viernes, 20 de mayo de 2011

Democracia: o dereito á esperanza



Non pode haber paz sin esperanza
Albert Camus

Ningunha sociedade pode prosperar e ser feliz
se unha parte importante dos seus membros
son pobres e marxinados
 Adam Smith

O natural é o microbio.
O demais, a saúde, a integridade...
son resultado da vontade
Albert Camus


Desde hai tempo somos moitos os que vimos dicindo que a nosa democracia está enferma. Oxalá non corra perigo, pero cremos que precisa dun tratamento curativo e urxente. Levan tempo tentando ocultarnos a verdadeira importancia da doenza que padece, pero o certo é que en moitos cidadáns están a aparecer feridas de diversos tipos que se cre que teñen a súa orixe nesa doenza. O tratamento que veñen dispensando as autoridades consiste, esencialmente, en cubrir as chagas que van aparecendo, con gasas, tiriñas, esparadrapos e todo tipo de apósitos, e en receitar analxésicos para que a dor resulte soportable. Pero, con todo iso, comprobamos que as feridas non curan, que seguen supurando e  que o sufrimento do pobo vai a máis cada día.

Os encargados por lei da curación dos contaxiados tratan de manter a tranquilidade na poboación. Curiosamente, neste grupo dos encargados non hai afectados polo mal. Talvez porque dedican gran parte do día a dar a coñecer o moito que levan feito por nós e pola democracia, e o moito que lles queda por facer se depositamos a confianza neles, pero moito menos á curación real dos enfermos. A través de potentes altavoces, montados sobre furgonetas que percorren continuamente as rúas, maiormente á hora da siesta, para maior escarnio, repiten que a democracia está sana e que o número de infectados por esta epidemia transitoria non debería superar nunca o 20%. Que o tratamento, de momento, é o axeitado; que, en todo caso, e nun prazo relativamente curto, renovaranse as vendaxes, aínda que pode que algo máis apertadas cás da última vez. Tamén hai quen di que se están acabando as vendas e os analxésicos.

Diante de ese estado de cousas, algúns cidadáns veñen de atreverse a manifestar o seu malestar e de protestar pola situación, que consideran de desamparo e inxusta. Temos noticias de concentracións en Madrid, Barcelona e outras cidades, aínda que os grandes altavoces réstanlle importancia a tales sucesos. Isto crea un grave conflicto, porque entre os diversos partidos dos que debían curarnos está moi estendida a crenza de que tamén a eles lles corresponde, en exclusiva, o cometido da protesta colectiva. Din que a liberdade de cada cidadán reside en comunicar a súa queixa  aos representantes do partido que libremente escolla. Que para iso eses representantes son elixidos democraticamente coa regularidade que impón a lei. Resulta inútil explicarlles que xa non se confía en absoluto en moitos deses representantes.

Mentres tanto, o número de afectados que se botan á rúa segue a medrar e hai unha gran confusión.

Pola miña parte, desde a esquiniña do  mundo que ocupo, permanezo atento ó que sucede. Estou convencido de que existen solucións para os problemas que nos aqueixan, pero son consciente de que tales solucións esixirán sacrificios de todos, e, a verdade, non vexo a moitos dispostos a realizalos, comezando polos membros  dos partidos que nos dirixen. Hai tempo que cada un mira en exclusiva para o seu; a maiores, a disposición ós sacrificios neste país adoita estar en relación inversa á capacidade que ten cada un para realizalos: talvez pola experiencia histórica que nos ensina que ese foi sempre o principio aplicado en situacións semellantes. Tampouco me convence esa costume de achacar tódolos nosos males ós “outros”; todos temos unha parte de culpa da situación que vivimos. Confío, por outra banda, en que os que protestan, con toda razón, teñan en conta aquela advertencia que facía Keynes: “Non basta con que o estado de cousas que se quere promover sexa mellor có que temos, ha de mellorar o suficiente para compensar os males da transición”. Tamén, por estar convencido da importancia que tivo o manifesto “Indignádevos (Indignez-vous)” de Stephane Hessel na orixe destas protestas, confío en que, a pesar das provocacións e insultos que se lanzan contra os manifestantes desde moitos dos grandes altavoces do país, se seguirá o camiño pacífico nas reivindicacións: “A violencia non é eficaz..., o futuro pertence á non violencia”. Será entón o preludio do camiño da esperanza. As súas grandes avenidas abriranse unha vez trunfe a forza inquebrantable da palabra xusta.

Seguiremos informando.

No hay comentarios: