domingo, 27 de enero de 2013

Radicais “alugo”: o léxico científico e o galego


A sosa é branca

Estaba lendo cos meus alumnos no libro de Física e Química de primeiro de bacharelato cando atopamos que falaba duns radicais “alugo”. Nun primeiro momento non entendín de que se trataba, pero de seguido me din conta que se refería ós radicais “alquilo”: «Radical orgánico que resulta de eliminar un átomo de hidrógeno de un hidrocarburo alifático», na definición do dicionario da Real Academia Española (RAE). Á autora da tradución, ó ver en castelán “radicales alquilo”, non se lle ocorreu mellor idea ca traducir “alquilo” literalmente ó galego, e así saíron eses “macarrónicos” “radicais alugo”. Non é a primeira vez  que atopo cousas deste estilo. Sospeito que esta circunstancia vén da mala costume de encargar a tradución dos orixinais en castelán a profesores de galego sen coñecementos da disciplina que traducen. Habería dúas solucións para evitar este desaguisado: encomendarlle a tradución a profesores da disciplina que dominen o galego –que algúns haberá!-, ou proceder á elaboración dos orixinais en galego, cousa que tampouco parece difícil; de feito, algúns dos mellores libros de texto de Física e Química de secundaria son de autores galegos, e en galego. O que veñen facendo a maioría das  grandes editoriais con esas traduccións pouco coidadas é unha verdadeira trapallada, aínda que logo o prezo dos libros indique outra cousa. E o que se consegue, a maiores, e provocar unha gran confusión entre os alumnos, que bastantes dificultades teñen para aprender a multitude de novos nomes e conceptos que tratamos de ensinarlle, para que encima veñamos a complicarllo máis con galeguizacións fóra de toda razón e conveniencia.
                                                     
No caso que nos ocupa, os radicais “alquilo” do castelán simplemente deberán ser radicais “alquilo” en galego; incluso “alquil” e “alquila” poderían ser formas válidas, como sucede no portugués. Pero “alugo”, nunca! Nada ten que ver o nome dos radicais “alquilo” con “alugar”. Convén saber que o nome alkyl para os radicais orgánicos comezou a utilizarse en Alemaña a finais do século XIX, e deriva de alkohol, igual ca alcano, alqueno ou alquino. O sufixo –yl, tomado do grego ulh ‘materia’, foi introducido por Liebig e Wohler para denotar o carácter de materia fundamental que tiñan os radicais. Desde o alemán o nome chegou ós outros idiomas: alkyl en inglés, alquil en portugués, alquil en castelán, alkyle en francés. E, podendo ser, alquilo en galego. Pero, o caso é que a voz non aparece nin no dicionario da Real Academia Galega (RAG) nin no de Xerais.

E isto lévanos ó grave problema de fondo: as importantes deficiencias que presentan os dicionarios de galego no tratamento do léxico científico. Non obstante, se queremos que o noso idioma sexa unha lingua viva e adaptada ós tempos actuais, é preciso ter un gran coidado con este tipo de léxico: nos guste ou non, vivimos nunha sociedade científica! Lévase progresado algo nos últimos anos, tampouco hai que negalo, sobre todo na depuración de formas inapropiadas,  pero o panorama dista de ser o desexable, tanto pola ausencia de voces importantes, coma polas deficientes, cando non erróneas, definicións dos termos científicos. Isto último resulta especialmente grave, pois se algo resulta consubstancial coa ciencia é a precisión nas definicións.  Aí van uns exemplos de mostra:

Comezarei cun metal moi común: o aluminio. No diccionario da RAG lemos: «Elemento químico do grupo dos térreos, de cor prateada, brillante, inoxidable, lixeiro, maleable e bo condutor da calor e a electricidade, que ten múltiples usos industriais.». Pois non, o aluminio non é un metal inoxidable; ó contrario, oxídase fácil e espontaneamente; o que pasa é que se recubre dunha capa de óxido de aluminio, pasivante, que é a que impide o progreso da corrosión. O mesmo erro aparece no dicionario de Xerais. Pola contra, a definición que aparece no dicionario da RAE é correcta.

Seguirei con outro elemento químico, con aquel que, se temos en conta a súa importancia para a química da vida, podería ser considerado o máis importante do Sistema Periódico: o carbono. No dicionario RAG aparece: «Elemento químico non metálico, sólido, que se atopa en todas as substancias orgánicas. O seu símbolo e C. O carbono é bo condutor da calor e da electricidade.». Aquí o erro, con independencia do pobre que resulte a definición, está na frase que se pon como exemplo. Do carbono existen dúas formas principais diferentes: o grafito e o diamante.  As dúas presentan boa conductividade calorífica, certo, pero distinta conductividade eléctrica: o diamante é un illante, mentres o grafito é conductor, aínda que a súa conductividade sexa moi inferior á dos metais. Tampouco aquí o dicionario da RAE está acertado, aínda que por outros motivos.

