miércoles, 14 de diciembre de 2011

Calquera tempo pasado foi peor! As fotos de Ruth Matilda Anderson


¡Oh tierra, antes y ahora, siempre fecunda y bella!
Viendo cuán triste brilla nuestra fatal estrella,…
Rosalía

Estes días pódese contemplar en Ourense a exposición “Unha mirada de antano”*. Trátase dunha selección de fotografías de Ruth Matilda Anderson (1893-1983), unha americana que, contratada pola Hispanic Society of America, visitou Galicia entre os anos 1924 e 1926 cun encargo moi claro: rexistrar fotográficamente o cerne da nosa cultura. Ruth Matilda sacou máis de sete mil fotografías e mercou outras tres mil a diversos fotógrafos galegos. Na exposición de Ourense estarán expostas unhas trescentas, pero son suficientes tanto para convencernos de que nos atopamos diante dun dos fondos documentais máis importantes desa época da nosa historia contemporánea como para deixarnos coas gañas de ver a colección completa.

Non carecemos en Galicia de rexistros fotográficos do primeiro cuarto do século XX, máis ben todo o contrario; non hai vila, cidade nin aldea que non teña localizado un amplo repertorio de antigas fotografías dos seus monumentos máis importantes, dos enclaves máis pintorescos ou das festas máis honradas. Pero os nosos fotógrafos centráronse case sempre nas paisaxes, na arquitectura, na familia endomingada, no folclorismo…Coma se o país fose algo que houbera que vender, os fotógrafos da terra esforzáronse tanto en rexistrar a súa cara máis fermosa coma en ocultar a máis desagradable. Tal vez foi Ruth Matilda a primeira que fixou o obxectivo da súa cámara na fonda traxedia deste pobo, o mesmo que xa o fixera Rosalía na poesía ou o facía Castelao na pintura e nos debuxos. As caras das persoas sorprendidas no oficio de vivir, os seus vestidos,  o seu calzado ou os enseres dos seus fogares, son un libro aberto a ese pasado recente de Galicia. Pode sorprendernos que a mirada sexa estranxeira, pero non resulta raro que as miradas máis lúcidas veñan de fóra.


Nas fotografías de Ruth Matilda salta á vista a mesma “verdade” debuxada por Castelao, a dun país, tan fermoso coma inxusto, poboado por xente triste e pobre. O elemento arquitectónico das vilas, das aldeas, das cidades, resiste ben o obxectivo de Ruth Matilda, o mesmo cás paisaxes. Pero, cando a lente enfoca os pes descalzos da xente, os corpos flacos dos mozos ou as tristes caras dos nenos –atención á fotografía dos de Vilanova dos Infantes, a eses “galegos na escaleira”-… aparece nítida esa gran verdade que ninguén debería ignorar nin esquecer: hai apenas oitenta anos eramos un pobo atrasado, inmensamente pobre e esencialmente triste. Todo iso, digan o que digan os tratados de historia e conten o que conten os que viven á conta da fabulación recompensada dun pasado mítico e glorioso para este pobre país –atención á fotografía da habitación de Rosalía-. Nestes tempos de crise a algún poderá parecerlle unha broma, pero, nunca fomos tan ricos coma agora! É unha evidencia que non convén esquecer; tal vez así nos queixaríamos menos e gastaríamos máis enerxías e intelixencia na construcción do futuro ca na reconstrucción fraudulenta do pasado... Porque, como ben diagnosticou Beiras, o problema de Galicia sempre foi de atraso, e hai unha cuestión clave que sempre dificulta a nosa saída de tal situación: a conciencia maioritaria e falsa de que non hai un país mellor ca este. Poderíasenos aplicar aquilo que, referido ós sicilianos, poñía Giuseppe T. di Lampedusa na boca de don Fabricio, no Gatopardo: «os sicilianos nunca quererán mellorar pola sinxela razón de que cren que son perfectos. A súa  vanidade é máis forte cá súa miseria.».

Quédome cunha instantánea desta excelente e imprescindible exposición. Unha nena lava a roupa nun regato; un neno, tal vez o seu irmán, está mirándoa. O neno está descalzo, cos pés metidos na auga. No cartel que aparece debaixo da fotografía informase do lugar e da data na que foi tirada: Sada, 24 de decembro de 1925!


*Ata o 8 de xaneiro do 2012 no Centro Social de Novacaixagalicia (na Praza Maior). En horario de 17:30 a 20:30 a diario. Os sábados, domingos e festivos, ademais do horario de tarde, polas mañáns de 11:00 a 14:00.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Gracias por tan valiosa información.
Estou da cordo en que temos máis, moito máis. Pero podíamos ter e non ter tanto imposto por un mundo tan consumista. Tiramos moito e iso fainos pobres de conciencia ante un mundo no que morre xente por no ter un anaco de pan.
As veces non sei si realmente estamos mellor ou é todo un espellismo que nos cega máis aló de onde podemos manexar.

unha aperta. Coma sempre, un bo texto.

Jeanfrujo dijo...

Moitas grazas. Totalmente de acordo con todo o que apuntas. Por certo, a túa reflexión sobre o consumo e a pobreza de conciencia da nosa sociedade faime lembrar unha semellante de W. Benjamin cando analiza a obra de Proust. Segundo Benjamin, a “crema da sociedade” era para Proust unha banda de conspiradores coa que ningunha outra podería compararse: a “camorra dos consumidores”. Remata Benjamin este ensaio sentenciando: “O consumidor puro é o explotador puro”. Nin que dicir ten que, nos oitenta anos que pasaron desde que Benjamin deixou escrito isto, as novas clases medias, deslumbradas polo brillo daquelas cremas proustianas, foron caendo máis e máis no consumismo, no hedonismo, no individualismo e na desmemoria.