis claro nin máis breve da nosa fracasada historia contemporánea.
      Todo o mundo sabía do despoboamento do rural, das numerosas aldeas e parroquias que quedan sen xente. Pero a maioría pensaban que a cousa quedaría aí, que non chegaría á capitalidade dos concellos e menos ás vilas. Os datos demostran o equivocada que estaba esa maioría; porque non consideraba que o desenvolvemento das capitalidades municipais, o das vilas e, en certa medida, ata o da cidade de Ourense, ocorreu maiormente a conta do declive e éxodo do rural, e non por un desenvolvemento endóxeno da súa capacidade industrial e productiva. Agora comezamos a ver o alto prezo a pagar polo abandono á súa sorte do campo, pola masiva emigración de hai medio século e por non ter sabido establecer un modelo productivo acorde cos novos tempos, o que houbera esixido facer un uso adecuado dos cuantiosos recursos que chegaron, tanto por aforros dos emigrantes coma por vía institucional despois da nosa integración en Europa. 
      En ausencia diso, foron primeiro as aldeas do rural as que comezaron a despoboarse, alá polos anos cincuenta-sesenta, logo veu o declive dos pequenos concellos, arredor dos oitenta, e agora comeza o das vilas, incapaces en xeral de manter a súa poboación actual por tres motivos fundamentais: por converterse en cabeceiras de comarcas semidesertas; por carecer dunha estrutura industrial e productiva, máis alá do comercio e da construcción; e por deixar de recibir gran parte do fluxo de diñeiro que viña dos emigrantes. 
      Foi hai uns mil anos cando de verdade se comezou a formar este pobo que hoxe coñecemos por Galicia. Daquela, os nosos devanceiros comezaron a vencer ó imperio do monte e apareceron as xeometrías dos campos traballados, das aldeas, das parroquias, das vilas…Daquela naceu case todo o que hoxe nos identifica, incluída a lingua. Agora, por primeira vez desde entón, o país do interior corre un serio perigo de quedar outra vez a monte. A terra queda sen pobo, que diría Celso Emilio, e os que mandan semellan querer frear esa ameaza co turismo rural, co termalismo decimonónico, coas festas gastronómicas, cos entroidos ancestrais... Aspirinas contra a pulmonía!

Artigo publicado no diario La Región o domingo 7 de febreiro do 2016.