Pasemos agora a un composto químico tan coñecido como a sosa. No dicionario da RAG lemos: «Substancia química sólida, de cor abrancazada tirando a amarela, moi cáustica. A sosa é un dos ingredientes do xabón.». Moito máis fácil sería recoller a concisa definición que dá o dicionario da RAE na terceria acepción para esta voz: «quim. Hidróxido sódico, muy cáustico. (NaOH).». Dese xeito non meteríamos a pata dúas veces: a primeira, porque a cor do hidróxido sódico é branca, sen máis; a segunda, porque a sosa cáustica non é un ingrediente do xabón, senón un reactivo químico que se usa para obter os xabóns, sales alcalinos dos ácidos graxos superiores que se obteñen por saponificación das graxas con sosa. Ingredientes poden ser as distintas partes que forman unha mestura, pero non os reactivos dunha reacción química. Máis grave, se cabe, é o erro do dicionario de Xerais nesta mesma voz, cando dí que a sosa “se extrae do sodio”: o sodio é un elemento químico e, por definición, del non se pode “extraer” máis ca sodio! Nin sequera a sosa se “prepara” a partir do sodio, senón do carbonato de sodio ou do cloruro sódico, segundo o método que se siga.

Por último referireime a un dos conceptos máis fundamentais da química: o de “mol”. Vexamos o que atopamos no dicionario da RAG: « Fis. e Quim. Unidade para medir a masa das moléculas, expresada en gramos, equivalente á suma das masas dos átomos que compoñen a molécula. Un mol de auga equivale a 18 g de auga.». Totalmente falso: a unidade para medir a masa das moléculas, expresada en gramos, é o gramo! Pola mesma razón, o cabalo branco de Santiago é branco! Tampouco acerta coa definición o dicionario da RAE cando o pon como sinónimo de molécula-gramo e di que esta é o “peso molecular expresado en gramos”. Acertado está aquí o dicionario de Xerais, cando recolle a definición correcta: cantidade de substancia que contén tantas entidades elementais (átomos, moléculas, ións, etc.) como átomos hai en 12 gramos de carbono-12 (6,02 x 1023). É moi sinxelo: no caso de unidades, simplemente se debe adoptar a definición que dá a Oficina Internacional de Pesos e Medidas (BIPM). Hai que dicir, iso si, que con bo criterio se elixiu o xénero masculino para esta unidade, renunciando ó feminino que indicaría, en última instancia, a etimoloxía: molécula é feminino porque vén do latín moles ‘mole’, e de molécula vén mol.

Vale o antedito para engadir un comentario e lembrar por enésima vez a Marc Bloch: “unha palabra vale moito menos pola súa etimoloxía ca polo uso que se fai dela”. Comezei falando dos radicais “alquilo” e de que o seu nome ven de “alcohol”.  Se buscamos a etimoloxía vemos  que alcohol era no latín medieval ‘po finísimo de antimonio que se obtiña por sublimación”, do árabe al-kuhul ‘po metálico finísimo de antimonio que utilizaban as mulleres para pintar os ollos’. No século XVII ampliouse o contido semántico e pasou a significar ‘calquera substancia sublimada, o espírito de calquera cousa’. Foi así como, soamente despois do século XVII, alcohol chegou a significar  ‘espírito do viño’, que nada ten que ver co antimonio. Non, non hai que ser escravos das etimoloxías: o nome de “átomo” vén do grego e significa  ‘indivisible’, e púxoselle este nome porque se pensaba que os átomos eran as últimas partículas da materia; logo resultou que non, que eran divisibles: pero seguimos chamándolle átomos! -Atención ós que defenden que ó vínculo das parellas do mesmo sexo non se lle pode chamar matrimonio: co mesmo argumento, ós atomos non se lle podería chamar átomos!-. Na realidade non hai que ser escravos nin da etimoloxía nin de nada, e as leis gramaticais non poden ser vistas coma se de leis da natureza se tratase!  Polo feito de que parálise, fotólise, catálise ou análise sexan esdrúxulas, non teñen porque selo obrigatoriamente electrólise ou electrólito, tal e como se considera no galego normativo. No castelán existe “electrólisis” e “electrólito”, si, pero acéptanse “electrolisis” e “electrolito”, formas estas últimas que se usan case que con total exclusividade, supoño que por influencia do francés. E o mesmo debería ser en galego. Unamuno, que era catedrático de grego, defendía con razón que Arquímedes non gritara Eureka, senón Eúreka!... Pero quedou Eureka!

Sempre me resultou chocante como os homes de letras adoitan defender con maior empeño a suxección do idioma ás leis gramaticais cós científicos o cumprimento exacto das leis naturais! E cando un revisa a lista de académicos da lingua e atopa que, de trinta membros, soamente dous, un farmaceutico e un arquitecto, son homes de ciencias, explícase a importancia que se lle concede en Galicia á ciencia en relación coa lingua.

2 comentarios:

Ramón Cid dijo...

Moi boa esta combinación entre "ciencias" e "letras"... En realidade o coñecemento é único, e esta entrada indica de forma inequívoca donde están as carencias.

Jeanfrujo dijo...

Moitas grazas Ramón. Talvez desde ENCIGA, vía Consello da Cultura Galega ou Real Academia Galega, se debería facer algunha proposta de mellora neste senso, non che parece?