A realidade que eu coñecín xa non existía...
as casas, os camiños, os paseos, desgraciadamente
son tan fuxitivos coma os anos.
Marcel Proust
De rapaz gustábame enviar por correo aqueles impresos que, ás veces, viñan adxuntos a produtos tan diversos coma os álbums de cromos, os paquetes de deterxente ou os anuncios dos cursos CEAC. Facíao coa esperanza de que algún día me tocase algún dos premios que anunciaban. Pero, nesas circunstancias, había algo que sempre me producía certo desacougo: era a solicitude que facían do nome da calle onde se residía. Na realidade, San Clodio o que se di calles non tiña, aínda que eu era da Calexa, igual có Meluco, o Gonzalo, ou o Carlitos. Dubidaba que tal nome aparecese nalgún rexistro, pero como sabía que o carteiro, o Antonio “O Salgado”, o coñecía, remataba escribindo fachendoso no meu enderezo: “Provincia: Orense; Municipio: Leiro; Población: San Clodio; Calle: La Calexa".
A "Calexa" de San Clodio
Sendo xa persoa adulta, entereime, con grande desgusto, que calexa, aquel nome que a min me parecía tan galego, non era galego. Que en todo caso a miña querida Calexa sería unha calella, unha canella ou, se acaso, unha ruela. «Bueno, que todo sexa pola causa!», pensara eu daquela, pouco convencido. Confiaba, en última instancia, que a ninguén se lle ocorrería poñer un cartel na Calexa onde rezase algo así coma: “Rúa A Calella”, “Rúa A Canella” ou -non quero nin pensalo!- “Rúa A Ruela”. Claro que, tampouco había que desbotar esa posibilidade: un xa tiña visto cousas peores en San Clodio!. Pero, o caso foi que un día, gañando o tempo en Pazos de Arenteiro, atopei, entre os esaxerados (por dispendiosos) carteis que dan nome ás rúas da localidade, un que rezaba “A Calexa”. Estaba posto nunha calexa cuspidiña á de San Clodio, xusto a que está pegada á casa reitoral. Iso volveume abrir a ferida normativa, que decidín curar dunha vez.
A "Calexa" de Pazos
O primeiro que atopei, con sorpresa, foi que a palabra existía no portugués. No dicionario Houaiss, por exemplo, caleja é ‘rua estreita, caminho estreito’, igual cás calexas que eu coñezo. Na etimoloxía, o mesmo dicionario documenta a forma galego portuguesa no século XIV, e supón que viría do castelán calleja, de calle, do lat. callis ‘camiño’. A razón da explicación etimolóxica estaría en que o sufixo portugués diminutivo, e con certo sentido piorativo, -ejo/-eja (-exo/-exa en galego, con fonética semellante) considérase con probable orixe no castelán -ejo/-eja (lat. -iculu, o mesmo que en galego deu -ello/-ella). A verdade é que algunha forma documentada en latín medieval, tal como callegia, tanto podería estar detrás do calexa galego-portugués coma do calleja castelán. Do mesmo xeito, as formas escritas caleia, do galego medieval e ben documentadas, deberían corresponder na fala a calexa, o mesmo que as igreia corresponden a igrexa. Pero, aínda que fose castelanismo (que neste caso sería medieval!), que é o máis probable, o que sorprende é que os portugueses o acepten e os galegos non.
Incluso estou convencido de que algunhas Calexa de vilas de Galicia xeraron o apelido correspondente, o que sería unha proba de antigüidade engadida. Como explicar senón os 324 casos que presenta o apelido Calleja en Galicia; viñeron todos de Castela? Non o creo, máis ben debe tratarse da castelanización do galego. Sería difícil de explicar doutro xeito que, por exemplo, soamente en Celanova teñamos 22 rexistros do apelido.
Aparece agora calexa nalgún diccionario (p.ex. no Dicionario de Xerais) como sinónimo de canle ou cal (do lat. canalis). Pero, os dicionarios históricos de galego anteriores a mediados do século XX ignoran esa acepción, e a min paréceme que, en todo caso, sería secundaria respecto da primeira, da de ‘rúa ou camiño estreito’ (que si aparece no Dicionario Estraviz e na maior parte dos dicionarios históricos). O que non trae ningún dicionario é unha das poucas acepcións de calexa que se mantén viva no galego, polo menos no galego do Ribeiro: “vir coma unha calexa”, que é “vir borracho coma unha cuba”, “cheo coma un pipote” ou “cheo coma un pelexo”. Si, pelexo e non pelello, señores normalizadores! (Basta acudir ó TILG para comprobar que pelexo documéntase como forma única desde o século XVIII e pelello soamente aparece desde 1987, recén encetada a época dos normalizadores. Si, xa sei que se documentan varios pelellos no galego medieval, pero todos, que eu saiba, na versión galega da General Historia de Afonso X, traducción culta polo tanto do castelán pellejo, palabra que o pobo galeguizou como pelexo, o mesmo que calleja>calexa).
Escribiría hoxe Calexa no meu enderezo totalmente convencido, sen importarme o que dixeran os normalizadores, principalmente se pertencesen ó grupo, non pequeno, dos que parecen ter como obxectivo principal espantar galegofalantes. O malo é que xa non é posible o regreso ós territorios da infancia. Aínda así, hai algo que sempre me leva á miña Calexa, hoxe mero espazo físico cargado de ausencias. É a fermosísima canción Mi Calle, de Lone Star, da mesma época na que eu, inocente, cubría impresos que ninguén lería. Máis ou menos coma agora.