viernes, 14 de enero de 2011

No Reino dos Artistas


Na barra lateral do meu blog leva tempo colgado un enlace cun espléndido artigo de Xosé Manuel Pereiro, publicado no diario El País e titulado Nuestro fracaso colectivo. O artigo comeza referíndose a «Galicia como unidad de fracaso en lo universal», «uno de los argumentos más queridos o más habituales de Suso de Toro». E, certamente, creo que ese argumento resulta clave: unha boa parte da realidade galega hai que estudala desde esa óptica, desde a óptica do fracaso colectivo, aínda que custe dicilo e moito máis aceptalo.


Este pasado sábado foi o propio Suso de Toro quen escribiu, no mesmo diario, outro artigo titulado 18 comidas. O título está inspirado no da película homónima de Jorge Coira. Segundo conta o escritor, foi a visión da película a que lle fixo cambiar a primeira idea que tiña para esa colaboración xornalística, que era a de «perfilar más nuestro fracaso. Ya saben, que Galicia es un país que sigue envejeciendo, que muere más gente de la que nace, que seguimos expulsando generaciones jóvenes, con cualificación y sin ella, que nuestro propio Gobierno autonómo legisla contra nuestra propia lengua... En fin, toda esa miseria. », por unha “laudatio” do filme, seguida dunha encomiástica defensa do orgullo de ser galegos.

En xeral, coincido con Suso de Toro no diagnóstico do enfermo (grave), pero menos no tratamento que se prescribe. E aínda que 18 comidas fose Cidadán Kane, ese orgullo que lle entrou despois de ver a película, o mesmo que lle fixo cambiar as súas primeiras intencións discursivas, non minguaría nin un ápice a gravidade do paciente. Como sabe calquera, que unha ou varias funcións corporais marchen adecuadamente non elimina a posibilidade da existencia dunha doenza grave; e o estado de ánimo, con ser moi importante, adoita resultar insuficiente para curar. Xa sabemos que hai cousas en Galicia que funcionan ben, e hai que dicilas, pero o problema, grave, está nas moitas que funcionan mal ou simplemente non funcionan. De tódolos xeitos, o que me empuxou a escribir esta entrega no meu blog nada ten que ver con ese orgullo, do que estariamos faltos os galegos, segundo Suso de Toro; aínda que, na miña opinión, resulte dubidosa esa carencia e habería que precisar bastante arredor do carácter virtuoso que lle atribúe ó orgullo, pois, coma o colesterol, orgullo haino bo e malo, e, en todo caso, débese controlar.

Pero, quero centrarme nunha afirmación que fai Suso de Toro coa que non estou en absoluto de acordo:

«Aquí cuando se trata de sobrevivir, cuando se llega a situaciones en que el país está a punto de perecer quienes primero comparecen son los artistas. Son los artistas quienes nos salvaron y nos salvan de este lento suicidio. Ya no nos acordamos pero hace cosa de diez años, cuando aquella locura disparatada del Prestige arriba y abajo y cuando el Gobierno de entonces decía que aquí no pasaba nada y que no había que enviar ayuda, fueron los artistas quienes encabezaron la respuesta de todos.».

Para aí o carro, Suso! Naquela exemplar mobilización cívica, como ben sabes, quen primeiro compareceu foi o pobo galego! E a el, en conxunto, lle debe corresponder o protagonismo histórico daquelas históricas datas. Estiveron os artistas, é certo, pero tamén os mariñeiros (os primeiros), ecoloxistas, estudantes, asociacións veciñais, grupos ecoloxistas, médicos, gandeiros, profesores, avogados, administrativos, labregos, curas,….. En suma, foi o pobo quen compareceu (non só o galego, por certo). E non vamos discutir sobre quen ía diante, xa que non ten ningunha importancia. Os nenos tamén van sempre diante da música, alegran as alboradas e a ninguén lle queremos máis, pero os que tocan son os músicos! Non te confundas! Os artistas son elemento esencial dun pobo; pero non menos importantes son os mariñeiros, os médicos, os avogados, os labregos, os profesores… e, por suposto, os políticos (que daquela, dramaticamente, non compareceron). Cada un na súa función, pero ninguén por encima ou por diante dos outros! - ¡nadie és más que nadie!, repetía Machado-. E que se apliquen o conto tanto políticos coma artistas, que, con dignísimas e contadas excepcións, calquera diría, vendo os honores que se adoitan intercambiar e as leccións de amor a Galicia que nos imparten –case sempre á conta do presuposto público-, que foron eles os que inventaron este País.

E, xustamente, nun sistema democrático e representativo, coma o noso, correspóndelle ós políticos elixidos gobernar. E, se os políticos que nos gobernan, ou nos desgobernan, son malos: elixámolos mellores! Pero, e se non os hai mellores entre os que podemos elixir? Pois, meus santos, nese caso -que pode ser o noso-, temos un grave problema!

Pero, os artistas, por favor, que sigan facendo o seu traballo o mellor que poidan e saiban, igual cós médicos, os carpinteiros ou os profesores. Que cada un faga o que lle corresponda!, como recomendaba Sócrates, e todo irá ben. Non deixa de ter a súa coña que Suso de Toro propoña que «reinen los artistas» en Galicia, para ver se o fan mellor: Alabado! Pero home, Suso, que ven sendo Galicia máis có verdadeiro Reino dos Artistas, dos artistiñas e das artistadas? O que sobran aquí son artistas con mando!

No hay comentarios: