sábado, 14 de abril de 2012

"Valiñas" ou "Veliñas"?



O outro día decidimos dar un paseo desde Moldes. Chegamos en coche ata o campo da Feira ou do San Benito, xusto a carón da igrexa nova da parroquia, e desde alí saímos andando. A cerca da Chousa do pazo dos Tizón (a casa natal de Losada Diéguez), que foi construída con pedra do antigo castelo de Castro Cavadoso, impide ver o magnífico panorama que se abre ó sur, cara o Ribeiro de Pazos de Arenteiro e Cabanelas e as cumes de Pena Corneira.

Á esquerda, segundo saímos na dirección de Pazos, atopamos un cruce que pon Veliñas. Xa me fixara outras veces nese indicador, e de que ese lugar figura no Nomenclátor de Galicia co nome de Valiñas, a forma que eu consideraba correcta. Non obstante, nunca me achegara ata esa aldea, así que lle dixen á miña muller: por que non vamos a coñecer Veliñas? E alá fomos. A estrada, nova, baixa por entre piñeirais e remata no propio lugar de Veliñas, que estará a uns cincocentos metros do cruce. O lugar aparece pegado contra da cerrada dos Tizón polo nacente, ábrese ó sur cara o val do Arenteiro e queda agarimado polo  monte do norte e do poñente. Na entrada da aldea hai dúas viñas que deberon ser boas e de bo viño, pero que agora están nas últimas. Xunto a algunha outra pechada e máis arruinadas, dúas ou tres casas ben conservadas, cinguidas por un mesmo cercado, aparecen arrodeando un amplo patio central. No patio, un neno xoga contento á pelota. O neno nin se decata da nosa chegada, pero un pequeno cadelo que o acompaña desfaise a ladrar.

Entramos no lugar dando a volta por detrás das casas, pero pronto aparece o cadelo, agora por encima dun muro que dá o camiño. Detrás vén o dono, que saúda e se pon a falar con nos; isto tranquiliza ó can. O home fala entre galego e castelán, con acento catalán, polo que deducimos que debeu vir desas terras. Vese que leva mercado tres ou catro casas que xuntas conforman a súa magnífica  propiedade. Falamos de varias cousas e dinos que é o único veciño da aldea. Logo pregúntolle, esto é Veliñas ou Valiñas? A resposta é firme: Veliñas. Eu dígolle que me parece ter visto nalgún rexistro antigo Valiñas. Dime que si,  que na cartografía aparece Valiñas pero que no concello, nas cartas, etc. sempre é Veliñas. Pregúntolle se se fía do que lle din a un nos concellos, pero parece non entender a ironía, o que semella confirmar a nosa deducción de que non é galego. Cando apunto que non me convence moito iso de Veliñas, replica que estas propiedades, na antigüidade, parece ser que foran duns frades, e que entón poderían ter acendidas velas ós santos... Pois si, podería ser, dixen eu, por non levarlle a contraria. Cara abaixo, entre o monte, víanse as ruínas de media ducia ou máis de casas. Aventurei que, en tempos, a aldea puido ter cerca dunha ducia de veciños... Logo despedímonos, pero prometinlle eu ó home que se atopaba algo sobre Veliñas ou Valiñas llo faría saber. Logo, o paseo seguiu por Miandreiras, A Groba, Cameixa, Salceda, Boborás, Xesteira, Nonás e volta a Moldes. O día de primavera era magnífico, pero non de principios de abril, era coma de maio: nalgunhas hortas había leitugas xa grandeiras e fabocas. A xente andaban botando as patacas, os cas parecían moi  entonados en tódalas aldeas e o cuco cantaba que daba gusto agochado nos piñeirais.

Xa de volta, na casa, busquei rexistros de Valiñas, pero non os atopei. Nin nas miñas notas do Catastro de Ensenada de Moldes, nin nas dos apeos de San Martín Pinario, nin no Miñano nin no Madoz atopei rastro de Valiñas, aínda que xuraría telo visto nalgunha desas fontes. Así que aproveitando unha viaxe a Ourense pasei polo arquivo e busquei o lugar nos censos do XIX e do XX. No de 1857 non aparece, pero si no de 1860: Valiñas, casarío con cinco casas habitadas. Mentres, no de 1950 Valiñas era unha aldea con 8 veciños. Tamén aparece moitas veces no libro Real Legos do Catastro de Ensenada  da parroquia (1753) o término de Baliñas. Nin rastro de Veliñas.

Volvemos a Valiñas, ou Veliñas: confirmamos que o home era catalán, que se chamaba Albert, que os nenos eran dous e que o can era moi mansiño, meu pobre! Nesta visita, andaba por alí sachando o propietario doutra das casas, pero non lle gustou nada que se puxese en dúbida que o nome do lugar era Veliñas, así que ó pouco colleu o sacho e despediuse con cara de poucos amigos. Mentres os dous nenos da casa e mailo noso armaban un pequeno partido de fútbol, nos quedamos alí de charla con Albert, aproveitando o día e a ocasión para aumentar a fraternidade entre os humanos, cousa que sempre resulta moi gozosa. No camiño de volta, consultei con varios veciños de diferentes lugares de Moldes. , que andaban traballando nos eidos, como se chamaba a aldea. A resposta foi unánime: Veliñas.
 Veliñas. Un vello camiño atravesa o lugar; á esquerda o muro da cerrada dos Tizón

O Nomenclátor de Galicia rexistra cerca de trinta (A) Valiña e unha ducia de (As) Valiñas, todos relacionados co latín vallis ‘val’, igual ca Valiño, Valboa, Valouta, Valongo, etc. O novo dicionario da RAG rexistra valiña ‘val pequeno’, pero o seu significado coido que non se acomoda ó diminutivo de val entendido como 'depresión do terreo entre montañas pola que flúe ou fluíu un curso de auga’ ou ‘conca dun río', que rexistra ese mesmo diccionario, senón ó de ´chaira situada nunha ladeira’, máis ou menos a mesma definición que daba o diccionario Carré (1972) para valiña: “Llanada con árboles en las montañas, que forma como un pequeño valle de altura”. Este significado resulta totalmente consistente coa realidade xeográfica do Valiñas de Moldes, pequenas chairas na empinada ladeira que cae ó Arenteiro, e acomódase moi ben á de outros topónimos semellantes, derivados de val, que teño estudado. Rexistra tamén o Nomenclátor dúas localidades de nome A Veliña e un Veliños, pero ningún Veliñas. Non podo asegurar se os dous A Veliña e o Veliños do Nomenclátor teñen algo que ver con val, pois nunca se me perdeu nada por tales lugares, pero sería o máis probable. Tampouco se neses territorios pode darse o fenómeno de palatalización do –a- átono, favorecido polo –i- tónico, coma en María>Mεría, pero por aquí non o observo. No de Moldes, parece claro que a forma usada maioritariamente na actualidade é Veliñas, pero tamén que no pasado era Valiñas. Hai cambios nos topónimos que non son tan antigos como a xente pensa, pode ser o caso de Longoseiros por Longoseiro, común no singular ata mediados do século pasado, ou o de A Gouxiña (Ponte Veiga) por A Gouxa, seguramente por comparación diminutiva co máis coñecido lugar da Feira da Gouxa de Dozón (Pontevedra). O de Valiñas a Veliñas parece un caso claro de cambio por contaminación lexical, tamén chamado por etimoloxía popular, bastante frecuente na fala: malencolía por melancolía, por contaminación de mal, saudade por soidade, por contaminación de saúde, ou vagamundo por vagabundo, por contaminación de mundo. Na toponimia tamén se dan frecuentes asociacións de tipo fonolóxico por identificación con nomes coñecidos. Moi cerca temos o caso de Cazarrancas na vez de Casarrancas, por proximidade dos fonemas /z/ e /s/ e por contaminación de caza, igual ca en Cazarrande; outro caso sería o dos arraianos montes do Leboreiro, de lebre, que son do Laboreiro en Portugal, por vacilación vocálica e por confusión con labor.

Volvendo ó noso caso, outro argumento a favor de Valiñas, aparte das fontes escritas, podería ser o do apelido homónimo, que presenta 732 rexistros en Galicia, dos que arredor de medio cento se reparten entre os concellos de Boborás, Carballiño e Leiro, o que induce a pensar que este lugar de Moldes puido ser un dos focos do apelido, xunto a outros indubidables localizados nas localidades homónimas dos concellos de Forcarei e A Estrada. Pero existe tamén o apelido Veliñas, aínda que a súa rareza, 16 rexistros en Galicia, confirma a dificultade da palatalización e mesmo da asociación etimolóxica con vela.

Sexa como sexa, os veciños da parroquia de Moldes din Veliñas, tal vez desde non hai moito tempo, certo, pero eu non teño ningún interese en que se lle cambie o nome nin por cuestións etimolóxicas nin por cuestións históricas; e menos de que se me enfade o home do sacho! Así que, se alguén non me convence do contrario, eu proporía o cambio do nome que figura no Nomenclátor, Valiñas, a Veliñas. Os veciños están felices con Veliñas e ninguén lle mandou dicilo así: o cambio evolutivo foi totalmente espontáneo. E, en última instancia, en ningún lugar está escrito que a toponimia, como rama da filoloxía, teña entre os seus fins incomodar ós falantes.

No hay comentarios: