sábado, 19 de mayo de 2012

De partidos xudiciais e reformas: o caso do Carballiño


Partidos xudiciais do Carballiño e de Ribadavia

Un amigo pídeme opinión sobre a noticia de que o  Consejo General del Poder Jucicial (CGPJ) teña elaborado un novo mapa de demarcacións xudiciais que, en Galicia, suporía unha reducción de 45 a 13 partidos xudiciais. No caso concreto da Provincia de Ourense pasaríase dos 9 actuais a 2 (Ourense e O Barco), quedando entre os suprimidos O Carballiño e Ribadavia.

Recomendaba Ignacio de Loyola non facer mudanzas en tempo de desolación, porque sabía que nesas circunstancias a tendencia máis habitual dos homes é xusto a contraria, a de querer cambiar todo dunha hora para outra. A recomendación do santo vén que nin pintada para os tempos que vivimos,  uns tempos de tribulación nos que o mesmo goberno que nos conduce, conservador por definición, presenta como divisa principal o reformismo. Así, non resulta raro que desde calquera instancia institucional, e con obxectivos diversos, aparezan multitude de aspirantes ó apostolado de moda, que non é outro có da doutrina do cambio. No que respecta á Administración Local e a Ordenación do Territorio, hai uns días non se falaba máis ca  da fusión de concellos, antes era da eliminación das deputacións e agora tócalle á supresión de partidos xudiciais.

A ecoloxía esta chea de exemplos nos que unha mínima alteración, aínda que  só sexa dunha  das variables que definen o equilibrio dun sistema, conduce a verdadeiras catástrofes medio ambientais. Un país, coma se dun ecosistema se tratase, é un sistema moi complexo, no que mínimas perturbacións de calquera variable poden alterar equilibrios fundamentais. Esta realidade, que debería ser coñecida por calquera persoa con responsabilidades institucionais, non ten que conducir ó inmobilismo, pero si á prudencia e ó estudo previo de calquera iniciativa de cambio. Haberá que acometer en cada momento as reformas que sexan precisas, pero logo do estudo minucioso das súas posibles consecuencias.

No caso dos partidos xudiciais non estamos falando exclusivamente da administración territorial da xustiza, estamos falando da propia organización territorial do país. E ese sistema de división e organización do territorio resulta tan fundamental que, dependendo do seu deseño, é o que posibilita ou imposibilita a correcta administración e desenrolo do mesmo. Polo tanto, coidadiño: estamos tratando de cousas moi serias! O que digo é que a división dos partidos xudiciais vai moito máis alá dun simple xeito de organización da administración da xustiza, o mesmo que, por exemplo, o deseño do mapa escolar ou universitario excede con moito o ámbito exclusivamente educativo.  Por que? Porque a historia así o demostra! Tratarei de explicalo, aínda que sexa de xeito breve, poñendo como exemplo o caso do Carballiño.

Para comezar debo dicir que o modelo organizativo territorial dun país nin é natural nin sempre foi o mesmo. O noso modelo actual, de influencia francesa, ten arredor de douscentos anos de vida, parte da Constitución de 1812 e queda definitivamente establecido entre 1833 (división provincial) e 1836 (división municipal). A organización territorial española, copiada da do país veciño, guiouse daquela pola idea da conformación dun Estado uniforme e centralizado, de estilo napoleónico, organizado sobre un sistema concéntrico que combinaba dúas circunscricións territoriais: a provincia e o municipio. Esto desmantelaba o complexo e caótico sistema do Antigo Réxime, no que cada cidade, cada vila, e case cada aldea, tiñan un réxime xurídico singular, que mesturaba os ámbitos gobernativos cos xudiciais. No caso concreto de Galicia esa diversidade reflectíase nada menos que en 7 cidades, 101 vilas, 665 xurisdicións, 496 coutos e 3652 parroquias. Non me interesa valorar agora se aquela reforma territorial e xurisdicional, no caso de Galicia, se puido facer mellor. Tampouco se despois da instauración do estado autonómico, que define a Constitución de 1978, se deberon manter intactas as estruturas territoriais decimonónicas. O que me interesa agora sinalar é que de aí vimos. Tamén constatar que nin na organización territorial do Antigo Réxime nin na do novo Estado Liberal aparecía por ningún lado a comarca, o mesmo ca na Constitución de 1978, que soamente fala da posibilidade das asociacións de municipios limítrofes.

Resulta ben coñecida a posición histórica neste senso do galeguismo, que considera, e con razón,  que a provincia e o municipio son institucións alleas a Galicia. Por abaixo sería a parroquia a célula básica tradicional da administración local de Galicia, mentres por arriba, fronte ó provincialismo imposto, sempre reinou no galeguismo certa indefinición, se acaso, como defende Pablo González Mariñas –quen máis sabe destas cousas-, apelouse a certa tradición comarcal de tipo natural, non orgánica nin administrativa, ó reivindicar as comarcas naturais desde finais do século XIX. Isto foi debido, en parte, á influencia do pensamento catalanista, principal fonte de inspiración do galeguismo, pero, sobre todo, ó pulo que colleron as cabezas dos partidos xudiciais nese século. Sería esa mesma tradición comarcal á que se apelaría para o impulso do novo mapa comarcal de Galicia, o que nace da Lei de Desenvolvemento Comarcal de 1996. Na realidade, esas comarcas  mal chamadas naturais distaban de ter unha definición concreta, e na maioría dos casos non eran máis có eco, ou radiación de fondo, que quedou das antigas “terras” (Ribeiro da Avia, Castela, Orcellón, Limia, Deza, Monterroso, Camba, etc.), circunscricións territoriais medievais liquidadas no século XV despois da Revolta Irmandiña.

