lunes, 11 de febrero de 2013

Finlandia: as leccións que veñen do frío


Daba conta o padre Feijóo das grandes vantaxes que proporcionaba a vida nas terras setentrionais de Europa. Seguía para iso o relato do nobre sueco Olaus Rudbeck na súa  “Laponia Ilustrata” (1701) quen describía ese país como rico en froitos e abundante en caza e pesca, con invernos claros e serenos, e ós naturais como homes áxiles, sans e robustos que vivían exentos dos grandes azoutes do ceo, da guerra e da peste. De todos eses perigos estaban protexidos polo clima, tan san para os nativos como áspero para os forasteiros. A maiores, demostraba o noso ilustrado, botando man de razoamentos trigonométricos, que a longa noite polar non era tan terrible como se dicía, xa que a ausencia aparente de Sol non duraba seis meses, senón cinco tan só!  Esquecíase o noso admirado bieito que, nesas longas noites, sempre lles quedaría ós naturais a posibilidade de entreterse ollando para as auroras boreais. En fin, que os habitantes estarían tan encantados con as vantaxes da súa rexión que non á cambiarían por ningunha outra do mundo! E paréceme moi ben todo iso, aínda que eu, por padecer de pes fríos e de conxelación salarial, non teña pensado pisar esas terras no que me reste de vida, salvo que me obriguen ou me conviden. Pero iso non lle quita nada á miña admiración polas democracias escandinavas, que vén de anos atrás, aínda que esta semana gañaran especialmente a miña atención, sobre todo Finlandia, no ámbito específico do ensino. Para comezar, o domingo pasado, no programa “Salvados” facíase un breve pero interesantísimo percorrido polo sistema educativo de Finlandia, verdadeiro orgullo nacional por selo máis prestixioso do mundo neste momento. Logo, a mediados de semana, en “V televisión”, vin unha entrevista que lle facían a un grupo de alumnos suecos e a outros dun instituto de Lugo que realizaban un intercambio. A presentadora preguntoulle a un estudante galego que fora o máis importante que aprendera na súa viaxe a Suecia; o rapaz contestou que lle valera para poñer en cuestión iso de que Galicia era o país máis fermoso do mundo, onde mellor se comía, onde mellor se vivía, etc. etc.: que fóra tamén había cousas moi fermosas e moito que aprender!!! Logo, unha alumna sueca, diante da pregunta de que era o que máis e o que menos lle gustaba do que estaba vendo en Galicia, despois de pensalo un pouco, dixo que o que máis lle gustaba era o clima, que aquí había unha temperatura moi agradable!!! E o que menos? Pois, a organización dos estudos: que debía de ser moito máis difícil sacar boas notas aquí ca en Suecia!!! Desde logo, sempre me asombrou a gran intelixencia dos rapaces, aínda que dubido sobre cal é o verdadeiro obxectivo do noso sistema educativo: tratar de  conservar e desenvolver esa intelixencia, ou de destruíla e anulala?
Opino desde hai tempo que o estudo comparativo dos sistemas educativos dos diferentes países debe selo punto de partida obrigatorio á hora de saber que facer para mellorar o propio; un método perfectamente aplicable, por outra parte, a calquera actividade humana, sexa do tipo que sexa. E cando se trata de mellorar, resulta evidente que a comparación debe de ser cos mellores e non cos peores. Tratándose da Educación, o primeiro espello no que hai que mirarse está sen dúbida en Finlandia. Por todo iso, hoxe quero analizar algunhas cuestións referentes á exemplar organización educativa dese país, para comparalas coa que nos temos.

Escola pública/ Escola privada: En Finlandia o 99%(!) dos alumnos do ensino obrigatorio asisten a colexios públicos e só un 1% a privados –esa porcentaxe mantense para os centros de ensino secundario superior; mentres, as universidades (17) son todas públicas-. Compárese con España: 69% alumnos na pública e 31% na privada e concertada (datos do 2006). Podería ser que os finlandeses fosen uns raros neste aspecto. Pero non: os raros somos nós! A media da UE nestes mesmos apartados é: 90% de alumnos no ensino público e 10% no privado e concertado. A este país, onde todo o privado se ten revestido dun brillo de especial prestixio e eficacia, mentres todo o público é condenado por ineficiente, hai que facerlle saber, CON DATOS, que iso é TOTALMENTE FALSO!

