Muniain chorando
No capítulo dedicado á tristeza dos Ensaios, conta Montaigne a historia de Psamenito, rei de Exipto, derrotado e feito prisioneiro por Cambises, rei de Persia. Mentres os seus amigos presos choraban e se lamentaban ó ver como a princesa, a súa filla, se convertera en criada dos seus captores, el permanecía calado e impasible. Mantívose en idéntica disposición cando viu como conducían ó seu fillo á morte, pero cando observou a un dos seus amigos entre os presos comezou a golpearse a cabeza e deixouse gañar pola desolación.
Entende Montaigne que a conducta de Psamenito explícase porque, estando
cheo e saturado de tristeza, o máis leve engadido fixo que o seu sentimento se desbordase.
Mentres, o propio Cambises, informado do comportamento de Psamenito, daba outra
explicación do seu comportamento: «Só a última dor puido significarse con
lágrimas; as dúas primeiras excederon con moito calquera medio de expresión».
Quedoume moi gravada a suxestiva historia de Psamenito, pero non acaba de
convencerme ningunha das dúas explicacións que dan os Ensaios. Tal vez o que pasa é que non existe explicación racional
algunha para a conducta do rei cativo. Podería ser que a historia simplemente
constatase iso: que permanecemos impasibles ante feitos de importancia
fundamental mentres se desatan as nosas paixóns por cousas de menor ou leve
importancia. Si, resulta sorprendente a importancia que lle damos, ás veces, a
cousas sen importancia.
Pensaba niso vendo, e comprendendo, a desolación dos xogadores e
afeccionados do Athletic de Bilbao despois da final da Europa League do mércores pasado, desolación que contrastaba coa euforia dos xogadores e afeccionados do
Atlético de Madrid, os meus fillos incluídos. Pero, igual ca no relato de
Psamenito, entendía menos a noticia, tal vez certa, que daban tódolos medios de
comunicación, de que a imaxe de Muniain chorando encollera o corazón de millóns
de españois. Parece difícil entender que sexan os mesmos millóns de españois
que, impasibles, contemplamos as terribles imaxes de guerra, morte, fame,
inxustizas e todo tipo de ignominias, que vomitan os telexornais, día si e día
tamén, sobre a nosa mesa, sen perda de apetito algún pola nosa parte! Parece
difícil de entender que sexan os mesmos millóns de españois que rin a
gargalladas todos os “chascarrillos” e chistes malos que, sobre un exército de senvergonzas
con garabata que está desangrando o país, elaboran e contan cómicos, periodistas
e tertulianos –a maioría moi ben mantidos-, desde os mesmos medios! Parece difícil
de entender que sexan os mesmos millóns de españois que centran o seu punto de
mira nos privilexios dos funcionarios –a maioría deles simples mileuristas-
como mal supremo, mentres observan impasibles como os que os levan á ruína
viven como "marajás" ou se van para a casa con indemnizacións millonarias!...
Sabedes o que vos digo? O que dixera Estanislao Figueras, primeiro xefe de
Estado e de Goberno da primeira República Española, nun Consello de Ministros:
«Estoy hasta
los cojones de todos nosotros!».
1 comentario:
Ok.
Gústome moito a dos cans sanclodianos, moi boa entrada.
unha aperta, sempre.
Publicar un comentario