jueves, 10 de noviembre de 2011

Todo vai peor (continuación)


Ningunha sociedade pode prosperar e ser feliz
se a maioría dos seus membros son pobres.
Adam Smith.
No futuro, os conflictos sociais
non serán entre o capital e o traballo,
senón entre os ben situados
e os relativa ou especificamente pobres.
A economía globlal baseada na alta tecnoloxía
fará que cada vez sexan precisos menos
traballadores para a producción de bens e servicios


O paro é unha cousa terrible, pero ten unha característica que non se debe esquecer: non afecta ós que dirixen a política nin a economía. Como dicía Galbraith: «o desemprego é lamentable, pero non o é tanto cando os que o sofren son descoñecidos». Neste aspecto reside, fundamentalmente, a permanencia do problema*. Entón, como é que ós que mandan sempre están falando da súa preocupación polo paro? Certo, en épocas de  crise tamén acostuman dicir que se viron obrigados a tomar medidas moi dolorosas (sempre na pel dos outros), pero é fácil de entender: a linguaxe serve fundamentalmente para disimular os verdadeiros sentimentos (Voltaire dixit).  Así, non é raro que os que falan moito da caridade resulten ser agarrados; os que sempre teñen a palabra liberdade na boca, tiranos, e os que non calan coas virtudes do traballo, nugalláns. Por esa mesma característica da liguaxe adoito eu botar man da carteira cando alguén di que vai regalar algo.

O paro ten certo parecido con outro mal universal: a fame! Todo o mundo se queixa da existencia da fame, pero o problema nunca se soluciona; e non por falta de alimentos, que sobran, senón pola pouca dilixencia que poñen os que comen ben en repartilos mellor. Os alimentos, dado o estado de desenvolvemento do mundo, non son un ben escaso, simplemente están mal repartidos. Tamén se di que o traballo é un ben (?) escaso, pero tampouco é certo: moita xente está desexando traballar menos. Mentres, sobran os que non poden traballar nada! Outra vez un problema de reparto. Pero hai  unha diferencia moi imporante entre a fame e o paro: mentres todos podemos ser lambóns, e comer sen fame, escasean os  dispostos a traballar sen cobrar (satisfacción principal que produce o traballo verdadeiro, dígase o que se diga).

Estou en parte co Bertrand Russell que, en 1932!, facía un eloxio da ociosidade. A dignidade do traballo, afirmaba, é un invento dos ricos para manter ós pobres traballando e contentos –cousa nada fácil, por certo–, mentres eles teñen bo coidado de manterse indignos ó respecto. En condicións de paro semellantes ás actuais, pero cun nivel de desenvolvemento tecnolóxico infinitamente inferior, B. Russell propoñía unha xornada laboral de catro horas! (si: de catro horas, en 1932): «A técnica moderna posibilita que o ocio, dentro de certos límites, non sexa unha prerrogativa das clases privilexiadas... se o asalariado ordinario traballase catro horas ó día alcanzaría para todos e non habería paro...». A proposta de Russell, coma tódalas propostas serias que non interesa escoitar, foi cualificada de simplista e utópica, pero o certo é que o seu eloxio resultou profético: «Mantemos ociosa a unha alta porcentaxe da poboación traballadora, xa que podemos prescindir do seu traballo, facendo traballar en exceso ós demais. Cando todos eses métodos non dan resultados, temos unha guerra: mandamos a un certo número de persoas a fabricar bombas e a outros a facelas estallar, coma se fóramos nenos que acabáramos de descubrir ós fogos artificiais.».... Logo, como todo o mundo sabe, viñeron unha chea de medallas para Keynes, o New Deal, o Plan Marshall... pero, que houbera pasado sen a sesión de fogos artificiais? E con isto non quero dicir que non se fixeran cousas boas despois do folión: fixéronse, e moitas! Pero, todo indica que volvemos ás andadas, e outra vez por culpa dun ben escaso (este si) e mal repartido: a memoria. A pesar das terribles experiencias do século pasado, non se acaba de atacar a verdadeira cuestión de fondo: coa tecnoloxía actual non hai carga suficiente de traballo para toda a poboación activa mentres se manteña a mesma xornada laboral  de hai un século. En paralelo, o aumento conseguinte da porcentaxe de capital nos procesos productivos segue a contribuír a un aumento das desigualdades entre os que máis teñen e os que menos, desigualdades que son, en última instancia, as que poñen en risco o propio sistema do capitalismo nos países democráticos.

Pregunta: como se sustancia o reparto do traballo? -Non o sei!, o traballo é unha variable moi heteroxénea e os meus coñecementos son moi limitados, aínda que é ben coñecido que en Alemaña xa se ten experimentado o reparto do traballo en diversas empresas con bos resultados. Pero, nesta complicación váleme unha reflexión de Tony Judt: «Para convencer a outros de que algo é correcto ou erróneo, necesitamos unha linguaxe de fins, non de medios. Non fai falla que creamos  nas posibilidades que teñen os nosos obxectivos de realizarse. Simplemente debemos crer neles».  E o fin debería estar moi claro: “todo o mundo ten dereito a un traballo onde gañarse a vida”. Fronte a ese dereito fundamental, os outros relacionados co traballo (a gañar máis, a traballar máis, etc.) deberían ser totalmente secundarios. Non se crea que esto supón unha revolución; a nosa Constitución (art. 35) contempla este dereito e non o dereito a forrarse, nin a  traballar en 24 empresas nin 24 horas ó día. Por algo será!

Pero, quen se opón, dun ou doutro xeito, a que todo o mundo poida ter un traballo digno co que gañarse o sustento? Aquí, tal vez lles gustaría ler: os políticos, os economistas, os empresarios, as grandes corporacións... Pois non, ou non exclusivamente: opoñémonos todos os que estamos ben situados! Resulta evidente que os graos de oposición e culpa son moi diversos, pero ninguén ben situado é totalmente inocente nesta cuestión. Certo que todos aceptariamos traballar menos e repartir o traballo se cobrásemos o mesmo (ou máis, como pretende Sami Nair), pero poucos pasarían por cobrar menos, aínda que gañasen máis (por exemplo en calidade de vida, en tranquilidade, en seguridade no emprego ou  en confianza nun futuro mellor para os seus fillos).

Non obstante, tamén hai que dicir que o desigual reparto dos bens no mundo resulta natural. Na natureza son descoñecidos os principios do reparto equitativo e da xustiza. Por que hai guapos e feos? Por que hai bos e malos? Por que hai estúpidos e intelixentes? Por que nuns sitios non para de chover e noutros non cae nin gota? Pódeselle chamar a iso un reparto equitativo? Vese algún tipo de xustiza en tal estado natural das cousas?  Evidentemente, non! Agora ben, tamén se debería saber que a civilización avanzou na medida en que foi superando ese estado natural desequilibrado e inxusto. No estado natural, non o esquezamos, a lei do máis forte actúa con total impunidade no medio da máis absoluta indiferencia cósmica, que se limita a marcar o transcurso do tempo. Así que, coidadiño cos que propoñen solucións “de lo más natural”.



*Refírome sempre ó problema do paro como realidade, non ás causas que o producen, moi diferentes entre países. No caso de España, calquera pode redactar unha lista bastante extensa de razóns que explican a nosa nefasta situación nos índices de desemprego. O que non resulta tan fácil é redactar outra con posibles solucións.

No hay comentarios: