O pasado oito de marzo o meu amigo Ignacio de Español (o das moxigangas) e máis eu cumprimos con
algo que acordaramos hai tempo: facer unha visita á parroquia da Aguada, no
concello de Carballedo (Lugo). Xa sei que non é un destino turístico moi coñecido,
pero noutra entrada escribirei máis polo miúdo arredor desa visita e do que nos
levou alí. Por agora soamente vos direi que unha vez rematada a viaxe, cando
nos despedimos no Carballiño, os dous estivemos de acordo en que xa nunca
esqueceríamos un día tan fermoso e de tan fortes emocións.
Cando pasabamos por Nodar, unha
das localidades da Aguada, o amigo Ignacio contoume o conto dun antigo abade da
parroquia. Parece ser que o primeiro domingo que ía misar na igrexa
parroquial estaban na sancristía o sancristán e máis el, preparándose
a conciencia para o inaugural e santo oficio. A igrexa xa estaba chea de veciños
que esperaban con impaciencia a estrea do novo párroco. Neso, o sancristán
chamou polo baixiño ó abade para que se achegase ata a porta da sancristía.
Desde alí e sen que os visen quíxolle facer unha primeira presentación dos fregueses:
-Mire, alí estanlle os da Aguada, alí os de Fofín, alí os da Tolda, alí os de
Quintela, alí os de Bidueiros… e alá detrás os de Nodar.
-Ah…- respondeu pensativo o cura- así que aqueles de alá detrás son os de Nodar!... Pois, paciencia home paciencia,
que xa darán, xa darán!!!
Moito rimos co conto!!!
Logo, o Ignacio, a quen os anos non lle matan a curiosidade, preguntoume
polo significado de Nodar.
- Benquerido amigo Ignacio –díxenlle eu-, hai catro localidades e unha
parroquia que levan o nome de Nodar
en Galicia. Calquera delas pode estar detrás do apelido homónimo que levan arredor de seiscentas persoas. A parroquia é a de San Mamede de Nodar, en Friol (Lugo), e non
debe figurar entre as preferidas polos cregos, se todos pensan no mesmo có que
foi parar á Aguada, estremo que non se pode asegurar. Ademais, o mesmo topónimo
tamén aparece en Portugal. Con respecto ó significado, parece un claro
antrotopónimo; viría do xenitivo do nome ou alcume dun antigo posesor Notarius, un apodo que probablemente se
correspondía co oficio de notario. Aínda
que nesto dos alcumes, querido Ignacio, nunca se debe eliminar a posibilidade
da ironía; casos coñezo onde "o mil homes”
é o máis pequeno da parroquia e "o manso" o máis adoecido. De tódolos xeitos, a documentación medieval do patronímico
demostra a utilización de Notarius como prenome. En fin, Ignacio, Nodar é un antrotopónimo semellante a Belesar, de Belisarius, Remesar,
de Remesarius, ou Baltar, de Baltarius....
No hay comentarios:
Publicar un comentario