O xa desaparecido Estado de Benestar tiña un dos seus piares na faceta
compensatoria da Facenda Pública. Esta,
a través da recadación impositiva e do gasto público, corrixía e complementaba
o funcionamento do mercado transferindo recursos dos que máis tiñan ós que
menos. Esa foi a teoría e a práctica que seguiron a maioría dos países
occidentais durante toda a segunda metade do século XX. Na actualidade pouco
queda diso; bastaron un par de décadas de mentiras masivas – nunca antes o
poder estivo tan aliado coa mentira, distintivo tráxico desta época: todo o que
ten poder minte, e canto máis poder ten, máis minte!- para darlle a volta á
maioría dos principios fundamentais daquel Estado de Benestar. Ata tal punto
isto é así que, na actualidade, moitas políticas denominadas “sociais”
consisten xustamente no contrario do que predican: concrétanse en retirar
recursos dos máis desfavorecidos para transferirllos ós máis poderosos.
Un exemplo pode ser o do copago que se pretende establecer nos comedores
escolares. Xustifícase a medida dicindo que o gasto resulta inasumible para as
arcas públicas e que a gratuidade establecida sobre a base da distancia do
domicilio ó centro é inxusta. A segunda parte do argumento é totalmente certa,
pero eu quero centrarme en demostrar a total falsidade da primeira parte, no de
que non hai cartos -o cerne da cuestión-, e para iso botarei man da memoria. No
ano 1970 promulgouse a chamada Lei Villar Palasí, a que establecía a obrigatoriedade
do ensino ata os 14 anos. Foi a Lei pola que se crearon os “Grupos Escolares”
nos concellos e a que puxo fin en Galicia ás escolas establecidas sobre a base
parroquial. Desa época provén o servizo gratuíto do transporte escolar e o dos
comedores. Non vou recoller aquí e agora os números, calquera pode facelo,
daquela poboación galega de principios
dos anos setenta, rural na súa gran maioría, cun Estado pobre en recursos e
cunha Facenda Pública que aínda estaba lonxe da reforma modernizadora que
levaría a cabo Fuentes Quintana. Pois ben, aquel mísero Estado foi capaz de
transportar e alimentar a centos de miles de nenos galegos que acudían ás,
daquela, novas agrupacións escolares! Agora, cincuenta anos despois, cunha
estrutura impositiva modernizada e parella á dos países do noso entorno,
dísenos que ese gasto resulta inasumible! E eu pregunto, hai estúpidos capaces
de crer semellante mentira? Pois si, e moitos máis dos que se pensa! A
extensión da estupidez humana nunca deixará de asombrarnos! Imaxinades a un pai
de familia que non sae das tabernas nin das mesas de xogo e que, en paralelo,
se queixa de que non ten con que alimentar ós fillos? Pois con esa catadura
moral vexo eu ós nosos gobernantes cando contan estas mentiras! Non, non é
verdade que falten cartos para os comedores escolares ou para outros servizos
básicos; o problema é que, con independencia dos erros cometidos e das débedas
asumidas, se gastan cantidades inxentes de diñeiro en cousas totalmente
superfluas. O problema é o despilfarro, que non cesa, na asignación de recursos
e o pouco castigo electoral que tal irresponsabilidade conleva para os axentes
políticos, o que tamén demostra a imbecilidade dos electores. Algún exemplo de
despilfarro? Hai moitísimos! Pensemos, por exemplo, nas viaxes do INSERSO que
case ninguén critica. En xeral, soamente benefician a aqueles maiores que teñen
boas pensións ou rendas complementarias, xa que os máis necesitados non poden
detraer nada dos seus minguados ingresos para ir de viaxe! En consecuencia, os
fondos dedicados a esta política “social” non só carecen de efecto
compensatorio algún senón que, pola contra, ó transferir recursos ós que posúen
pensións máis altas, contribúen a aumentar as desigualdades sociais. Así, fronte
a centos de miles de maiores condenados ó estado da máis absoluta pobreza –as
carencias no tema da dependencia, por exemplo, son sangrantes-, un exército de
pensionistas pode desfrutar de ata cinco quendas de vacacións ó ano
subvencionadas polo erario público!!! Cos comedores escolares pode pasar algo
semellante: os que carezan de recurso algún acabarán levando a fiambreira; mentres,
os que poidan pagar algo serán os que se beneficien da, maior ou menor,
subvención pública! E senón ao tempo! Non, esa non é a solución; a solución pasa por
blindar o imprescindible, e imprescindible debería ser a existencia de
comedores escolares gratuítos para todos os alumnos do ensino obrigatorio. O
que resulta prioritario é a eliminación de todo o conxunto de ineficiencias que
explican por que España cun gasto de 6770 euros por alumno e ano (datos de
2007) no sistema educativo obrigatorio, non é capaz de darlles o xantar ós
rapaces, mentres Finlandia, por exemplo, gastando cen euros menos por alumno e
ano dos mesmos niveis –e cun custo de vida superior-, non só lles dá o
xantar senón tamén todo o material
escolar que precisan, amén dun ensino de moita maior calidade. Evidentemente, o
goberno de Finlandia non dedica un euro a colexios que discriminan ós alumnos
por sexo, nin gasta un peso en financiar un ensino concertado, nin constrúe inútiles
cidades da cultura, nin mantén un sistema universitario totalmente
desproporcionado en relación á demanda de titulados no mercado de traballo…
Preguntarédesvos quen vai eliminar esas ineficiencias que nos afogan? Eu penso
que ninguén!
2 comentarios:
Argumentos incontestables. É curioso que os "opinadores" de tertulia non saquen nunca este tema das viaxes do INSERSO. Un verdadeiro "tabú". Parabéns polo artigo.
Dices no teu artigo: "A extensión da estupidez humana nunca deixará de asombrarnos". A túa magnífica frase transpórtame inevitablemente a tantas e tantas noites de domingos electorais e traeme a memoria algo que sempre repetía un amigo meu: "É inevitable..., sempre pensamos que hai moitos menos estúpidos dos que hai en realidade".
Publicar un comentario