Hoy iré a la Catedral de Mondoñedo…
Veré la Degollación en Belén,
que está sucediendo ahora mismo,
y continuará mañana, y quizás siempre…
Álvaro Cunqueiro
Ata hai pouco celebrábase moito en Galicia o día dos Santos Inocentes, o 28 de decembro, que era o día das “pegotas”, é dicir, das ‘mentiras para gastar bromas’ ou das ‘inocentadas’. E non deixa de sorprender que dentro do ciclo de festas do Nadal, que en xeral xiran arredor da paz, do amor e da felicidade, se presente esta conmemoración da Matanza dos Inocentes, relato bíblico da masacre ordenada por Herodes, quen ó verse enganado polos Magos mandou executar a tódolos nenos de Belén menores de dous anos. Pero a inclusión desta celebración no Nadal ten unha lóxica: trátase dunha chamada de atención, sobre todo ós adultos, para que, mentres os nenos xogan e brincan, nunca esquezan que o mal persiste e que sempre deben estar vixiantes.
Dubídase do carácter histórico do relato de San Mateo, e probablemente sexa copia daquel do Éxodo sobre o nacemento de Moisés, que conta como o Faraón mandara matar a tódolos bebés varóns nacidos das hebreas. Pero a veracidade ou non do relato ten pouca importancia, a historia está chea de matanzas de inocentes totalmente verídicas, por iso o anxo da historia de W. Benjamin queda pasmado cando volve o rostro cara o pasado. Por non ir moi atrás, podemos lembrar como Himmler, o xefe das SS do partido nazi de Hitler, emulando ó Faraón do Éxodo, ordenaba matar ós nenos xudeus, pois do contrario, dicía el, ó medrar, poderían querer vergarse dos alemáns; ou os casos documentados de milicianos ucraínos que loitaban con Hitler e practicaban o tiro ó prato con bebés vivos lanzados ó aire. Moito máis próxima está a masacre de bosnios musulmáns en Srebrenica, en 1995, que perseguía a eliminación dos varóns desta etnia, e onde tamén se mataron a centos de nenos… Pero é que nin sequera hai que acudir á historia, bástanos co presente: este verán na ofensiva do exército israelí contra Gaza foron masacrados máis de 400 nenos palestinos; e hai só unha semana, mentres a ONU alertaba de matanzas de nenos na República Democrática do Congo, os talibáns asaltaban unha escola en Paquistán e asasinaban a outro cento de rapaces… Aínda así, en beneficio dunhas dixestións máis saudables, pronto deixamos de falar de todas estas masacres para volver á nosa crise e ás nosas corrupcións de cada día. Trataríase en todo caso de sucesos que nos caen moi lonxe, e iso a pesar de que algúns dos inocentes acaban aboiando nas nosas costas; porque, como aprendera Cunqueiro de Ernesto Hello, dado o carácter universal e permanente desta matanza, un pode atopar inocentes fuxidos e moribundos, o mesmo ca criados de Herodes, por calquera sitio que ande...
Pensaba Hobbes que o home era malo por natureza, que era “un lobo para o home” e que soamente se socializaba polo seu interese en sobrevivir. Rousseau, pola contra, cría na bondade natural do home, e que era a sociedade a que o corrompía. Pero, máis alá de todo iso, o que non convén esquecer e que a maldade existe, sexa natural como pensaba Hobbes, sexa adquirida como pensaba Rousseau; e que todos temos a obriga de loitar contra ela, alí onde apareza. Porque, mentres os nenos xogan e os adultos lles fan carantoñas, Lilit, a fermosa e maligna primeira muller de Adán, non descansa: segue roubando nenos dos seus berces e segue aproveitando todo o seme desperdiciado polos varóns, que é moito, para enxendrar novos exércitos de malvados que vai distribuíndo polo mundo.
Artigo publicado no diario La Región o venres 26 de decembro do 2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario