viernes, 10 de enero de 2014

A propósito de "pulpo"

Sentenciou Emilia Pardo Bazán nunha ocasión, sentando diferenzas entre o Rexurdimento galego e a Renaixença catalana,  que “el gallego no lo hablan los que lo escriben”. E era certo: non falaba en galego Murguía con Rosalía, e nin sequera Pondal o falaba habitualmente; tampouco o falaría Castelao coa súa muller, nin Losada Diéguez coa familia, e o mesmo a maioría dos galeguistas históricos. Foi tanto así que a non pertenza deses escritores e intelectuais ó “pobo”, maioritariamente galegofalante, que pretendían defender e reivindicar é unha característica fundamental a considerar ó estudar a cultura galega contemporánea. Entre as consecuencias desa realidade está a especie de fe de converso que tiveron moitos dos nosos escritores, fe que os levou, no que se refire á lingua que escribían, ó que se coñece co nome de “diferencialismo”, isto é, a ser anticastelanistas no léxico, ou sexa, a buscar entre as diversas posibilidades léxicas aquelas que máis se diferenciaban do castelán. Non se pode negar que non houbera razóns históricas para tal actitude, pero tampouco que se cometeron, e aínda se cometen, excesos; porque a fe do converso case sempre vai asociada a posturas inquisitoriais, e o espírito do “diferencialismo” aínda non está extinto na causa do galego. Non obstante, debería de saberse que do amor que sinte un pobo pola liberdade tamén dan conta os dicionarios. E  teño que recoñecer con pena, que, a día de hoxe, o vocabulario normativo galego aínda non me transmite a sensación de liberdade que eu desexaría. Porque sei de bastantes palabras que, con acusacións falsas, padecen o exilio inxusto de fóra dos dicionarios. É certo que a maioría seguen vivas na voz do pobo, coma sempre, pero non se sabe por canto tempo: as armas a favor e en contra das palabras son agora máis poderosas ca nunca. E aínda así, hai que aceptar que algo temos avanzado ultimamente.
Non fai mal o alcalde do Carballiño en propoñer a inclusión da palabra “pulpo” no dicionario da Real Academia Galega. Ó contrario, diría que fai moi ben, porque peta educadamente na porta da única institución á quen lle corresponde dictaminar ó respecto. Fan moi mal, non obstante, aqueles que, sen coñecemento de causa, xa se manifestan en contra da inclusión da palabra; inclusión que, por certo, non lle impediría a ningún galego seguir utilizando “polbo” cando así lle petase. Pero non hai que escandalizarse; xa clamaba en van Agustín García Calvo contra aqueles que, a través da lingua, «quieren ordenar el mundo […]  queriendo, por ejemplo, que España sea una, que los Estados Unidos sean uno, que Cataluña sea una, que Euskal Herria o Galicia sean una cada una [...]. Da lo mismo: el caso es someter al ideal a todos, dentro de las fronteras que les toquen: que todos sean uno.». Particularmente, non me preocupa en absoluto a decisión da Real Academia: eu seguirei pedindo “pulpo” nas tabernas, como fai a maioría do pobo galego, e escribindo “pulpo” nos meus textos, pero teño unha opinión clara ó respecto. Esta columna non é o lugar apropiado para debullar tódolos argumentos a favor de que “pulpo” sexa considerada palabra tan galega coma “polbo”, que o é, pero o comentario dun membro da Mesa Pola Normalización Lingüística, no senso de que defender a inclusión de “pulpo” no dicionario era favorecer o “castrapo”, inclíname a facer unha breve consideración histórica: Corominas dá como primeira data de documentación da palabra “pulpo” un texto en castelán de principios do século XIV; pois ben, na documentación medieval galega atopamos a palabra “pulpo” douscentos anos antes. Pola contra, as primeiras noticias que temos de “polbo” nos Corpus  do Galego Medieval son do século XV, tres séculos posteriores. Pero, home de Deus! Por tódolos santos do ceo!  “Pulpo”, castrapo!  Hai que oír cada cousiña por estes campos do Señor!

Artigo publicado no diario La Región o 9 de xaneiro do 2014

Comentario previo (10/01/14):

A gran repercusión que está a ter esta polémica é digna de estudo. Pero centrareime neste comentario nun só aspecto: na cantidade de xente con algúns estudos que rexeita a proposta co argumento de que “pulpo” é palabra castelán allea ó galego. Por que teñen esa seguridade?  Será pola autoridade que lle supoñen a quen llo dixo ou pola que lle conceden a todo aquilo que lle ensinaron? Ou é que estudaron eles mesmos esta cuestión? Cada vez convénzome máis no que dixo Américo Castro: “España es más un país de creyentes que de pensantes”… Logo resultou que os culpables eran inocentes. As maiores tropelías da historia da humanidade cometéronse por crer no que dicían as autoridades!  E Feynmann dixo: “Ciencia é poñer en dúbida a opinión dos expertos”. Resúltanme moito máis intelixentes as respostas na rúa dos que supostamente teñen menos estudos, que se limitan a dicir que eles sempre dixeron “pulpo”, ou “polbo” se é o caso. O mal está nos que pensan que saben, sen saber!
E se logo resultase que “pulpo” pasou do galego ó “castelán”?









5 comentarios:

Unknown dijo...

Estou completamente dacordo contigo

Unknown dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Jeanfrujo dijo...

Pois xa somos dous Estevam! Grazas.

Roucos dijo...

temos que compartir unha de pulpo con tinto tinto!

Jeanfrujo dijo...

E se é de Roucos, mellor!