Daba
conta o padre Feijóo das grandes vantaxes que proporcionaba a vida nas terras setentrionais
de Europa. Seguía para iso o relato do nobre sueco Olaus Rudbeck na súa “Laponia Ilustrata” (1701) quen describía ese
país como rico en froitos e abundante en caza e pesca, con invernos claros e
serenos, e ós naturais como homes áxiles, sans e robustos que vivían exentos
dos grandes azoutes do ceo, da guerra e da peste. De todos eses perigos estaban
protexidos polo clima, tan san para os nativos como áspero para os forasteiros.
A maiores, demostraba o noso ilustrado, botando man de razoamentos
trigonométricos, que a longa noite polar non era tan terrible como se dicía,
xa que a ausencia aparente de Sol non duraba seis meses, senón cinco tan só! Esquecíase o noso admirado bieito
que, nesas longas noites, sempre lles quedaría ós naturais a posibilidade de
entreterse ollando para as auroras boreais. En fin, que os habitantes estarían
tan encantados con as vantaxes da súa rexión que non á cambiarían por ningunha
outra do mundo! E paréceme moi ben todo iso, aínda que eu, por padecer de pes
fríos e de conxelación salarial, non teña pensado pisar esas terras no que me
reste de vida, salvo que me obriguen ou me conviden. Pero iso non lle quita
nada á miña admiración polas democracias escandinavas, que vén de anos atrás,
aínda que esta semana gañaran especialmente a miña atención, sobre todo
Finlandia, no ámbito específico do ensino. Para comezar, o domingo pasado, no
programa “Salvados” facíase un breve pero interesantísimo percorrido polo
sistema educativo de Finlandia, verdadeiro orgullo nacional por selo máis
prestixioso do mundo neste momento. Logo, a mediados de semana, en “V
televisión”, vin unha entrevista que lle facían a un grupo de alumnos suecos e
a outros dun instituto de Lugo que realizaban un intercambio. A presentadora
preguntoulle a un estudante galego que fora o máis importante que aprendera na
súa viaxe a Suecia; o rapaz contestou que lle valera para poñer en cuestión iso
de que Galicia era o país máis fermoso do mundo, onde mellor se comía, onde
mellor se vivía, etc. etc.: que fóra tamén había cousas moi fermosas e moito
que aprender!!! Logo, unha alumna sueca, diante da pregunta de que era o que
máis e o que menos lle gustaba do que estaba vendo en Galicia, despois de
pensalo un pouco, dixo que o que máis lle gustaba era o clima, que aquí había
unha temperatura moi agradable!!! E o que menos? Pois, a organización dos
estudos: que debía de ser moito máis difícil sacar boas notas aquí ca en
Suecia!!! Desde logo, sempre me asombrou a gran intelixencia dos rapaces, aínda
que dubido sobre cal é o verdadeiro obxectivo do noso sistema educativo: tratar de conservar e desenvolver esa
intelixencia, ou de destruíla e anulala?
Opino
desde hai tempo que o estudo comparativo dos sistemas educativos dos diferentes
países debe selo punto de partida obrigatorio á hora de saber que facer para
mellorar o propio; un método perfectamente aplicable, por outra parte, a
calquera actividade humana, sexa do tipo que sexa. E cando se trata de
mellorar, resulta evidente que a comparación debe de ser cos mellores e non cos
peores. Tratándose da Educación, o primeiro espello no que hai que mirarse está sen dúbida en Finlandia. Por todo iso, hoxe quero analizar algunhas cuestións
referentes á exemplar organización educativa dese país, para comparalas coa que nos temos.
Escola pública/ Escola privada: En Finlandia o 99%(!) dos alumnos do
ensino obrigatorio asisten a colexios públicos e só un 1% a privados –esa porcentaxe
mantense para os centros de ensino secundario superior; mentres, as
universidades (17) son todas públicas-. Compárese con España: 69% alumnos na pública
e 31% na privada e concertada (datos do 2006). Podería ser que os finlandeses
fosen uns raros neste aspecto. Pero non: os raros somos nós! A media da UE
nestes mesmos apartados é: 90% de alumnos no ensino público e 10% no privado e
concertado. A este país, onde todo o privado se ten revestido dun brillo de
especial prestixio e eficacia, mentres todo o público é condenado por ineficiente, hai que facerlle saber, CON DATOS, que iso é TOTALMENTE FALSO!
