Rematou a Semana Santa, a máis chuviosa dos últimos anos. Sae moito a xente
a camiñar neste tempo de principios da primavera. Desde o meu balcón diviso o
paseo á beira do Arenteiro, aquí no Carballiño, e podo asegurar que non hai
época na que estea tan concorrido. Pero este ano o tempo non valeu nin para
iso; descontados algúns pescadores que, armados de chuvasqueiros e paraugas
desafiaban as inclemencias do tempo, foron poucos os camiñantes que contei,
comparado con outros anos. Non; o tempo, para os que non somos amigos de
abandonar a Terra nin en vacacións, soamente valeu para quedar na casa. Pero
tampouco iso debe causar sorpresa ou incomodo nos galegos, afeitos como estamos
ó mal tempo, que sabemos que hai multitude de cousas agradables que se poden facer
na casa. Entre elas, as viaxes virtuais, polo espazo ou polo tempo. Antano,
para realizar tales viaxes había que tirar do maxín ou dos libros, pero hoxe
tamén se pode viaxar co ordenador. Coido que este último medio, en canto a
sensacións, non resulta comparable ós dous primeiros, pero tampouco está mal, e
ademais permite viaxar a sitios difíciles de imaxinar. Por exemplo ó Catastro
(de rústica e de urbana). Esa foi a singular viaxe que realicei esta Semana
Santa. Non podo dicir que fose unha viaxe divertida ou relaxante. Na realidade,
a maioría das viaxes cansan e estresan –por iso viaxo tan pouco-, pero nunca
negarei que viaxando se aprende moito! Neste senso, a viaxe pola oficina virtual do Catastro, aínda que descorazonadora, resultou moi formativa.
Para comezar, preguntarédesvos como se me ocorreu viaxar por ese país tan
kafkiano. A verdade é que nunca pensara en tal viaxe. A idea apareceu de repente, e a culpa tívoa o
recibo: o do IBI da miña casa. Cando colocaba unhas facturas da luz no
arquivador correspondente, pasando recibos, detívenme nese, no do IBI. Tal vez
chamou a miña atención que o seu importe varíe de xeito inversamente
proporcional ó valor do ben gravado: canto menos valen as casas, máis pagamos! Quixen
saber entón se seguía vivindo nese Estado de Dereito que tanto din defender os
políticos, o que ten como piar fundamental a Constitución Española, a que
estipula que todos os españois son iguais diante da lei (art. 14). Trataba de
ver como, neste tempo de dificultades, todos os meus veciños estaban obrigados,
de xeito xusto e solidario, ós mesmos esforzos fiscais ca min. Así comezou a
viaxe. Agora digo: en mala hora se me ocorrera tal cousa!!! O primeiro que
comprobei –renégote demo!- foi que na zona na que vivo, de casas unifamiliares
principalmente, só arredor do 40% dos propietarios pagamos o estipulado
(digamos que entre uns 300 e uns 500 euros por veciño e ano, que tampouco é
moco de pavo!). O resto dos propietarios –de casas semellantes ás nosas- non
pagan case nada (digamos que uns 20 euros ó ano!). Que, como pode ser iso? Moi
sinxelo, as súas propiedades figuran como solo
urbano non edificado (!). Pero, son casas de noutronte? Non, eu fun dos últimos
en chegar e levo vivindo aquí máis de cinco anos! Ben, será unha excepción,
pensei!
Dada a miña condición de home de ciencias, decidín comprobar esa hipotética
excepción, máis ca nada para quedar tranquilo! Nunca tal cousa fixera!... Nese
momento, tiña diante de min un edificio grande, agora pechado, onde houbo un hotel e
logo unha barra americana, que coñecía ben…
Quixen ver como estaba! Na virtualidade catastral observei o rectángulo
da construcción, pero, ¡sorpresa!, comprobei que tamén figuraba como solo
urbano non edificado, a pesar de que a casa ten máis de 20 anos de antigüidade
e uns 500 metros
cadrados de superficie construída por planta! Conclusión: esa construcción (que
tería que pagar máis de 1000 euros ó ano, tirando polo baixo) nunca pagara o
IBI, nin sequera cando tiña actividade e tódolos servicios do concello (auga,
luz, alcantarillado, recollida de lixo, etc.). Bastante cabreado xa, continuei
a miña viaxe por outros edificios singulares da vila: hoteis en activo, algúns
máis grandes có que estaba pechado; grandes naves onde hai industrias; outras
onde hai concesionarios de coches; logo pasei ós chalés, ás casiñas de fin de
semana no medio de leiras rústicas, etc. etc. Sabedes o que descubrín en non
poucas ocasións? O mesmo de antes, que moitos propietarios non pagan nin un só
euro polos seus inmobles!!! Canto importa este fraude no Carballiño? Non o sei,
habería que facer un estudo polo miúdo, pero non me estrañaría que o concello
deixase de ingresar entre un cuarto e medio millón de euros ó ano por este
concepto!!! Tampouco parece moco de pavo!!!
Algunha vez teño escrito sobre a importancia do fraude fiscal en España. Normalmente
pensamos no IVA, no fraude á Seguridade Social, etc. etc., pero escápasenos
esta imperdonable inxustiza do IBI -polo seu carácter local, por discriminar
entre veciños, etc.- que cobran os concellos. Como é posible que un traballador,
probablemente parado, ou un xubilado cunha pensión mínima pague máis de 100
euros ó ano de IBI por un humilde piso ou por unha humilde casa de aldea,
mentres propietarios de magníficos chalés, de grandes naves, de hoteis, etc.
etc. non pagan nada? Este é o Estado de Dereito que hai que defender? Que veña
Deus e o vexa!
Certo que hai concellos nos que o Catastro está ó día! Pero, tampouco creo
que O Carballiño sexa excepción única! E neste concello hoxe goberna o PP, pero
gobernou durante anos o PSOE e o BNG. Sería que ninguén se daba conta disto??? Ja, Ja,
Ja!!!
Non, o mal do País, contados e queridos amigos, non se reduce ás
institucións máis importantes e ós políticos que as gobernan, como nos
compracemos en pensar. Non, o mal é sistémico e chega ós lugares máis pequenos
e insospeitados! Que todos non somos culpables de tal estado de cousas resulta
evidente. Pero a maioría, dun ou doutro xeito, somos cómplices! Sobre todo por
calar! Maioría silenciosa, din algúns!.. Maioría de conveniencias, digo eu!
Hoxe é luns de Pascua, festa da Virxe de Areas en Esposende. Non parou
de chover! Hai poucos paseantes polas beiras do Arenteiro. O tempo non anima. Conténtome
con saber que fará bo na Santa Cruz! Porque xa se sabe: se chove en Areas… En fin, aínda sendo pésimo, menos mal que nos
queda o tempo!
O Carballiño 1 de abril do 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario