O día 14 de xuño presentabamos no Salón de Plenos do Concello do Carballiño o
meu libro Toponimia do Carballiño.
Si, xa sei que soa a moi oficial, pero a Casa da Cultura estaba ocupada pola
Peña Barcelonista. A presentación correu a cargo de Xesús Alonso Montero, quen,
como resulta evidente, non estaba alí pola categoría da miña obra, senón en
razón da amizade que nos une. Tamén falaron: Avelino Muleiro, director do
Instituto de Estudios Carballiñeses, o alcalde do Carballiño, Argimiro
Marnotes, e Lucila Ventoso, da Editorial Andavira. Os eloxios que alí se
fixeron do autor e da obra foron, sen dúbida, excesivos; pero isto sempre
ocorre neste tipo de actos, nos que un adoita estar acompañado por verdadeiros
amigos. Eu, pola miña parte, agradecín a presenza de tódolos circunstantes e o
traballo dos que colaboraron e fixeron posible a edición de Toponimia do Carballiño, en especial:
Francisco Fumega, polo mapa toponímico; Juan Rúa, polas fotografías, e as
profesoras Anabel Boullón e Rita Abraldes, así coma o profesor Pepe Troitiño,
por diversas contribucións que axudaron a mellorar o libro. Logo, lin un texto
preparado para a ocasión, artellado arredor da descuberta que fixera non había
tanto tempo de dúas cousas moi importantes que tiñamos en común Xesús Alonso Montero
e máis eu: a primeira, que ningún dos dous rematamos de ler O Quixote; a segunda, que nunca daremos
por rematada esa lectura. Así que a tarde foi moi cervantina e o acto resultou fermoso e emotivo. E todos quedamos
moi contentos, que era do que se trataba.
Agora o libro xa está nas librerías, onde pode adquirirse ó prezo de 12
euros. Quero sinalar que para a edición non se pediu ningún tipo de subvención.
E sobre isto dicía na presentación:
«...Eu, aínda que entendo e defendo que os gobernos deben apoiar a cultura,
en xeral son contrario ás subvencións, que case sempre acaban sendo un medio de
favorecer ós amigos. No caso concreto dos libros, estou de acordo cunha
afirmación lapidaria de Pla, escritor do meu gusto, que dicía que o home non
fora posto na Terra para ler libros. Trátase, aínda que hoxe non resulte moi
propio dicilo, dunha verdade incontestable, xa que a única encomenda que se nos
fai no capítulo I do libro do Xénese é a de “medrade e multiplicádevos!”.
Encomenda á que, obedientes, nos seguimos aplicando os humanos cun entusiasmo
moi superior ó que poñemos na lectura dos libros. Pois ben, do postulado de Pla
deduzo que se o home non foi posto na Terra para ler libros, moito menos
puideron ser postos os concellos ou as deputacións para editalos. Si, desconfío
da cultura subvencionada. Don Albino Núñez, autor ourensán de obrigado
coñecemento, e a quen, por outras razóns,
cito cumpridamente no meu libro, deixou escrito isto: “El Quijote fue
escrito en un lugar donde toda incomodidad tiene su asiento. Cuando el arte es
un lecho de rosas, los creadores acostumbran ser un conjunto de mediocridades
que tienen como principal talento descubrir sinecuras y un fino olfato para las
conveniencias”. Os galegos deberíamos saber que Neira Vilas e a súa muller
Anisia Miranda andaron por Bos Aires cargados cunha maleta chea de Memorias dun neno labrego, indo de
sociedade en sociedade, para tratar de vendelas e recupera o diñeiro gastado.
Que o meu ilustre conveciño don Eladio Rodríguez morreu sen ver publicado o seu
magno dicionario, editado anos máis tarde, non grazas a unha subvención pública,
senón á financiación desinteresada dun grupo de emigrantes galegos en
Venezuela. Ou que Domingo Fontán, o autor do mapa que serve de trama á portada
do libro, cando en 1834 lle entregaba a primeira copia do seu traballo á raíña
rexente escribía: “aspirando tan sólo ser útil a Galicia consagré a este objeto
mis ahorros, mi salud y mis tareas científicas por más de docena y media de
años”. Non, ningunha das grandes creacións da cultura galega se fixo grazas a
unha subvención. En consecuencia, sería inxusto que unha obra tan
insignificante coma que hoxe aquí presentamos a tivese. Foi así, con estas
razóns e con cinco pesos no peto, como cheguei á porta da editorial Andavira,
como o libro comezou a saír adiante e como eu comecei a estar máis tranquilo.
Porque, como lle dicía don Quixote a Sancho no seu eloxio da liberdade: “Venturoso aquel a quien el cielo dió un
pedazo de pan, sin que le quede obligación de agradecerlo a otro que al mismo
cielo”.».
Outro tema que sempre aparece cando se publica un destes libros é o do seu
carácter local e interese limitado. Sobre iso dixen:
«...Un día despraceime á biblioteca de Ourense para consultar o libro Toponimia de Marín, do eminente
relixioso e lingüista de Xunqueira de Ambía, profesor Elixio Rivas. Para a miña
sorpresa o libro aparecía nos ficheiros pero non nos estantes. Intereseime polo
tema e descubrín que os responsables da biblioteca de Ourense, emulando ó cura
e ó barbeiro no donoso e grande escrutinio que fixeran na biblioteca de don
Quixote, condenaran á Toponimia de Marín
de Elixio Rivas igual có Licenciado Pero Pérez e Maese Nicolás condenaran ó Amadís de Grecia ou ó Felixmarte de Hircania. A razón que
neste caso esgrimían era que se trataba dun libro de interese local, como
deixaba ver ben ás claras o seu título, Toponimia
de Marín; de nada serviu que eu intercedese polo manual, dicíndolle que se
trataba dunha das obras máis principais da toponimia de Galicia, e que o seu
autor, ademais, era veciño de Ourense. A decisión estaba tomada: ó curral con
el! Creo que tampouco houbera valido de
nada que lles lese unha pasaxe do libro na que o autor escribía que escollera
Marín por razóns de estancia, pero
que “cualquiera retazo de Galicia cumpliría el mismo fin”, co que quería dicir
que calquera concello, incluso calquera parroquia de Galicia diría eu, valería
para acometer o estudo da toponimia da Nosa Terra. Porque, en efecto, as
parroquias, e os concellos galegos na súa orixe non son máis ca sumas de
parroquias, son coma as células dun ser vivo, que dentro conteñen toda a
información xenética que explica de onde tal ser vén. Nas parroquias, se o
sabemos buscar, atoparemos, coma quen di, o noso ADN histórico e identitario. Como
resulta obvio, nunha soa parroquia ou nun só concello non están tódolos
topónimos, pero si están os fundamentos de toda a toponimia de Galicia. Castelao apenas recollía citas nos seus
textos, pero dá unha de Heine que vale
por centos, e que eu repito a miúdo: Así
como dende a máis pequena fiestra pode
contemplarse a inmensidade do ceo, dende a máis pequena terra pódese comprender
toda a grandeza do mundo... Polo tanto, non nos deixemos enganar
polos títulos dos libros...».
Algún preguntarase como non din noticia no meu blog da presentación do libro. "Y así, sin dar parte a persona alguna de su intención, y sin que nadie le viese, una mañana, antes del día se armó con todas sus armas, subió sobre Rocinante... y por la puerta falsa de un corral salió al campo con grandísimo contento y alborozo de ver con cuánta facilidad había dado principio a su buen deseo". Se a maior aventura endexamais contada comezou dese xeito, como non debería comezar calquera brincadeira coma a miña?
1 comentario:
Parabéns! :D
Por outra banda, nom sei se a Elixio Rivas se lle tem reconhecido socialmente todo o seu travalho a prol da nossa língua e da nossa cultura :-( Em fim!
Publicar un comentario