Educación gratuíta/ Educación
subvencionada: En España,
aínda que se di, a educación obrigatoria non é totalmente gratuíta. En
Finlandia si: a educación obrigatoria (7-16 anos; 6 anos de primaria e 3 de
secundaria) é totalmente gratuíta, non
só a matrícula, senón todo o material escolar (libros, cadernos, bolígrafos,
etc.) e o xantar. O transporte é de balde para os alumnos que viven a máis de
cinco quilómetros do centro. Os colexios teñen todos unhas instalacións
magníficas e contan nas aulas cos medios máis avanzados de ensino. No
bacharelato e na Universidade a matrícula tamén é gratuíta. O ensino preescolar
non é obrigatorio; existen magníficas garderías subvencionadas, pero non son de
balde, págase segundo os ingresos da familia, e para unha familia media o custe
mensual, con xantar incluído e material, é duns 200 euros. Diante dese estado
de cousas todo o mundo pensará que iso debe de resultar carísimo, que ese
sistema é un luxo (outro) que non nos podemos permitir. Vexamos os números. Se
estudamos o gasto público de Finlandia en Educación vemos que está no 6% do
PIB, fronte a un 5% de España, non moito máis. Este dato resulta moi enganoso
porque na realidade España gasta moito máis ca iso en Educación debido ó grande
número de institucións privadas que existen e que pagan os nosos cidadáns. Está
ben estudado que, paradoxalmente, son os países con menos gasto público en
Educación os que máis gastan neste apartado e, á par, os que teñen resultados
máis pobres. Así, Finlandia gasta o 25% do PIB/habitante por cada alumno que
está nunha institución educativa; mentres, en España ese gasto é do 29%! Pero,
para non enlearnos e para que o entenda todo o mundo: no ano 2007 España
gastaba por cada alumno no ensino obrigatorio unha media de 6773 euros e
Finlandia 6682! Compárense agora os servicios recibidos e os niveis de renda
dos cidadáns nun país e noutro (Finlandia 16 puntos por encima da media europea
e España 1 punto por debaixo) e chegarase a unha conclusión inevitable: o noso
sistema educativo ademais de malo é caro!
Un sistema educativo pode ser malo e
encima moi difícil, e viceversa: Afirmei antes que o noso sistema educativo era malo, sen máis, e non me
arrepinto! Ó dicir isto sempre aparece
algún espabilado lembrándonos que tal alumno galego ou español recibiu non sei
que premio internacional, que tales científicos españois trunfan en non sei que
país, etc. etc; pero habería que lembrarlles algo que dicía Didius, aquel
xuriconsulto eclesiástico inventado por Sterne no seu “Tristram Shandy”: “Un
exemplo non é un argumento!”. Non, o sistema educativo español é malo, sen
paliativos! Poderíamos falar dos pobres resultados que se acadan nas probas
internacionais, por exemplo nos prestixiosos PISA, nos que sempre estamos por debaixo
da media en todos os items valorados; do fracaso escolar, que rolda o 30% en
España fronte a menos dun 1% en Finlandia, etc. etc. Pero é que, encima de todo
iso, os alumnos españois e as súas familias pasan os cursos agobiados polo
traballo escolar: toneladas de contidos nos libros de texto, exames un día si e
outro tamén, deberes interminables, traballos para os fins de semana ou incluso
para os períodos de vacacións, etc. etc. etc. A resposta da alumna sueca a “V
Televisión” foi atinadísima: certamente España é un dos países onde os estudos
de primaria e secundaria resultan máis difíciles e traballosos, tanto para os
alumnos coma para os pais. E para colmo, de todo ese esforzo, socialmente non
sacamos case nada! Unhas alumnas de secundaria de Finlandia respondían noutra
reportaxe a unha pregunta sobre os deberes que tiñan que facer fóra da clase: ocupábanlle
unhas dúas ou tres horas de traballo á semana! Iso, meus amigos, é o que
precisan en España os alumnos de preescolar!!! E, que dicir dos exames e da
notamanía rampante en España, asuntos ós
que xa me teño referido aquí? Pois convén saber que en Finlandia, que obtén os mellores resultados cando se fan probas internacionais, non hai exames no
ensino obrigatorio. Si, non hai ningún erro: en Finlandia, nin na primaria
nin na secundaria obrigatoria hai exames. Soamente se pasan algúns tests de
cando en vez. E iso é así a pesar de que para entrar no bacharelato é preciso
ter unha cualificación media superior a 8, cualificación que obteñen máis do 50% dos estudantes! Esa cualificación é a
media das que poñen os profesores no último curso de secundaria en cada materia,
tendo en conta tanto o traballo persoal coma os resultados dos tests
realizados. Hai que saber que, despois da secundaria obrigatoria, un 50% dos
alumnos seguen o bacharelato e un 45% a formación profesional (de primeirísima
calidade e prestixio), e tamén que se un alumno non chega ó 8 e insiste en
querer estudar bacharelato, pode quedar un ano máis na secundaria é tentar
mellorar as súas notas. Compárese todo iso co que sucede en España, onde calquera alumno pode pasar ó bacharelato
incluso suspendendo algunha materia fundamental da secundaria!
O bilingüismo en Finlandia: En Finlandia, coma en Galicia, hai dúas
linguas oficiais, no seu caso o finés e o sueco. A primeira é falada polo 90%
da poboación, mentres os falantes de sueco non chegan ó 10%. Pero hai
municipios nos que estes últimos son maioría. De acordo con esta realidade,
existen colexios nos que o primeiro idioma é o finés e outros nos que o é o
sueco. En primaria estúdase a lingua materna e na lingua materna; ademáis comézase
a aprendizaxe dun idioma estranxeiro (normalmente o inglés) desde o terceiro
curso. Nas escolas bilingües a metade do horario impártese na lingua materna e
a outra metade na lingua estranxeira. Logo, na secundaria, estúdase
obrigatoriamente a lingua materna, a outra lingua oficial e unha lingua estranxeira,
todas con cargas lectivas moi semellantes (3 clases á semana cada unha). En
todo caso, nos niveis non obrigatorios son moi comúns as clases en inglés. En
Finlandia o polilingüismo, que xa non o bilingüismo, é un dos piares do sistema
educativo, pero ben entendido que o que se busca non é a perfección gramatical
na expresión oral ou escrita do idioma estudado, senón que o alumno sexa capaz
de comunicarse no mesmo; así, xa resulta proverbial o peculiar e pouco
académico xeito dos finlandeses de falar ou de escribir en inglés. A comparación
con Galicia en particular e con España en xeral pode facela calquera.
A optatividade: É este un apartado moi importante; de feito, opino
que unha das principais ineficiencias do noso sistema tanto na secundaria coma
no bacharelato vén dunha mala concepción das materias optativas. Fronte á nosa
optatividade, que permite fuxir de materias fundamentais, sobre todo das do
ámbito científico, no sistema finlandés ningunha materia fundamental é
optativa. No primeiro curso de secundaria (7º), salvo a elección entre inglés e
alemán e entre relixión e ética, todos teñen as mesmas materias. No segundo
(8º) e no terceiro (9º) teñen seis horas de optativas (sobre un total de 30),
pero en xeral trátase de horas que se utilizan para profundar nas materias obrigatorias,
para manter algunhas materias que soamente son obrigatorias no primeiro curso
(música, arte ou bricolaxe) ou para aprender un novo idioma (francés, español,
etc.). Por exemplo, é habitual que os alumnos estuden dúas horas semanais a
maiores de Física e Química ou de Bioloxía e Xeografía en 8º e 9º (con tres e dúas
horas obrigatorias nos cursos respectivos). En resumo, na secundaria tódolos
alumnos teñen a mesma formación básica. No noso sistema, sobre todo en 4º de
ESO, a posibilidade de elixir entre diversos itinerarios, ademais de provocar
unha especialización prematura, complica de tal xeito a confección de grupos
que conduce a unha total ineficiencia na asignación de recursos. Así, España
sempre aparece entre os países con menos alumnos por aula tanto en secundaria
coma no bacharelato. Na realidade trátase de que coexisten aulas con un
excesivo número de alumnos con outras de materias optativas que teñen un número
ridículo. O dato máis claro pode ser que mentres en España nos Institutos de
Secundaria hai un profesor para cada 9,3 alumnos, en Finlandia hai 16,6 alumnos
por profesor. A isto contribúe tamén o feito de que en Finlandia a atención a
alumnos con dificultades faise, desde primaria, na propia aula, coa incorporación
de profesores de apoio. Con respecto ó
bacharelato, aínda que a estrutura é moi diferente a nosa, hai que salientar
que tódolos alumnos cursan as mesmas materias, é dicir todos cursan estudos de
lingua, literatura, filosofía, pero tamén de matemáticas, física, química,
bioloxía... A diferencia radica nos cursos especializados de esas mesmas
materias, que son os que escolle cada un de acordo coas súas preferencias.
As clases. O máis importante: Dado que o sistema educativo finlandés está
centrado no traballo que se fai nas clases, a programación minuciosa destas e o
seu desenvolvemento é o máis importante. Non teñen un número excesivo de clases,
nin o calendario escolar é máis longo; ó contrario é un dos países con máis
vacacións escolares. Pero as clases que teñen son sagradas. Isto chega a tal punto de
seriedade que, se hai un festivo polo medio da semana, resulta normal que esa
mesma semana teñan clases o sábado! Pensaba niso o outro día, cando con motivo
da chegada das vacacións do entroido, o venres, cando non antes, xa é normal
entre nós (tanto nos colexios públicos coma nos privados) perder alegremente
varias clases como anticipo das festas que chegan. Na realidade, sabemos ben
que nos centros educativos españois calquera ocorrencia pode servir para perder
unha ou varias clases. E así nos vai.
Quedan moitos aspectos dos que falar, un dos máis importantes sería o da
formación do profesorado. Pero, xa veremos se hai paciencia e ganas para seguir
con isto. Non resulta fácil escribir sobre certas cousas sensibles.
Recoméndovos ver o magnífico documental "The Finland Phenomenom" (subtitulado)
1 comentario:
Resultáronme moi interesantes e enriquecedoras as túas leccións que veñen do frío. Gracias por facernos participes delas.
Publicar un comentario