domingo, 11 de marzo de 2018

O MIR docente

A miña ignorancia sobre a maioría das cousas é supina. Non obstante, hoxe escribirei sobre un tema no que esa ignorancia non pode ser total: refírome á docencia. En vinte e catro anos de estudante, repartidos entre unha escola, dous institutos e tres universidades, e corenta de profesor, nunha universidade e en tres institutos, algo debín aprender de todo iso. Así que, unha vez anunciada polo ministro do ramo a próxima posta en marcha dun MIR para profesores, permítanme que escriba algo sobre o acceso á función docente.
 Cando eu rematei os estudos da miña primeira carreira, hai diso corenta anos, un licenciado podía presentarse ás oposicións para profesor; o único que se lle pedía a maiores era  a realización do chamado CAP (Curso de Aptitude Pedagóxica), que tiña unha duración de seis meses e consistía nunhas poucas clases de pedagoxía e nunhas cativas prácticas nun instituto. En xeral, os opositores considerabamos aquel CAP unha perda de tempo, pero había que facelo e xa estaba; ademais, apenas roubaba máis tempo có das clases e compaxinábase facilmente coa preparación da oposición. Desde hai uns sete anos esíxese o denominado máster do profesorado, dun ano enteiro de duración, moito máis caro co antigo CAP e cunha  esixencia de dedicación dos alumnos incomparablemente maior. Pero o caso é que a maioría dos profesores que se incorporan por esta vía á docencia transmítenme a mesma opinión sobre este máster cá que nós tiñamos do CAP: que se trata dunha absoluta perda de tempo.
Eu, se queren que lles diga, xa supoñía algo así. En España, de hai uns vinte e cinco anos para aquí, o principio do beneficio económico ocupa o centro de tódolos intereses vitais, incluso en espazos onde non cabe tal principio: caso dos bens públicos. Deste xeito, cando se fai algunha proposta, sexa do tipo que sexa, e preséntese como se presente, o que realmente impulsa as decisións, na maior parte dos casos, son os intereses pecuniarios de determinados grupos de futuros beneficiados. E todo o resto é secundario.
É falso que o problema da educación en España radique na formación inicial do profesorado. O problema está dentro, na propia ordenación do sistema educativo, que semella unha empresa con traballadores cualificados pero que falla na organización. Por iso  nunca cabe esperar grandes resultados neste campo, e cando se produce algún é a pesar da deficiente dirección.
Que significará ese novo MIR que agora se anuncia? Deixen que llo diga: máis  exames e penalidades para quen pretenda ser profesor, maior retraso na idade de incorporación do profesorado a un traballo estable,  un bo negocio para todos os que participen da nova estrutura e ningunha mellora substancial do sistema educativo...  Unha pregunta final: por que non se copia o modelo de acceso dos xuíces: primeiro a oposición, sen necesidade de máster, e logo a formación específica e práctica nunha escola de profesores semellante á Escola Xudicial; algo parecido, por certo, ó que se fai en países coma Francia ou Finlandia? Permítanme unha resposta: non se fai porque iso significaría o remate dun gran negocio para algúns!

Artigo publicado no diario La Región o domingo 25 de febreiro do 2018.

No hay comentarios: