«Unha das taras máis graves do sistema educativo resúmese nunha palabra: bachotage, isto é, preparación acelerada e intensiva de exames. O ensino secundario e a universidade están infectadas deste mal. Os exames e as notas, que non debían ser máis ca un revulsivo para poñer a proba o valor da educación, convertéronse nun fin. Xa non se invita ós alumnos a adquirir coñecementos que logo se avaliarán mellor ou peor. Ó que se lles invita é a preparar exames. As consecuencias deste xeito de enfocar o ensino son claras: medo diante de calquera iniciativa; negación da curiosidade; culto do éxito, que suplanta o natural gusto polo coñecemento; temor perpetuo á nota, que elimina a alegría de aprender; fe na sorte, pois os exames son por natureza aleatorios; e, por último, fe no fraude: porque nas clases cópiase.
Imponse a necesidade dalgunha sentencia de morte. Porque, quen cre aínda no valor da reválida, na súa capacidade de selección ou na súa eficacia intelectual? Naturalmente, subsistirán procedementos de selección, porque son necesarios; pero deberán concibirse dunha maneira máis racional e nun número suficientemente reducido, para que a vida do estudante non se limite a unha repetición obsesiva de exames. Cando vexo a un examinador que di que tal ou cal exame merece un 6,25 ou un 3,5, non podo evitar pensar que se trata dunha broma pesada. Que báscula de precisión usou ese home para medir a cualificación? Solicitamos encarecidamente que a escala de notas sexa reducida a cinco grandes categorías: “moi deficiente”, “deficiente”, “pasable”, “ben” e “moi ben” (non “perfecto”, palabra vedada á condición humana).
Queremos un ensino secundario aberto, con liberdade para combinar as distintas materias. Do instituto non debería saír ningún alumno que non contactara coas grandes obras da Antigüidade, pero a educación científica tamén debe ser extensiva e profunda. Agora ben, non convén esquecer que a finalidade do ensino medio é formar espíritos, non enxeñeiros nin químicos antes de tempo.».
O texto previo é unha concatenación dalgúns fragmentos do ensaio Sobre a reforma do ensino do gran historiador francés Marc Bloch; ensaio incluído no libro A estraña derrota, escrito entre 1940, ano da estraña derrota de Francia, e 1944, o ano en que Marc Bloch foi fusilado pola Gestapo. Pero calquera diría que está escrito para a España actual. Porque, a pesar das reformas, o noso ensino secundario vén profundando nesa mesma tara desde finais do XIX, cando Giner de los Ríos xa denunciaba a obsesión polos exames. Hoxe, non resulta infrecuente que algún alumno teña que realizar 70 ou 80 exames por curso, tampouco que, polo sistema de acceso á universidade, existan alumnos frustrados por non chegar a un 9 ou un 10 en tódalas materias. Logo, a propia crise e as facilidades para ampliar contidos que trouxo internet, meteunos ós docentes nunha desbocada carreira por ver quen afonda máis na súa materia, sen considerar se a capacidade dos alumnos pode dar abasto ó traballo que se lles propón. O resultado está á vista: un dos sistemas máis esixentes e de maior fracaso escolar de Europa, que ademais xera moita angustia nas familias. Encima, con resultados mediocres.
O vello ensaio de Marc Bloch constitúe unha fantástica lección inaugural de curso, en especial para profesores e autoridades educativas, máis alá da cultura do espectáculo e das innovacións virtuais. Desde a da Armada Invencible ata a da crise que nos afoga, incluso sen esquecer a recente da selección de baloncesto, non hai país que teña sufrido máis estrañas derrotas ca España. Delas, poucas veces saímos airosos: no afán de superalas sempre caemos na tramposa tentación lampedusiana de “cambiar todo para que todo siga igual”.
Artigo publicado no diario La Región o sábado 20 de setembro do 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario