Apuntaba
ó final da pasada entrega que quedaban moitos aspectos sobre os que falar do
modelo educativo finlandés, e que non era fácil escribir arredor de certas
cousas. Como profesor con certa experiencia, sei o pouco que lle gusta ós
docentes que se fale dos defectos do noso sistema, aínda que estes resulten
evidentes e gravísimos. E cando se presentan as solucións alternativas dun
modelo estranxeiro ou os resultados de probas avaliadoras internacionais (tales
como as famosas PISA) que nos deixan en mal lugar, dise que as políticas
foráneas non se poderían aplicar aquí, négase a validez das probas e denígrase
ó mensaxeiro. Pero os males seguen aí, aínda que se ignoren.
Un
aspecto moi importante dun sistema educativo é o xeito de selección e formación
do profesorado, cuestión que quero analizar tomando como modelo de referencia o
finlandés. Fixarei a miña atención, sobre todo, no sistema de selección dos
docentes, un proceso que no noso país é exemplo, na miña opinión, dunha
asignación pésima de recursos e dun gran despilfarro. Explícome:
En
España, os futuros profesores de primaria teñen que acadar o grao de mestre (4
cursos) nas correspondentes facultades de formación do profesorado e logo superar
unha oposición, pasando deste xeito a ser profesores nun centro público e
funcionarios. Mentres, os futuros profesores de secundaria teñen que graduarse
nunha facultade e logo realizar o master universitario de formación do
profesorado na especialidade que lles corresponda; por exemplo, un aspirante a
profesor de matemáticas ten que graduarse na facultade de matemáticas (4
cursos) e logo realizar o master de profesorado (1 curso) na súa especialidade.
Unha vez completados os estudos, os candidatos a profesores de secundaria e
bacharelato terán que superar, igual cós mestres, a oposición correspondente. Ata
aquí, todo ben! Pero, hai un problema: nos últimos anos as prazas convocadas
para profesores foron poucas ou ningunha! E as expectativas para o futuro non son
mellores! Consecuencia: a maioría dos titulados capacitados para desenvolver a
súa vida profesional como profesores, en primaria, secundaria e bacharelato,
nunca conseguirán o obxectivo para o que se formaron! Todo o esforzo que
realizaron e todos os recursos que gastaron, tanto as súas familias coma a
sociedade, non valerán para o fin previsto! Xustamente niso consiste a pésima
asignación de recursos e o despilfarro que antes sinalaba, no inútil gasto de
inxentes cantidades de diñeiro e de tempo, por non falar do enorme gasto social
que suporá (e xa supón) a frustración dun importante número de titulados
universitarios que ou ben estarán parados ou ben desenvolverán traballos que
non se corresponden cos seus estudos. Darei algúns datos. Cada ano titúlanse en
Galicia arredor de 1600 mestres de educación primaria; mentres, este ano
convocáronse menos de 200 prazas de mestres, e o ano pasado ningunha! Cada ano
gradúanse en física e en química en Galicia arredor de 200 estudantes, e unha
das saídas profesionais máis importantes para estes graduados era a de profesor
de ensino medio; mentres, nos últimos anos convocáronse en Galicia cero prazas nesta disciplina! E así
poderíamos seguir especialidade por especialidade con resultados semellantes! A
pesar de iso, diante da falta de expectativas, unha boa parte dos graduados
matricúlanse nos master de profesorado! Por que? ... Supoño que pola mesma
razón que a xente xoga a lotería habendo ínfimas probabilidades de que toque!
En todo caso, pensarán os pais, será mellor meter os aforros niso ca en Preferentes!...
Concursos televisivos, loterías, oposicións imposibles, contratos basura, paro,
precariedade.... É a triste realidade que atopan os nosos titulados universitarios
cando rematan os estudos ....: Slumdog
Millionaire! Miseria!
Diante
do despropósito e sensentido que supón ter a miles e miles de mozos
preparándose para un traballo que non van a realizar, cun derroche de recursos
que soamente beneficia ás propias universidades, mentres contribúe á ruína da
sociedade en xeral, convén saber o que se fai noutros países. Por exemplo, en
Finlandia. Para comezar habería que sinalar que, en Finlandia, a diferencia do
que ocorre en España, os estudos de mestre de primaria e os de profesor de
secundaria e bacharelato teñen a mesma categoría académica de master. Os
alumnos teñen que realizar primeiro os estudos de grao (3 cursos), de mestre ou
da disciplina que sexa, e logo o master (2 cursos). Pero a diferencia principal
con España está en que, en Finlandia, o filtro para chegar a ser profesor non
está posto ó rematar os estudos, nas oposicións (que alí non existen), senón no mesmo momento do acceso á carreira
docente, ó rematar o bacharelato. Para iso, a oferta de prazas para os estudos
docentes está fixada tendo en conta as necesidades previstas de profesorado.
Deste xeito, todos os que ingresan nos estudos para profesor de primaria ou de
secundaria teñen a case total seguridade de poder rematalos e de atopar un
posto de traballo. Pero non se crea que é fácil chegar a ser profesor en
Finlandia. Dado o gran status social
que teñen os docentes –comparable ó dos médicos-, hai unha competencia moi dura
para entrar na carreira docente, e só os mellores acaban conseguindo o seu
obxectivo. Por exemplo, en 2010, de 1.600 candidatos para os estudos de mestre
de primaria, soamente obtiveron praza 160. O sistema de selección consta de
dúas fases: unha primeira, nacional, na que se teñen en conta as notas de
selectividade, as do bacharelato, outros estudos realizados e, de habela,
incluso a experiencia profesional; a segunda fase, na universidade, pode
incluír diversos tipos de probas e entrevistas. Nin que dicir ten que a
racionalidade do sistema de selección finlandés, bastante semellante, por
certo, ó francés, resulta infinitamente superior á do sistema español. Cabería
preguntarse, entón, por que non se implanta en España un modelo semellante? Hai
unha causa fundamental na miña opinión: a Educación en xeral, e a Universidade
en particular, dista de ser en España un asunto de Estado, aínda que se diga o contrario; funciona na
realidade coma un gran negocio –con certas compoñentes de estafa- montado co obxectivo principal de beneficiar a
determinados grupos, pero non ó País no seu conxunto, que é o obxectivo fundamental do
sistema educativo finlandés. Esa triste realidade non parece que poida
cambiar nun futuro inmediato. Ó contrario, o máis probable é que se
intensifique polo agravamento da crise que xa afecta ó sistema público
universitario, o que conlevará un peso cada vez maior das universidades
privadas, que teñen como único fin os beneficios dos seus promotores.
Pero o
problema que acabamos de sinalar non é máis ca unha pequena parte da “burbulla
universitaria” española. Si, en paralelo coa “burbulla inmobiliaria” e coa
“burbulla financieira”, existe unha “burbulla universitaria” que, a diferencia
das dúas primeiras, aínda non deixou de medrar. O crecemento descontrolado da
oferta de prazas universitarias levou a que neste momento dos seis millóns de
parados que hai en España un millón teñan titulo universitario, e iso sen
contar con que, entre os titulados que traballan, arredor dun 20% fano en
ocupacións que teñen pouco ou nada que ver cos seus estudos. Outra consecuencia
é que mentres na UE o 16% da poboación é universitaria, en España ese índice chega
ó 21%. Hai datos tan asombrosos como que, soamente en Madrid, hai máis estudantes
de Dereito ca en todo o Reino Unido! En suma, en España gradúanse cada ano arredor de 180.000 universitarios (uns 12.000 en Galicia). Alguén con sentido pode crer que o noso sistema productivo vai ser capaz de absorber tal
cantidade de man de obra cualificada? As consecuencias perversas desta
“burbulla” son múltiples; unha das máis graves, a fuga dos
mellores!
Volvo
ó caso de Finlandia e do seu sistema educativo. Algúns poderían pensar que se
trata dun sistema moi innovador e que racha cos métodos tradicionais. Todo o contrario, o
sistema educativo finlandés, así coma o contexto social no que se desenvolve,
resulta moito máis arcaico e tradicional có español. A conciencia social de que
é necesario traballar duro e de xeito
colectivo para triunfar (relacionada sen dúbida coa realidade
climática do país) está moi estendida; un gran respecto pola autoridade,
de influencia oriental, axuda a que nunca se poña en dúbida a dos profesores
nos centros; a relixión luterana, maioritaria, tamén incide na importancia que
lle dan os finlandeses ó cumprimento do deber. Pero, no caso da educación, o
máis importante é que fronte ó noso concepto de educación orientada ó mercado e
centrada na competencia e no éxito persoal, no modelo finlandés priman os
conceptos de igualdade e de equidade: de proxecto común. Detrás do modelo
finlandés hai unha ideoloxía igualitaria e colectivista totalmente enfrontada
co carácter competitivo do modelo educativo neoliberal. En Finlandia, país con
recursos naturais moi limitados, a educación dos individuos no coñecemento e na
innovación é vista polos seus cidadáns como único xeito de ser competitivos na
sociedade global e de manter os altos estándares de benestar do seu estado
social, que é, non o esquezamos, o froito principal dunha reforma educativa dos
anos setenta, reforma que, despois de corenta anos, mantén a súa arquitectura
básica. Igualiño ca en España!
Véñenme
á cabeza uns versos de Serrat:
Escapad gente tierna
que esta tierra está enferma
y no esperes mañana
lo que no te dio ayer,
que no hay nada que hacer
...
No hay comentarios:
Publicar un comentario