viernes, 11 de enero de 2013

Bisnominis



Ovidio chamáballe ó  Danubio o río bisnominis, pois para uns era o Danubio e para outros o Istro. Plinio, Estrabón e Ptolomeo foron algúns dos que se sorprenderon por esta circunstancia; pensaban que un nome corresponderíalle ó curso alto do río e outro ó baixo, e trataron de dilucidar ata onde chegaba cada un. Pero non faltaron os defensores de que os dous eran nomes válidos para todo o curso. Cítase isto como algo excepcional, pero serao para os que non coñezan Galicia: o Reino dos Nomes. A contar polo que eu sei, que é ben pouco, en Galicia deben existir multitude de ríos bisnominis, e ata trianominis e quattuornominis. Por San Clodio, por exemplo, pasa un humilde regato que baixa de Riobó. Para nós sempre fora “O Regueiro”, ata que un día o mestre, don Lucio, díxonos que se chamaba río “Candorcas”, e ensinounos un mapa como proba indiscutible da súa afirmación. Moito presumimos aquel día dos nosos coñecementos á hora do xantar:

-Papá, sabes como se chama o Regueiro?
-Como se vai chamar, fillo: Regueiro!
-Pois non, chámase “Candorcas”; díxonolo don Lucio!
-Nunca oíra tal cousa, pero se o di o mestre así será. Tamén ó “Río” seica lle chaman “Avia”!

 A miña conclusión fora que os nomes ós ríos poñíanllos “os que sabían”, pois a xente común o mesmo que ó pan lle chama pan, ós regueiros chamáballe regueiros; e ós ríos, ríos. Máis adiante pensei que “os que sabían” ou non eran de fiar ou non se levaban ben entre eles, pois noutros mapas vin que o nome do regueiro de San Clodio non era “Candorcas” senón “Riobó”. Pasados moitos anos entendín que o do Regueiro non era nada grave, que era un simple caso de bisnominis, coma o do Danubio: con perdón! Pero non me entendades mal, nada teño de que presumir: ó río Barón chámanlle no Carballiño “Carrás”; ó río “Caldelas”, que pasa por Bieite, chámaselle tamén “Barbaña”; e ó “Beronza”, que desemboca en Ribadavia no Avia, “Maquiás”; e o regueiro do Porto de Eguas coñécese por río de “Sona” un pouco máis abaixo do Porto, e por río de “Carpacedo” un pouco máis arriba. Por non falar do Sil e do Miño... Si, esto dos ríos bisnominis  debe ser bastante común, o mesmo cós homes bisnominis,  os bisfacies e incluso os bisverbis...

O que resulta moito máis raro son as localidades bisnominis. Pero en Galicia hai de todo –coma en botica-. Eu paseo a miúdo pola parroquia de Ponte Veiga (O Carballiño), e sempre me divirte ver xuntos os dous carteis da fotografía que encabeza esta entrada: “Vilar” e “Groba”. Se eu mandase algo, pediría rapidamente unha declaración da Unesco, unha nova Denominación de Orixe da Xunta ou algo semellante, para que se recoñecese de xeito oficial a condición de lugar bisnominis. Isto podería constituír, ademais, un importante atractivo turístico... Imaxinade a cara de interesante que poñería o guía de turno  ó anunciarlle ós excursionistas: -Agora levarémosvos a ver o bisnominis!-. Que un lugar teña dous nomes xa resulta excepcional, pero que nun País onde a maioría das localidades non posúen nin un triste cartel que as identifique, unha apareza con dous distintos aínda o é máis! Parece ser que, na súa orixe, Groba e Vilar foron dous núcleos separados, pero agora están xuntos, e nin sequera os veciños se poñen de acordo de onde comeza un e onde remata o outro. Eu sempre imaxino ó operario que chegou co último destes carteis. Supoño que canso de preguntarlle a uns e a outros onde tiña que colocar o ditoso cartel, vendo que non había posibilidade de acordo algún, decidiu poñelo na entrada da localidade, xunto ó outro:

-E que cada un escolla o nome que lle saia do ...!
-Amén!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Na miña zona hai algúns casos de bisnominis, o mais coñecido, a propia capital do concello, hoxe Ferreira de Pantón (Ferreira para os veciños) e que antes se chamaba O Castro ou O Castro de Ferreira. En moitos mapas actualis aínda aparece como O Castro.

Saúdos!

Jeanfrujo dijo...

Tomo nota! Saúdos!