miércoles, 4 de mayo de 2011

Os amigos e a primavera

La lectura proporciona amigos desconocidos,
y ¡qué amigo, el lector!
tenemos amigos conocidos que no leen nada nuestro.
E. Zola (El elixir de larga vida)

O día 4 de maio do 2009 publicaba un artigo neste blog que levaba por título “Os libros que nos fan mellores”. Era un texto dedicado ó libro Ensaios e Artigos (1956-1973) de Albino Núñez, e o título tiña que ver cun fragmento dun de tales artigos, en concreto con “O mellor amigo do P. Feixóo”, que publicara don Albino na revista Lar de Bos Aires, no ano 1960, con motivo do pasamento do doutor Gregorio Marañón.

Onte, 3 de maio do 2011, contaba o diario La Región, na sección Hace 75 años, como o día 3 de Maio de 1936 iniciaba as súas actividades o Ateneo de Ourense. Facíao con dúas conferencias do doutor Gregorio Marañón, unha pola mañá no cine Losada e outra pola tarde nos locais da asociación. A conferencia da mañá levaba por título “El Padre Feijóo y sus amigos”. De seguido que lin ese título, pensei no artigo do meu admirado Albino Núñez. Estou seguro que aquel día da Santa Cruz do 36, probablemente tan fermoso coma o deste ano, estaría don Albino escoitando a Gregorio Marañón no cine Losada, incluso aventuro que intercambiaría con el algunhas palabras. Pasaría pronto aquel día -tódalas cousas boas pasan pronto- e aquela curta primavera, preludio dun longo inverno. Pero, quedaría a memoria. En marzo do 60, cando xa tiñan flor as cerdeiras pero aínda era inverno, o sabio doutor partiu para o lugar de non retorno. A triste nova faríalle lembrar a don Albino aquel día de primavera da Santa Cruz de Maio do 36 e a conferencia do cine Losada. Así debeu nacer “O mellor amigo do P. Feixóo”, da man dun dos mellores amigos de Marañón.

É o que aprecia nesta primavera do 2011 un dos amigos descoñecidos de don Albino.

No hay comentarios: