Celébrase este ano o centenario do nacemento do gran escritor arxentino Adolfo Bioy Casares (1914-1999). Nas crónicas conmemorativas non hai acordo sobre cal foi a súa mellor novela: “La invención de Morel” (1940) para uns, “Plan de evasión” (1945) para outros, “El sueño de los heroes” (1954) para outros. Todas son notables, pero eu prefiro “Diario de la guerra del cerdo” (1969), unha obra máis madura na que Bioy metaboliza mellor as influencias de Kafka e de Wells. A novela conta a historia dun grupo de amigos maiores, de arredor dos 60 anos, residentes en Bos Aires, que, de repente, se ven envoltos nunha guerra: a que desencadean grupos organizados de mozos que se dedican a cazar e a matar vellos, “cerdos” na súa xerga. O protagonista, Isidro Vidal, é un integrante do grupo de maiores, que se move na fronteira entre a madurez e a vellez, a mesma na que se movía o autor cando escribiu o relato.
A novela admite múltiples lecturas, como todas as de Bioy. A máis evidente é a que conclúe que se trata dunha alegoría sobre a soidade na vellez -«¿por qué se vuelven odiosos los viejos?»-, aínda que ó final a peripecia vital do protagonista deixe unha porta aberta á esperanza: Bioy declarábase home de intelixencia pesimista, pero de ánimo optimista. Non obstante, a lectura que máis me atrae é a que se fixa noutra alegoría presente na narración: a da loita xeracional. Aí e onde radica, ó meu parecer, o maior valor da novela, visionaria en relación co que agora está acontecendo.
Nun momento, un dos vellos manifesta: «La juventud es presa de desesperación. En un futuro próximo, si el régimen democrático se mantiene, el hombre viejo es el amo. Por simple matemática, entiéndanme. Mayoría de votos… La muerte hoy no llega a los cincuenta sino a los ochenta años, y mañana vendrá a los cien…conciban el número de viejos que de este modo se acumulan y el peso muerto de su opinión en el manejo de la cosa pública… Se acabó la dictadura del proletariado, para dar paso a la dictadura de los viejos.». Non hai que ser moi listo para percibir que ese futuro xa chegou. E ningún lugar mellor ca Galicia, un dos países máis envellecidos do mundo, ou Ourense en particular, a provincia máis envellecida de España, para observar tan crúa realidade. Porque aquí sabemos ben da desesperación dos mozos, que, cal se dunha nova versión do conto do frautista de Hamelín se tratase, se ven arrastrados a destinos incertos por homes vestidos de negro que reclaman débedas impagadas, que eles non contraeron. E tamén sabemos da ditadura dos vellos: porque aquí son maioría absoluta. Hai quen cre que as carantoñas dos políticos nas xuntanzas da “terceira idade”, o seu xeneroso financiamento das viaxes do Imserso ou a súa resistencia a baixar as pensións, fronte á lixeireza con que acometen outros recurtes, son froito do amor polos vellos. Mentira: son consecuencia exclusiva do seu poder político. Se tivesen o mesmo peso demográfico cá infancia ou a xuventude, terían as mesmas axudas ca eses segmentos da poboación, é dicir: ningunhas.
No “Diario…” a guerra foi efémera. Soterráronse os mortos e poucos días despois do cese da violencia os vellos volvían a inundar as prazas de Bos Aires. Un sobrevivinte comentaba: «Esta guerra era un movimiento que fallaba por la base ¿Y sabes por que fallaba por la base? Porque era una guerra necesaria y la humanidad es idiota»… T. Piketty, no seu recente e monumental libro “Le capital au XXIe siècle” (2013), analiza o avance histórico da desigualdade: conclúe que a prolongación da vida non transformou a tradicional “guerra de clases” nunha “guerra de idades”. Pero iso só significa que a primeira guerra continúa, non que non se teña declarado a segunda: a que Bioy anunciaba.
Artigo publicado no diario La Región o venres 3 de outubro do 2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario