sábado, 13 de abril de 2013

Queridos amigos: hai amigos?



Words mean different things to different people
Stephen King (The Body)

Conta Luciano de Samosata (125-181) nos seus Diálogos a historia  dun home corintio de nome Eudámidas que morrera novo e pobre. Deixara unha filla casadeira, unha nai anciá e  dous amigos ricos, Carixeno e Areteo. No seu testamento estipulara: «Déixolle a Areteo o coidado de alimentar a miña nai e de sostela na súa vellez. A Carixeno encoméndolle o casamento da miña filla, e que a dote o mellor que poida. No caso de que un dos dous faleza, quédalle a súa parte ó que sobreviva.». Como cabía supoñer, os que souberon do testamento de Eudámidas ríronse del, pero os dous amigos recibiron a encomenda, e cumprírona, con singular contento. Montaigne (1533-1592), que lera a Luciano, recupera nos Ensaios esta historia, e válelle para concluír que a verdadeira amistade é sumamente rara no mundo; por iso lle dá a razón a Menandro, quen consideraba ditoso a todo aquel que atopase, aínda que só fora, a sombra dun amigo. Pola contra, na opinión de Montaigne, ó que de xeito ordinario chamamos amigos e amistades non son máis ca unións e familiaridades trabadas por causa dalgún interese. E conclúe lapidario: «O mes amis, il n'y a nul amy!» (Oh, meus amigos, non hai amigos!), frase atribuída en orixe a Aristóteles, pero que quizais non fose tan categórica como Montaigne a interpreta; tal vez un  «quen ten moitos amigos, non ten ningún amigo!», sería máis axeitado.

Si, entre os filósofos, empeñados desde a antigüidade en definir a amistade, é común afirmar a rareza da verdadeira, pero tamén constatar a súa necesidade para os homes. Sócrates «prefiriría un amigo a tódolos tesouros de Darío»; Aristóteles considerábaa como «o máis necesario para a vida»; Cicerón, no célebre Tratado sobre a amizade, escribe  que  «non hai nada tan axeitado á natureza»; Montaigne que  «é o máximo estremo de perfección nas relacións que ligan ós humanos»; Kant que «todo home cabal trata de facerse digno de ter un amigo»... En conclusión: os homes teñen ansia de amistade! Pero esa mesma natureza humana, sempre contradictoria, parece tender a maltratala, o que explicaría a súa rareza. Cervantes, no Quixote,  pon como exemplo de amistade firme non a de don Quixote e Sancho, como cabería esperar, senón a que existía entre as súas bestas, entre Rocinante e o ruzo de Sancho; e faino de xeito consciente: «para confusión de los hombres, que tan mal saben guardarse amistad los unos a los otros». E tamén habería que darlle a razón a Maquiavelo cando  advirte que os homes, en xeral, «son ingratos, volubles, simuladores, covardes diante do perigo e ávidos de riqueza. Mentres lle fas ben, son completamente teus: ofrécenche o seu sangue, os seus bens, a súa vida e os seus fillos… pero cando a necesidade se presenta danche as costas.». Na realidade, nada que non souberamos: a amistade é un cisne negro. «O amigo seguro soamente se coñece na situación insegura», dicía o verso de Eurípides; pero, de cantos temos noticia que pasaran esa proba na historia?...  Si, hai tempo que reflexiono sobre a amistade, máis canto máis solitario me volvo. Entendo a Nietzsche, aquel xigante solitario, cando consideraba irremediable o pago da peaxe da soidade para todo home que quixese ser tal; pero iso non lle evitaba un fondo sufrimento, como deixan percibir algunhas das súas cartas: «Un aínda ve, e fala por non calar, e para non calar escribe. Pero … a verdade escoitase ben, e di así: amigo Nietzsche, estás só, totalmente só»; «a miña saúde, en verdade, é normal; pero a miña alma continúa tan vulnerable coma sempre, e sinte ansia de bos amigos… Procúrame un pequeno círculo de persoas que queiran oírme e entenderme, e terasme san». Agora ben, os filósofos sempre falan da amizade ideal, desa unión de dúas persoas a través do amor recíproco e do respecto -segundo a definición de Kant, unha das que máis acordo concita-, e que se constituiría, segundo a coñecida síntese de Laín Entralgo, pola sucesión de actos de benevolencia, beneficencia e confidencia entre os amigos, sendo os de confidencia os máis característicos da amistade. Pero esas esixencias definitorias conducen a que soamente os adultos poderían aspirar á amistade. Para Cicerón, por exemplo, «a amizade non pode ser sólida senón na madurez da idade e na do espírito», e pouco ou nada se ten mudado nesa apreciación filosófica.