Educación gratuíta/ Educación subvencionada: En España, aínda que se di, a educación obrigatoria non é totalmente gratuíta. En Finlandia si: a educación obrigatoria (7-16 anos; 6 anos de primaria e 3 de secundaria)  é totalmente gratuíta, non só a matrícula, senón todo o material escolar (libros, cadernos, bolígrafos, etc.) e o xantar. O transporte é de balde para os alumnos que viven a máis de cinco quilómetros do centro. Os colexios teñen todos unhas instalacións magníficas e contan nas aulas cos medios máis avanzados de ensino. No bacharelato e na Universidade a matrícula tamén é gratuíta. O ensino preescolar non é obrigatorio; existen magníficas garderías subvencionadas, pero non son de balde, págase segundo os ingresos da familia, e para unha familia media o custe mensual, con xantar incluído e material, é duns 200 euros. Diante dese estado de cousas todo o mundo pensará que iso debe de resultar carísimo, que ese sistema é un luxo (outro) que non nos podemos permitir. Vexamos os números. Se estudamos o gasto público de Finlandia en Educación vemos que está no 6% do PIB, fronte a un 5% de España, non moito máis. Este dato resulta moi enganoso porque na realidade España gasta moito máis ca iso en Educación debido ó grande número de institucións privadas que existen e que pagan os nosos cidadáns. Está ben estudado que, paradoxalmente, son os países con menos gasto público en Educación os que máis gastan neste apartado e, á par, os que teñen resultados máis pobres. Así, Finlandia gasta o 25% do PIB/habitante por cada alumno que está nunha institución educativa; mentres, en España ese gasto é do 29%! Pero, para non enlearnos e para que o entenda todo o mundo: no ano 2007 España gastaba por cada alumno no ensino obrigatorio unha media de 6773 euros e Finlandia 6682! Compárense agora os servicios recibidos e os niveis de renda dos cidadáns nun país e noutro (Finlandia 16 puntos por encima da media europea e España 1 punto por debaixo) e chegarase a unha conclusión inevitable: o noso sistema educativo ademais de malo é caro!

Un sistema educativo pode ser malo e encima moi difícil, e viceversa: Afirmei antes que o noso sistema educativo era malo, sen máis, e non me arrepinto! Ó dicir isto sempre aparece algún espabilado lembrándonos que tal alumno galego ou español recibiu non sei que premio internacional, que tales científicos españois trunfan en non sei que país, etc. etc; pero habería que lembrarlles algo que dicía Didius, aquel xuriconsulto eclesiástico inventado por Sterne no seu “Tristram Shandy”: “Un exemplo non é un argumento!”. Non, o sistema educativo español é malo, sen paliativos! Poderíamos falar dos pobres resultados que se acadan nas probas internacionais, por exemplo nos prestixiosos PISA, nos que sempre estamos por debaixo da media en todos os items valorados; do fracaso escolar, que rolda o 30% en España fronte a menos dun 1% en Finlandia, etc. etc. Pero é que, encima de todo iso, os alumnos españois e as súas familias pasan os cursos agobiados polo traballo escolar: toneladas de contidos nos libros de texto, exames un día si e outro tamén, deberes interminables, traballos para os fins de semana ou incluso para os períodos de vacacións, etc. etc. etc. A resposta da alumna sueca a “V Televisión” foi atinadísima: certamente España é un dos países onde os estudos de primaria e secundaria resultan máis difíciles e traballosos, tanto para os alumnos coma para os pais. E para colmo, de todo ese esforzo, socialmente non sacamos case nada! Unhas alumnas de secundaria de Finlandia respondían noutra reportaxe a unha pregunta sobre os deberes que tiñan que facer fóra da clase: ocupábanlle unhas dúas ou tres horas de traballo á semana! Iso, meus amigos, é o que precisan en España os alumnos de preescolar!!! E, que dicir dos exames e da notamanía rampante en España,  asuntos ós que xa me teño referido aquí? Pois convén saber que en Finlandia, que obtén os mellores resultados cando se fan probas internacionais, non hai exames no ensino obrigatorio. Si, non hai ningún erro: en Finlandia, nin na primaria nin na secundaria obrigatoria hai exames. Soamente se pasan algúns tests de cando en vez. E iso é así a pesar de que para entrar no bacharelato é preciso ter unha cualificación media superior a 8, cualificación que obteñen máis  do 50% dos estudantes! Esa cualificación é a media das que poñen os profesores no último curso de secundaria en cada materia, tendo en conta tanto o traballo persoal coma os resultados dos tests realizados. Hai que saber que, despois da secundaria obrigatoria, un 50% dos alumnos seguen o bacharelato e un 45% a formación profesional (de primeirísima calidade e prestixio), e tamén que se un alumno non chega ó 8 e insiste en querer estudar bacharelato, pode quedar un ano máis na secundaria é tentar mellorar as súas notas. Compárese todo iso co que sucede en España, onde  calquera alumno pode pasar ó bacharelato incluso suspendendo algunha materia fundamental da secundaria!

O bilingüismo en Finlandia: En Finlandia, coma en Galicia, hai dúas linguas oficiais, no seu caso o finés e o sueco. A primeira é falada polo 90% da poboación, mentres os falantes de sueco non chegan ó 10%. Pero hai municipios nos que estes últimos son maioría. De acordo con esta realidade, existen colexios nos que o primeiro idioma é o finés e outros nos que o é o sueco. En primaria estúdase a lingua materna e na lingua materna; ademáis comézase a aprendizaxe dun idioma estranxeiro (normalmente o inglés) desde o terceiro curso. Nas escolas bilingües a metade do horario impártese na lingua materna e a outra metade na lingua estranxeira. Logo, na secundaria, estúdase obrigatoriamente a lingua materna, a outra lingua oficial e unha lingua estranxeira, todas con cargas lectivas moi semellantes (3 clases á semana cada unha). En todo caso, nos niveis non obrigatorios son moi comúns as clases en inglés. En Finlandia o polilingüismo, que xa non o bilingüismo, é un dos piares do sistema educativo, pero ben entendido que o que se busca non é a perfección gramatical na expresión oral ou escrita do idioma estudado, senón que o alumno sexa capaz de comunicarse no mesmo; así, xa resulta proverbial o peculiar e pouco académico xeito dos finlandeses de falar ou de escribir en inglés. A comparación con Galicia en particular e con España en xeral pode facela calquera.

A optatividade: É este un apartado moi importante; de feito, opino que unha das principais ineficiencias do noso sistema tanto na secundaria coma no bacharelato vén dunha mala concepción das materias optativas. Fronte á nosa optatividade, que permite fuxir de materias fundamentais, sobre todo das do ámbito científico, no sistema finlandés ningunha materia fundamental é optativa. No primeiro curso de secundaria (7º), salvo a elección entre inglés e alemán e entre relixión e ética, todos teñen as mesmas materias. No segundo (8º) e no terceiro (9º) teñen seis horas de optativas (sobre un total de 30), pero en xeral trátase de horas que se utilizan para profundar nas materias obrigatorias, para manter algunhas materias que soamente son obrigatorias no primeiro curso (música, arte ou bricolaxe) ou para aprender un novo idioma (francés, español, etc.). Por exemplo, é habitual que os alumnos estuden dúas horas semanais a maiores de Física e Química ou de Bioloxía e Xeografía en 8º e 9º (con tres e dúas horas obrigatorias nos cursos respectivos). En resumo, na secundaria tódolos alumnos teñen a mesma formación básica. No noso sistema, sobre todo en 4º de ESO, a posibilidade de elixir entre diversos itinerarios, ademais de provocar unha especialización prematura, complica de tal xeito a confección de grupos que conduce a unha total ineficiencia na asignación de recursos. Así, España sempre aparece entre os países con menos alumnos por aula tanto en secundaria coma no bacharelato. Na realidade trátase de que coexisten aulas con un excesivo número de alumnos con outras de materias optativas que teñen un número ridículo. O dato máis claro pode ser que mentres en España nos Institutos de Secundaria hai un profesor para cada 9,3 alumnos, en Finlandia hai 16,6 alumnos por profesor. A isto contribúe tamén o feito de que en Finlandia a atención a alumnos con dificultades faise, desde primaria, na propia aula, coa incorporación de profesores de apoio.  Con respecto ó bacharelato, aínda que a estrutura é moi diferente a nosa, hai que salientar que tódolos alumnos cursan as mesmas materias, é dicir todos cursan estudos de lingua, literatura, filosofía, pero tamén de matemáticas, física, química, bioloxía... A diferencia radica nos cursos especializados de esas mesmas materias, que son os que escolle cada un de acordo coas súas preferencias.

As clases. O máis importante: Dado que o sistema educativo finlandés está centrado no traballo que se fai nas clases, a programación minuciosa destas e o seu desenvolvemento é o máis importante. Non teñen un número excesivo de clases, nin o calendario escolar é máis longo; ó contrario é un dos países con máis vacacións escolares. Pero as clases que teñen son sagradas. Isto chega a tal punto de seriedade que, se hai un festivo polo medio da semana, resulta normal que esa mesma semana teñan clases o sábado! Pensaba niso o outro día, cando con motivo da chegada das vacacións do entroido, o venres, cando non antes, xa é normal entre nós (tanto nos colexios públicos coma nos privados) perder alegremente varias clases como anticipo das festas que chegan. Na realidade, sabemos ben que nos centros educativos españois calquera ocorrencia pode servir para perder unha ou varias clases. E así nos vai. 

Quedan moitos aspectos dos que falar, un dos máis importantes sería o da formación do profesorado. Pero, xa veremos se hai paciencia e ganas para seguir con isto. Non resulta fácil escribir sobre certas cousas sensibles.

Recoméndovos ver o magnífico documental "The Finland Phenomenom" (subtitulado)

1 comentario:

Zisko dijo...

Resultáronme moi interesantes e enriquecedoras as túas leccións que veñen do frío. Gracias por facernos participes delas.