Pero, de onde viña o pulo das vilas no século XIX? Pois, fundamentalmente, da súa elección como capitalidade dos novos partidos xudiciais instaurados en 1834. Esa instauración obedecera, en principio, a motivos relacionados coa administración da xustiza, pero as consecuencias superaron con moito ese ámbito. O desprazamento de avogados e notarios á cabeceira xudicial, ó eliminarse os antigos xulgados, levou consigo á xente, que agora tiña que desprazarse a esas vilas para realizar toda unha serie de trámites administrativos e contenciosos que antes solucionaba nas antigas xurisdiccións. En paralelo e como consecuencia directa deses desprazamentos, produciríase un notable aumento do comercio nesas vilas, aumento que resultou proporcional á diminución das mesmas actividades nos pequenos pobos. Houbo, en suma, un desprazamento das actividades administrativas e comerciais cara ás cabezas dos partidos xudiciais. Ademais, o aumento do peso político destas capitalidades fixo que importantes decisións, coma por exemplo o deseño do novo mapa de vías de comunicación de mediados do século XIX, xa se fixese considerando a estas vilas como lugares obrigados de paso. Proporcionalmente, pasou algo parecido coa capitalidade dos concellos respecto das parroquias que os formaban, pasando na maioría dos casos, e en poucos anos, de ser aldeas comúns a constituírse nos lugares máis habitados dos respectivos municipios. En resumen, a nova organización do territorio favoreceu o crecemento das capitalidades dos concellos e dos partidos xudiciais, sobre todo destas últimas, modificando substancialmente a estrutura do hábitat rural galego anterior a tales disposicións, moito máis disperso.  Polo tanto, hai que saber que a importancia das vilas de Galicia é, en gran medida, un fenómeno estritamente contemporáneo, que ten a súa orixe no século XIX, na nova división territorial que estableceu o  Estado Liberal.

O caso do Carballiño resulta paradigmático. Moito se leva escrito sobre a importancia da feira e das augas termais no desenvolvemento do Carballiño, pero,  dígase o que se diga, o factor fundamental que posibilitou que deixase de ser unha aldea para converterse nunha vila importante,  foi a súa elección como cabeceira de concello e, sobre todo, de partido xudicial. Iso explica que en apenas vinte anos, os que van da publicación do Dicionario Miñano (1826-29) á do Diccionario Madoz (1845-50) -xusto antes e despois da designación do Carballiño como capital de concello e partido xudicial-, a súa poboación pasase de 297 a 780 habitantes, medrando un espectacular 163% neses escasos vinte anos. Ese crecemento e a  consecuente consolidación da vila como capital comarcal intensificaríase no que quedaba de século XIX, chegando ó ano 1900 con 1645 habitantes, poboación que se correspondía, nese momento, coa dunha verdadeira vila. Pero nada diso tería sucedido se a capitalidade do partido xudicial non se houbera situado no Carballiño. Un relato semellante poderíase realizar para a maioría das vilas galegas. Foi, polo tanto, a decisión administrativa de situar as cabezas de partido xudicial nesas vilas a que as colocou como cabeceiras dun territorio que se comezou a recoñecer como comarca, sen que existise na maioría dos casos unha comarca antiga coincidente co territorio que definía a nova, que non era outro có do partido xudicial. Non existía unha comarca do Carballiño antes do partido xudicial do Carballiño; tampouco o partido xudicial  ou comarca de Ribadavia coincide coa antiga comarca do Ribeiro, aínda que agora se lle chame así; etc. etc.

A organización territorial de Galicia foise adaptando nestes dous últimos séculos ó modelo establecido no XIX. O camiño estivo cheo de dificultades, e tivo como principal vítima a parroquia rural galega, aquela da que Castelao pensaba que era “unha das máis punxentes características da nosa Terra, e de ningunha maneira se debe prescindir da súa eisistencia”, e diso aínda non hai nin oitenta anos... Agora preséntase un novo proxecto de mapa da administración xudicial, e eu digo que, de levarse a cabo o que se propón, causaría un terremoto na organización do territorio semellante ó que se produciu trala instauración do modelo do Estado Liberal, en 1836, que significou, fundamentalmente, o paso da “Galicia das parroquias” á “Galicia dos concellos e das vilas”. Queremos pasar agora á “Galicia das cidades” e deixar morrer as vilas? Apoiemos entón a reforma do mapa xudicial que propón o CGPJ, ou os novos mapas de vías de comunicación que, en gran medida, ignoran as vilas. Pola contra, queremos unha Galicia traballada e equilibrada no seu desenrolo entre cidade e campo, entre costa e interior? Entón, rexeitemos con tódalas forzas estas propostas e poñámonos de contado a traballar no deseño do mapa da Galicia que queremos. Porque, salvo toxos e silvas, as cousas nunca veñen dadas.

2 comentarios:

Juan dijo...

Abofé que me gusta todo isto que escribiches... Lino de cabo a rabo e sen pestañexar...
Deberian leelo con calma todos os que teñen responsabilidade nese posible cambio dos partidos xudiciais... E deberiamos leelo e reflexionalo todos os que vivimos no Carballiño... E pensar que é o que realmente queremos ... e logo loitar por elo...
Eu, dende logo, quero unha Galicia de Vilas e non un deserto salpicado de cidades nas que se amorean xentes anónimas e descoñecidas...
E moi bo o remate: "... poñámonos de contado a traballar no deseño do mapa da Galicia que queremos. Porque, salvo toxos e silvas, as cousas nunca veñen dadas..."

Jeanfrujo dijo...

Pois, moitas grazas Juan. Síntome moi honrado co teu comentario.