Unha guerra declárase cando menos se pensa. Esta xa levaba algún tempo declarada, pero non lle fixen caso ata que fun vítima dela. Sucedeu o venres á tardiña, cando me dirixía como cada día ó bar que frecuento. Aínda debiamos estar cerca dos 30ºC e sorprendeume ver a un grupo de asiduas botando a ritual partida de brisca fóra do local, á sombra dun parasol de Coca-Cola. Cando me interesei pola razón do seu exilio, fixéronme saber que dentro non se paraba co frío. Porque o bar, digámolo, ten aire acondicionado. Pero eu aventureime a entrar. Ó pouco xa comprobei nas miñas costas que as mulleres non mentiran, e a piques estiven de saír; pero a presenza do amigo Manolo e esa tendencia natural miña a defender causas perdidas mantivéronme firme en territorio hostil. E o caso foi que o meu amigo, que é pouco dado a levar a contraria, neste caso, compinchado coa camareira, levouma, o que prolongou de forma indebida a miña permanencia naquela cámara frigorífica disfrazada de cafetería. Eu defendía o dereito das asiduas clientas a non pasar frío, e solicitei un armisticio con temperatura mínima de 25ºC. Pero non se me concedeu; o dúo contrincante non estaba disposto a limitar o libre dereito dos que preferían o fresco, establecido pola camareira en 20ºC. Tiven que botar man da teoría cinética dos gases, da diferenza entre calor e temperatura, dos principios da termodinámica, da definición de entropía e ata da carteira, para lograr un modesto empate. E aínda así, teño que confesar que o termostato non se moveu dos 20ºC, que o Manolo só me concedeu que nas Canarias non facía frío, e que as miñas defendidas remataron a partida fóra… Consecuencia desa cruenta batalla foi unha rinitis que me tivo toda a noite moqueando e unha otitis no oído dereito que me deu a oportunidade de aprender o que se sinte cando te torturan pinchándote cun alfinete nun oído. Pero a cousa, segundo me dixo logo un médico amigo, podía ter sido peor; estes arrefriamentos por aire acondicionado tamén adoitan dar en lumbalxias, e ás veces ata en pulmonías.
O sábado pola mañá, algo aliviado da rinitis, pero co oído aínda taponado e doente, ó almorzar puxen a radio, como teño por costume. Souben entón, a través do oído esquerdo, que a guerra do aire acondicionado estaba no seu punto álxido, o que significaba que o noso non fora máis ca unha das múltiples batallas que se libraban no país. Polo que puiden escoitar, esta guerra causa estragos cada verán en múltiples empresas e locales públicos, e non só polas baixas médicas que produce, senón polo que envelena as relacións entre compañeiros. Pero o que máis me animou a non renderme foron as declaracións dun ergonomista que defendía que no norte de España, salvo en casos excepcionais, o aire acondicionado resultaba totalmente innecesario.
Foi así que reforzado nos meus argumentos, mal como puiden, presenteime outra vez no campo de batalla. Agora ía armado co RD 1826/2009, que establece non baixar de 25ºC co aire acondicionado en edificios de uso público, coa gravación da intervención do ergonomista e ata coa última encíclica do Papa Francisco sobre o medio ambiente, porque o aire acondicionado tamén contribúe ó quecemento global. Pero o inimigo non se presentou. A camareira librara e o Manolo, solteiro e sen compromiso, trasnoitara e só se erguera para xantar. Así que pousei o armamento e pedín unha caña... Fóra do bar, o sol xa comezaba a pesar outra vez sobre a terra; mentres, dentro, cavilaba eu na pobreza da literatura e da vida nun mundo termostatado, colonizado polo aire acondicionado.
Artigo publicado no diario La Región o sábado 27 de xuño do 2015.
No hay comentarios:
Publicar un comentario