Son un usuario habitual dos arquivos: gústame estudar as fontes documentais
directas. Por libre, como sabedes, son un modesto investigador, maiormente da
historia local e da toponimia. Desde hai un par de anos non vou ós arquivos con
tanta frecuencia coma antes, pero é raro o mes que non visito algún,
normalmente para confirmar algún dato ou para completar pasados apuntes. Xa
pasei o período de recopilación do groso da información que me interesaba, e
por iso, ultimamente, a penas fago uso do servicio de reprografía destas
institucións, pero fíxeno durante bastantes anos e coñezo a importancia
que ten ese servicio para milleiros de investigadores.
O outro día, nunha visita que fixen ó Arquivo Histórico de Ourense para
unha consulta puntual, escoitei como un usuario mozo se queixaba do prezo das
fotocopias. Sorprendeume a queixa dado que eu sempre paguei prezos razoables
nos distintos arquivos onde precisei deses servizos (ultimamente creo que eran
0,08 euros por fotocopia). Pareceume entender que o rapaz falaba de arredor dun
euro por fotocopia: unha barbaridade! Cando cheguei á casa e investiguei o tema vin que, en efecto, por un decreto da Consellería de Cultura e Turismo da
Xunta de Galicia de 17 de novembro do 2011 (DOG 30 de novembro) tales prezos
públicos son: unha fotocopia DIN A4, 1.05 euros; unha A3,
1.10 euros; unha copia dixitalizada DIN A4, 0.70 euros, etc., etc.
Comparemos. En arquivos do Ministerio de Cultura, como son o Histórico
Nacional ou o da Real Chancillería de Valladolid, os prezos das mesmas copias
son 0.10, 0.15 e 0.15 euros, os mesmos ca nos arquivos do País Vasco; en
Cataluña son 0.08, 0.10 e 0.20 euros, e en Andalucía 0.10, 0.10 e 0.60. En
suma, nos arquivos de Galicia pagamos, aproximadamente, dez veces máis (o
1000%!!!) có resto dos españois por este servizo. Un escándalo e un verdadeiro
atraco!!! Nunca lera, vira ou escoitara nada sobre este abuso nos medios de
comunicación. Pero, tampouco me sorprende isto: entre o fútbol, a corrupción
política, os insultos ós funcionarios, a prima de risco, os sucesos, os anuncios
inmobiliarios, os das casas de putas, as esquelas e a programación dos 34
canles da TDT, xa que non queda espazo para estas minucias. Supoño que a medida
partiu dalgún “intelixente”, tal vez dalgún membro daquel lembrado dream team de “Desván de los monjes”, que,
émulo agora dos sesudos recurtadores, pensa aumentar así os ingresos das
minguadas arcas da cultura. O que se pode conseguir con esta absurda e inxusta
decisión, paréceme a min, é que os arquivos galegos aínda aparezan máis
baleiros do que están, cousa certamente
difícil!!!
Se queda algo de sentido común neste País, cousa que dubido seriamente, e
se os que mandan aman a cultura tanto como din, cuestión sobre a que aínda teño
máis dúbidas, volvan os prezos da reprografía ós seus valores razoables,
prosígase na dixitalización dos fondos documentais e no libre acceso ós mesmos
(cuestión na que imos moi atrasados en Galicia, se exceptuamos o honroso caso
do Arquivo Universitario de Santiago), e, sobre todo, respéctense a estudantes,
tesinandos, doutorandos e investigadores independentes, con diferenza os
principais usuarios dos arquivos históricos. Non se esqueza a importancia das súas
investigacións e que estas, na súa maioría, resultan totalmente de balde para a
sociedade. Ademais de todo iso, estes usuarios non son tontos e non lles gusta
que os timen. Así, resulta un insulto para a intelixencia que, segundo me
contan, os profesores universitarios teñan unha reducción no prezo destes
servizos dun 50%, parece que por aplicación do art. 6 do citado decreto: "No caso
de institucións públicas ou sen ánimo de lucro aplicarase unha reducción
do 50%" –que non deixa de ser un timo, con reducción e todo-. Entérome
agora que os profesores universitarios son “institucións públicas ou sen ánimo
de lucro”. Por pura lóxica, os usuarios ós que antes me refería, e entre os que
me atopo, debemos de ser “institucións privadas ou con ánimo de lucro”. Manda
_______!!!
2 comentarios:
Se os que subiron o prezo son os governadores actuais, como moitos ou bastantes deles son antigalegos, ao peor fixérono á mantenta, non só para recaudar, se non tamén para que non se investigue, non se fale e non se prestixie Galicia. Por outra banda, amigo Frutos, as letras que hai que copiar para facer comentarios moitas veces son malas de entender (quizais sexa tamén por seguridade), o que, talvez,dexanime a posibles opinantes, unha aperta.
Amigo Fernando, é moi probable que esa que apuntas sexa outra das causas da medida. Con respecto ás dificultades para facer comentarios, tamén son totalmente certas. Por unha banda están esas letras difíciles de entender e por outra a dificultade do enlace con navegadores distintos do Google Chrome; co Explorer, ás veces, nin deixa acceder ó sistema de comentarios. Tal vez iso explique que me cheguen comentarios polo correo directo, método que aconsello a todo aquel que teña dificultades, indicándome no correo que o comentario podo inserilo. Neste caso, entresaco dous que me parecen totalmente pertinentes. J. R. dime que isto “No es un atraco: es un crimen!”. Outro amigo coméntame que na Consellería teñen constancia deste malestar e que “están estudando o tema”. A min soamente me quedaría dicir que “rectificar é de sabios”.
Publicar un comentario