martes, 23 de agosto de 2011

Pals, Palamós, Palafrugell



Confesso que el nom d´Empordanet m´agrada.
Sempre han estat del meu gust les coses petites, limitades i manejables.
Josep Pla


O cartel estaba xusto despois de pasar a ponte sobre o río Ter, á saída de Torroella de Montgrí, na estrada que vai na dirección de Pals, alá polas terras do Empordá. Chamou a miña atención esa triple repetición de Pal-, así que me detiven para sacar un par de fotografías e tomar a nota correspondente.

Na realidade non fora a primeira chamada de atención toponímica da miña viaxe por estas fermosísimas terras.  Antes, sospeitara da relación que debería existir entre o nome da antiga cidade de Empuries (do grego emporio ‘mercado, porto comercial’) e o da comarca, Empordá, que, segundo confirmei logo, tomou  o nome da colonia fundada polos gregos, que xa estudara eu na escola, na Enciclopedia Álvarez, e cuxos restos arqueolóxicos, tanto os da cidade grega coma os da romana posterior,  son visita obrigada para o viaxeiro. E para ir de Torroella –que foi residencia de veraneo dos reis da Aragón ata o século XV- a Empuries hai que desviarse á dereita en Verges (ant. Villa Virginibus), outro nome que chamou a miña atención, neste caso por lembrarme o dun xogador do Barcelona dos meus álbums de cromos de cando era neno, xunto a outros coma Sadurní, Olivella ou Reixac, todos apelidos toponímicos cataláns. Non teño dúbida que son lembranzas da infancia as que en moitas ocasións dirixen, ás veces de xeito insospeitado, as nosas atencións, cando non os nosos pasos, durante toda a vida. E, tal vez, na fixación no cartel da estrada, puideron menos as adultas afeccións toponímicas de quen isto escribe cás infantís cartillas Palau nas que aprendera a ler.

E postos ó estudo dos tres topónimos non hai que pensar nunha mesma orixe nin nun mesmo significado. Pals, o lugar a onde me dirixía, é unha das máis típicas e famosas vilas do Baixo Empordá. As rúas e as construccións conservan todo o encanto da vila medieval e na cima do pobo atópase a torre da homenaxe da antiga fortaleza, un magnífico mirador sobre as terras e horizontes do Empordá. A situación da vila, en acrópolis, sobre un pequeno outeiro, é semellante á doutras desta terra, e responde á orixe lacustre das amplas chairas nas que se sitúan estes salteados outeiros.  Esas chairas aparecen hoxe primorosamente cultivadas de xirasol, árbores froiteiras, cereais ou arroz,  pero foron humidais fangosos ata ben entrada a Idade Moderna e, como tales, lugares impropios para a habitación permanente. Xusto a ese carácter lacustre responde o significado de Pals, que nos remite a un latín palus, paludis ‘pantano, terras pantanosas’, o mesmo que está detrás do nome do famoso Palos de Huelva, o porto de saída de Cristobal Colón na viaxe do descubrimento de América.

Nada teñen que ver con ese latín palus os nomes de Palafrugell e Palamós. Palafrugell é un antigo Palatio Frugelli, ben documentado, dun nome persoal Fruguell de orixe incerta. É dicir, Palafrugell remítenos a un pazo (<palatiu) 'casa señorial', seguido do nome do seu posesor. É un tipo de topónimos que non se dá en Galicia, a pesar do frecuentes que resultan tanto os Pazo coma os Pazos, equivalentes ós cataláns Palau e Palaus. A mesma orixe cabe adiviñar para Palamós, que figura nun documento do século IX como Palau Maurore, no que Maurore debe estar relacionado co nome étnico Maurus. Tampouco hai relación destes dous topónimos cos nosos Palas, A Pala, A Paleira, Pala do Oso e algún máis, que Moralejo relaciona cos comúns pala e paleira ‘cova ou cavidade nas rochas que serven para o refuxio dos pastores’, de probable orixe prelatina, e iso a pesar de que o desaparecido Codex Calixtinus identificase Palas de Rei cun Pallatium Regis.

Palafrugell, recoñecida como a capital do corcho, tamén é o lugar de orixe do escritor Josep Pla (1897-1981), quen máis e mellor escribiu sobre estas terras do Empordá, ademais de sobre moitas outras cousas (as súas obras completas ocupan nada menos que 42 volumes). Desde esta parte de Palafrugell, máis de ladeira, máis de señorío sobre as chairas baixas, escribía cousas tan interesantes coma estas que ben poderían ser aplicadas ó meu Ribeiro: «Este é un país de viñedos. Os viñedos construírono. […] Esta situación durou séculos, e quizais a época das viñas foi o gran tempo desta terra, do seu individualismo. A xente saía da casa  coa calor do sol e non volvía ata a noite. Deixaba a familia na casa, porque non hai nada máis triste ca ver unha familia enteira sobre o illamento e a extensión da terra. Un home só, sobre a terra, é como de máis bo ver. Baixo os tellados é onde as familias fan mellor efecto». Tiña, ademais, moi claro que escribir sobre un país non ten como fin exclusivo lanzar flores sobre as súas paisaxes e os seus habitantes: «O Empordá –escoito dicir- é un país de lunáticos, de atolondrados, de dispersos e aloucados. E isto é certo.».

E a verdade é que a obra de Pla, quen consideraba que a paisaxe permitía comprender a literatura porque a mesma literatura era a memoria da paisaxe no tempo, dá para unha gran viaxe. Unha viaxe que, por momentos, poderá gustarnos máis ou menos, pero que nunca nos aburrirá. Claro que podería non resultar tan grata para aqueles que consideran que a literatura é a cousa máis importante da vida. Pero, quen podería dubidar da veracidade da sentencia que, no quadern gris, pon Pla en boca do señor Gori, un amigo que tiña unha mercería en Palafrugell e que se pasaba o día lendo?: «O home non foi posto no mundo para ler libros.». Eu desde logo non.



No hay comentarios: