lunes, 22 de abril de 2013

Curmán


Fot. de minube.com

Non convén esquecerse das afeccións tradicionais, nin sequera pola crise, e entre as máis respectadas por este blog están as lexicais. A idea sobre que escribir esta semana apareceu onte, cando lía o meu capítulo diario do Quixote, outra afección tradicional miña. Estaba no capítulo XXXIX da segunda parte, aquel no que a condesa Trifaldi prosegue a súa memorable historia, xusto cando informa que  o xigante Malambruno (o de Clavileño) era “primo cormano de Maguncia”; observei, entón, que noutra lectura anterior subliñara a palabra cormano, polo que pensei que podía ser un bo momento para prestarlle a atención debida a este cormano. Sen dúbida, o meu subliñado debérase á sorpresa que me causara atopar o devandito vocábulo no texto de Cervantes; na miña ignorancia, pensaba que curmán ‘primo, primo carnal’ non tiña equivalencia en castelán. Sacoume do erro o propio Diccionario da Real Academia Española, que inclúe cormano e cohermano entre os arcaísmos da lingua castelá, pero cun campo semántico máis amplo có que agora lle damos en galego, que inclúe medio hermano e hermanastro, ademais de primo.

Resultan interesantes as etimoloxías de irmán e de curmán (irmau e curmau na miña fala). Hai que saber que irmán vén do latín germanus, por abreviación de frater germanus ‘irmán de pai e nai’. Era frater o que significaba irmán, pero dado o carácter máis xeral que tiña este substantivo  –tamén valía para amigo, aliado, amante, etc.-, o adxectivo germanus ‘verdadeiro, auténtico’ servía para diferenciar ós auténticos irmáns -os irmáns carnais- dos outros. Deste xeito, en idiomas como o francés (frère), o italiano (fratello) ou o romanés (frate) é frater  o que está detrás dos vocábulos equivalentes a irmán; mentres, na Península Ibérica trunfou germanus, que deu irmán, hermano, irmão ou germà. En todo caso, convén matizar que xa no latín clásico se atopan algúns exemplos de germanus, só e substantivado, como equivalente de frater.

No que respecta a curmán, a súa orixe está no latín congermanus, máis en concreto na variante cogermanus, ben documentada na Península Ibérica. En latín, congermanus significaba ‘estreitamente unido, unido fraternalmente’, pero non facía referencia á ningún parentesco en concreto. Ese significado  concreto parece que soamente se daría nos derivados dos romances ibéricos. Para entendelo, talvez sexa conveniente lembrar a etimoloxía de primo, abreviación do latín consobrinus primus ‘primo irmán’. Consobrinus (< con-sosr-inus), era derivado de soror ‘irmá’, e designou en principio ós descendentes de irmás, pero co tempo aplicouse a tódolos primos, incluídos os que non eran nin de irmás nin de primeiro grao, de aí o consobrinus primus, para diferenciar os primos primeiros ou carnais do resto. En galego e castelán, a diferenza do que pasou no francés (cousin) ou no catalán (cosí), outra vez trunfou a abreviación que non tiña que ver co vínculo familiar, é dicir, primo (<primus ‘primeiro, principal’), que sería aplicada non só os primeiros primos senón tamén ós de graos sucesivos. Vaiamos agora co curmán propiamente dito. Hai que sinalar que na documentación medieval hispana o latín congermanus e, máis tarde, as distintas variantes medievais de curmán, ou do equivalente castelán cormano, non sempre se refiren ó mesmo grao de parentesco, pero tampouco iso é exclusivo deste vocábulo nin destas linguas, alomenos no que respecta a este tipo de léxico: en latín, por exemplo, nepos designaba tanto ós netos coma ós sobriños; tamén resulta ben coñecido como a ausencia dunha palabra específica para designar ós primos en hebreo e en arameo, mantén viva a polémica sobre se Xesús tivo ou non irmáns. Esta ambigüidade tan común ten conducido a multitude de problemas no estudo das xenealoxías, todos moi intricados e de difícil solución. No que nos ocupa, a miña opinión é que curmán e cormano designaban nun principio ós medios irmáns. Nese senso, non deixaría de ter a súa importancia que no Diccionario de Autoridades (1726-1739), o primeiro editado pola Real Academia Española, cormano sexa ‘el hermano que no es hijo de una misma madre o de un mismo padre… comunmente se llama medio hermano.’, e engade: «No tiene uso sino en el Reino de Galicia», sen que nel se faga referencia algunha ós primos. Non obstante, é obvio que na Idade Media utilizouse curmán con outros significados de parentesco: «assy eram curmãos, fillos de primos», lemos, por exemplo, na traducción galega da Crónica Xeral (1295-1312). Por esa mesma época documéntanse amplamente, sobre todo en castelán,  os primos curmáns (primos cormanos), co significado específico de primos carnais ou primos hermanos, expresión principal en castelán, pero posterior a primos cormanos. Quédame a dúbida, difícil de resolver, de se o primo galego ou o castelán, son abreviación do latín consobrinus primus, tal como se pensa, ou de cogermanus primus, pois resulta evidente o paralelismo entre as dúas. Resulta interesante saber que Prudencio de Sandoval na súa edición de 1600 das Crónicas Medievais de Sampiro, de Sebastián e de Paio, substituíu os consobrinum orixinais por congermanum ou cogermanum

En conclusión, paréceme que o tema non está cerrado. Mentres o galego falante pode usar primo ou curmán segundo guste, o investigador dos textos medievais debería ter coidado cos curmáns. Talvez nalgúns casos o vocábulo non se refira a primos, senón a medios irmáns. Nunca me cansarei de repetir aquelo que apuntaba Marc Bloch: unha palabra é moito máis importante polo seu significado en cada época ca pola súa etimoloxía.

No hay comentarios: