Nous croyons conduire le destin,
mais c´est toujours lui qui nous
mène
Jacques le
fataliste (Diderot)
Hai tres libros que sempre estou lendo: o Quixote de Cervantes, Jacques o
fatalista de Diderot e o Tristram Shandy de
Laurence Sterne. Si, tamén leo outras cousas e outras cousiñas, pero
nesta trindade estou sempre. Hermann Hesse cría que se podía ser un gran lector
lendo un só libro, e que abundaban os malos lectores que lían moitos. Tal vez
tivese razón, pero a min non me basta un: bo ou malo, preciso destes tres
libros para ser o lector que son. Cando paso certo tempo sen beber nalgún deles
o corpo avísame: sinto coma unha sede. Esta tempada, por exemplo, bebín
bastante do Quixote, pero descoidei as tomas de Jacques e de Tristram e xa
notaba un certo desequilibrio. Desde nontronte, completada outra volta das
aventuras do Cabaleiro da Triste Figura, volvín a centrarme no Jacques e agora
vou coma unha seda. Trátase dunha novela (mellor dito, dunha antinovela)
construída sobre a inversión irónica do artificio narrativo do Quixote, coa súa
parella de amo e criado, coas súas cabalgaduras, coas súas aventuras... A inversión chega ata o mesmo título do libro,
que leva por nome o do criado e non o do amo. Confeso que teño certa debilidade
por Jacques, por este Sancho “quixotesco” que coxea. Gústame o seu filosofar,
que ten máis de realismo experimental e de determinismo ca de fatalismo puro.
Trátase de ser conscientes da forza do destino. Pero o amo tampouco é manco.
Dicía hoxe pola mañá, por escrito:
-«Jacques, meu amigo, es un filósofo e sinto por ti… Os filósofos son unha
raza de homes abominable para os poderosos, por non dobregar os xeonllos diante
deles… Tamén resultan abominables para o pobo, eterno escravo dos tiranos que o
oprimen, dos bribóns que o enganan e dos bufóns que o divirten… Xa hai tempo
que ser cordo entre os loucos resulta perigoso.».
E, mentres cavilaba no moito que debera ler Diderot a Cervantes, a
Maquiavelo e a Quevedo, pensaba: ... e dos bufóns que o divirten! Cánta razón ten o amo!
No hay comentarios:
Publicar un comentario