Á vista de todo iso, téñome preguntado eu moitas veces: Pero, que hai dos amigos da infancia, dos da adolescencia, dos da xuventude? Está claro que para os filósofos case nada. Serían amistades imperfectas, de colegas, de camaradas, de pandillas,… pero non de verdadeiros amigos. Non obstante, preguntádelle a calquera polos amigos máis queridos, por aqueles dos que nunca se esqueceu, e veredes como case sempre aparecen os da infancia, os da adolescencia e os da xuventude. Para a maioría dos mortais, en contra do que os filósofos establecen, son as amistades entre adultos as que adoitan atoparse na categoría das imperfectas!

Hai unhas semanas, un día calquera, sentado diante do televisor, comecei a ver unha película totalmente descoñecida para min: Cuenta conmigo (Stand by me) de Rob Reiner (1986). Neses momentos non podía imaxinar que nela ía atopar a maioría das claves sobre a amizade que me interesaban, as mesmas que non atopara nas lecturas filosóficas. Na realidade, esas claves viñan dun libro; porque a película está baseada nunha novela curta de Stephen King: The Body (1982). A novela, en síntese, conta a aventura que corren catro rapaces de 12 anos nos últimos días das vacacións de verán, do verán previo ó seu primeiro curso no instituto. Un suceso está na raíz da aventura: un rapaz coma eles dunha vila próxima desaparece, e os veciños e a policía de toda a contorna andan na súa procura; os protagonistas da historia descobren que, na realidade, o desaparecido xa está morto, que morreu atropelado polo tren e que o seu cadáver permanece próximo á vía nun lugar determinado. Deciden, entón, facer unha viaxe ata o lugar onde se atoparía o corpo, para así contemplar por primeira vez un morto. O relato escríbeo un dos catro amigos cando xa ten trinta e tantos anos, ten fillos nenos e é escritor. É fácil deducir que ese escritor ten moito de Stephen King. Podo dicir que é un dos relatos máis fermosos que levo lido sobre a amizade na adolescencia, e que a película non lle desmerece en nada. Ademais, está cheo de intelixentes reflexións sobre outras cousas, por exemplo sobre a narración, o narrador e a propia literatura. Hai fragmentos tan maxistrais coma  inesquecibles, coma aquel no que o narrador observa: «os amigos entran e saen das nosas vidas coma os camareiros nun bar»; xúrovos que nese momento parei de ler, para ver con total claridade aquelas portas de batentes, tan típicas nos bares de antano –inesquecibles as da película As vacacións de Mr. Hulot de Tatí-, que se abrían e se cerraban co seu característico ¡clac! ¡clac!; e así estiven un tempo, observando como entraban e saían os amigos da miña vida, e constatando, con pena, como, desde hai algún tempo, xa saían máis dos que entraban! Pero, sen dúbida, o momento culminante do relato, para min –e para o director do filme, que o desprazou desde a metade da novela ata  o final da película-, é aquel no que o escritor teclea no seu ordenador: 

I never had any friends later like the ones I had when I was 12.
 Jesus, does anyone?
“Nunca volvín a ter amigos coma os que tiven ós doce anos!
 Pero, meu Deus, alguén os volveu ter?”

Queridos amigos: hai amigos? Non o sei, tal vez tivese razón Nietzsche cando berraba: «Hai camaradería. Ogallá un día haxa amistade!». Non, non sei se hai amigos. Pero dunha cousa estou seguro: de que os houbo!... E, se un non se conforma con iso? Pois, que viva coma se os houbera!

Ah! O título da película, Stand by me, repite o do tema principal da película, a famosa e fermosísima canción de Ben E. King, do ano 1961, máis ou menos coetánea coa historia que conta The Body.

When de night has come
and the land is dark
and the Moon is the only light we see
...

8 comentarios:

Cossue dijo...

Meu, como persoa esquiva que son déixasme un pouco tocado con algunhas cousas... Sobre Stephen King, un escritor que chegará a estar máis valorado, penso que é un mestre na descrición/narración da amizade. Por exemplo, IT é unha narración sobre a amizade na infancia -que para min foi a época da amizade ilimitada- así como O Cazador de Soños fala desa mesma amizade cando se mantén até os 30-40... Eu persoalmente emocioneime con ambos libros (o primeiro cando o lin con 16? anos, e o segundo con trinta).

Cossue dijo...

Ben... O de "a amizade na infancia -que para min foi a época da amizade ilimitada-" escribino antes de rematar de ler o post :-P

Jeanfrujo dijo...

Teño que confesar que eu non lera nada de Stephen King antes de The Body, simplemente vira algunhas películas sobre novelas súas; pero, o meu entusiasmo con esta mostra única indica na mesma dirección do que ti apuntas. E sobre a amistade e os amigos tal vez teñamos tempo de falar ou escribir máis polo miúdo sobre estas cuestións tan complexas. As definicións que da amistade verdadeira dan os filósofos que citei refírense ó que lles parece que “debía ser” a amistade, pero nada din do que “é”, da verdadeira natureza da amistade. Para iso, eu tal vez iría a Freud e, sobre todo, a Fromm (Medo á liberdade). Freud descubriu a importancia das forzas irracionais e do inconsciente na conducta humana; consideraba ó home un ser fundamentalmente antisocial que a sociedade debe domesticar (culturizar), pero os outros serían, en última instancia, un medio de satisfacción das necesidades propias. Fromm, pola contra, considera que a sociedade non exerce soamente unha función represora sobre a conducta dos individuos, senón tamén creadora, de xeito que as súas paixóns e as súas angustias, as inclinacións máis fermosas (como a amistade) e as máis repugnantes, todas son un producto cultural, e nada terían que ver cunha natureza humana fixa e bioloxicamente dada. A amistade estaría relacionada coa necesidade compulsiva dos humanos de evitar o illamento (por debilidade biolóxica natural?). Pero esa necesidade nada tería que ver co contacto físico: “Un individuo pode estar só no sentido físico durante moitos anos e, non obstante, estar relacionado con outros con ideas, valores, normas sociais que lle proporcionen un sentimento de comuñón e pertenenza; mentres, pode vivir entre a xente e deixarse vencer por un sentimento de illamento…”. Con estas premisas, ó meu modo de ver, a natureza e a práctica da amistade nada teria que ver coa idade, simplemente se manifestaría de xeito diferente en cada etapa da vida…. Desde a miña ignorancia e esperando algunha outra luz: unha aperta, amigo.

Cossue dijo...

Se che confesara o que EU non teño lido... :) Stephen King era un dos noso escritores favoritos hai vinte e tantos anos, cando eu e máis o meu grupo de amigos de sempre ("os da calle"... ou máis ben un moi reducido subconxunto) estabamos no instituto, e xunto con Tolkien e Issac Asimov, claro ("Generation X"). Curiosamente, moita amizade se traballaba tamén ao falarmos destas lecturas, mentres oíamos música heavy e apurábamos os pitillos ata a pava, ao tempo que intentábamos entender este mundo e decidíamos que había outros que parecían máis interesantes... Até que chegaron as rapazas :D

A explicación de Freud cáusame unha certa penuria ética, se é que a entendo ben que seguro que non, porque de ser así seríamos esencialmente máquinas biolóxicas egoístas... E non digo que non pesa e moito a nosa programación, e que o egoísmo vai nela... Resúltame moito máis apetecíbel o que me dis de Fromm... Mhhh... Vou ter que léelo.
Supoño que tanto o noso pensamento como o noso xeito de nos relacionar está moi influído por como miramos ao mundo, incluso colectivamente, pra diante ou pra atrás.
Outra, meu amigo...

Jeanfrujo dijo...

Meu:

Gústame o teu relato do instituto… Un bo relato de instituto sempre é de interese universal (“un é de onde fixo o bacharelato”, deixou escrito Max Aub)
O que non tes lido! Ja, Ja, Ja… A ti gústache ler, e todo che parece pouco, pero les de máis. E o mesmo nos pasa a moitos. É un vicio coma outro calquera: nin mellor (como pensan algúns) nin pior (como pensan outros tantos). De tódolos xeitos, penso que hai que concordar con Pla en que “o home non foi posto neste mundo para ler libros”. Por certo, para que sería posto o home neste mundo? … Por que dicías que deixárades de querer entender o mundo?...

Amando dijo...

El 'mundo' es una creación humana, ¿no crees?
Salud!

Jeanfrujo dijo...

Non o sei Amando. Pero, á vista de cómo vai, tampouco o descarto!!!

Fran dijo...

Hai un par de meses que vin a película "Cuenta conmigo". Preciosa película..., de esas que "que deixan poso" e quedan na memoria. Na miña humilde opinión a percepción da amistade (se existise) ten moito que ver coa ausencia dos nosos propios medos. Esos medos dos que carecemos cando temos 12 anos e que nos van atenazando co paso do tempo. Creo que, por eso temos a sensación de que esas portas batentes abren, cada vez máis veces hacia fóra que hacia dentro.
Unha aperta!