jueves, 3 de diciembre de 2009

Rosquillas Tábora


Hai uns días estiven en Silleda. Celebrábase o XXII Congreso da Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), asociación da que presumo ter sido presidente fundador, e agora socio de honra. Nin que dicir ten que o congreso foi un verdadeiro éxito e que ENCIGA goza de mellor saúde ca nunca nas mans de Paulino Estevez, ourensán de Ramirás, residente en Santiago e gran profesor e amigo desde hai tantos anos.

Pois ben, o xoves día 19 de novembro, á noitiña, despois de escoitar como Ramón Cid Manzano, outro grande amigo –tamén ourensán, este da capital, e tamén residente en Santiago-, nos tranquilizaba, demostrando que os posibles micro buratos negros que se podían crear no gran acelerador LHC do CERN non acabarían por tragar a Terra, dirixinme á Confeitaría Tábora, para mercar unhas rosquillas. Certamente ía confiado e contento; parecía que a pesar da posta en marcha do LHC, o planeta Terra aínda duraría o suficiente para que eu puidera desfrutar das rosquillas Tábora na compañía da miña muller e dos meus rapaces no Carballiño. A pesar desa confianza, non demorei moito en chegar á casa, non fose o demo que Ramón non tivera razón.

Mercar as rosquillas na Confeitaría Tábora cando paso por Silleda é para min unha verdadeira tradición. Lémbrome dese xeito de cando, aínda neno, ía a Santiago con meu pai -que en paz descanse-, a levar viño do Ribeiro: á volta da viaxe sempre me agasallaba coas devanditas rosquillas. Tamén lembro que sempre se paraba a falar cos donos da confeitaría; porque os Tábora tiñan bens en San Clodio.

Atendeume un señor maior, moi amable, e entón decidinme a comentarlle que eu viña dunha terra que tiña moita relación coa familia Tábora. De seguido soubo que eu era de San Clodio. O señor resultou ser José Tábora, o dono actual do negocio, que coñecía ben todo aquelo, os bens espallados por toda a parroquia e a casa da Barouta, que venderan ós caseiros habería uns corenta anos. Non obstante, descubrín algo que non sabía: que os Tábora non foran de Silleda a San Clodio, como eu supoñía, senón que ben puidera suceder xusto ó revés. E que, en todo caso, a orixe da familia era portuguesa: agora todo me cadraba.

En efecto, hai tempo sorprendérame atopar a un tal Antonio Tábora redimindo un par de foros en San Clodio arredor do ano 1850. Comprobo que sendo a fundación da empresa de Silleda arredor do ano 1870, é moi probable que algún membro da familia, incluso a propia fundadora da confeitaría, Cándida Tábora, puidese ir parar a Silleda desde San Clodio.

A cousa ten o seu interese onomástico e por iso traio o tema ata o meu blog. Eu sempre pensara que o apelido Tábora sería orixinario da zona de Silleda. Parecíame unha curiosa variante de táboa (do latín tabula), con evolución l>r, coma en cumulu > cómaro ou tabulella > taborela. O apelido sería de orixe toponímico coma Táboa ou Táboas. Non obstante as circunstancias históricas leváronme a determe un pouco máis no asunto, e a comprobar que tampouco a etimoloxía do curioso apelido resulta tan sinxela.

O primeiro que cabe dicir é que os 19 casos do apelido Tábora que se rexistran en Galicia corresponden a unha única familia: a familia Tábora de Silleda. É algo que supoñen os xenealoxistas moitas veces, pero que case nunca se dá. Esta familia Tábora puido chegar a Silleda desde San Clodio na segunda metade do XIX, a onde chegarían anos antes procedentes de Portugal.

Non hai rastro en Galicia, que eu saiba, de ningún Tábora toponímico, pero existen dous lugares, polo menos, con este nome en Portugal: a freguesía de Távora, no concello de Arcos de Valdevez, moi cerca da fronteira con Ourense, e outra freguesía homónima, máis ó sur, no concello de Tavoaço (provincia da Beira Alta). Hai outro Távora en Puerto Rico, unha vila que fora fundada por Cristovo de Soutomaior, fillo de Pedro Madruga e de Teresa de Távora, na honra da súa nai. Do mesmo xeito, o tal Cristovo fundou a vila de Sotomayor na honra do seu pai. Porque os Távora foron unha liñaxe destacada de Portugal, que chegou a ser marquesado, ata que caeron en desgracia por forza do atentado contra o rei D. Jose I en 1758. O famoso proceso que se abriu contra da familia Távora, cando era primeiro ministro o Marqués de Pombal, o seu inimigo acérrimo, levou á maior parte dos seus membros a morrer na forca, os seus palacios foron derrubados a ata chegou a ser prohibido en Portugal o propio apelido Távora.

Non podo asegurar que os Tábora que chegaron a San Clodio na primeira metade do XIX, segundo eu teño constancia, tivesen algo que ver coa liñaxe dos Távora perseguidos polo Marqués de Pombal. Pero hai certas circunstancias que o poden facer sospeitar. A primeira, que aparezan redimindo un par de foros importantes de San Clodio, sen ter noticia algunha da familia ata ese momento; iso indica cara a unha familia con certa capacidade económica. A segunda pode ser unha casualidade, pero comprobo que a finais do século XVI o reposteiro maior do rei don Joao III de Portugal era don Pedro Lourenzo de Távora. Simple coincidenciad de apelido cos Tábora das famosas rosquillas de Silleda? Non o sei.


E da etimoloxía?.... Calma; queda para o próximo post.

4 comentarios:

Unknown dijo...

TU INFORME COINCIDE CON MIS ANALISIS.MI ABUELO DON EULOGIO JAIME TABORA LLEGO DE SILLEDA A LA ARGENTINA PREVIA ESCALA EN BRASIL,EL APELLIDO ERA DE SU MADRE Y TAMBIEN LLEGO UN MEDIO HERMANO DE APELLIDO AMIL.MI ABUELO INTEGRO LA SOCIEDAD HIJOS DE SILLEDA EN ARGENTINA .SERIA DE MI AGRADO RECIBIR MAS DATOS DE LA FAMILIA Y PODER COMPLETAR EL ARBOL GENEALOGICO.EDGARDO JAIME TABORA, ME PODRIAN FACILITAR ALGUNA DIRECCION DE CORREO EN LA QUE NOS PODAMOS COMUNICAR

Anónimo dijo...

Mi Nombre es Tito Livio Tabora, de Tegucigalpa, Honduras. Mi abuelo es del departamento de Copan y tambien se llama Tito Livio Tabora, su madre de apellido Rapalo. si saben algo publiquen en el blog o sino en facebook.

Anónimo dijo...

**Baltasara Tábora, casó el 17 de noviembre de 1792 con Juan Segade, en Santa María de Cortegada, Silleda.
**María Josepha De Tábora Lorenzo, nació el 21 de julio de 1754, en Santa María de Cortegada, Silleda, hija de José y Dominga.
**Caiettana De Tábora, bautizada 8 de abril de 1758, en San Salvador de Cervaña de Silleda, hija de Marya De Tábora.

Jeanfrujo dijo...

Ben. Parece claro entón que os Tábora xa andaban por Silleda no século XVIII. Mentres en San Clodio non hai rastro deles ata mediados do XIX. Demostrado pois que non foron de San Clodio a Silleda, senón ó contrario, que era o que eu pensaba nun principio. Quedaría por saber o motivo que os levou a interesarse por bens desamortizados en San Clodio, a unha considerable distancia de Silleda. Pero en todo caso, xa sabemos algo máis.