lunes, 31 de diciembre de 2012

Manuel Rivas: o narrador na boca da literatura



A vida da xente común
é extraordinaria
M. Rivas
O gran narrador sempre terá as raíces no pobo,
sobre todo nos seus sectores artesáns
W. Benjamin

Coñezo desde hai vintecinco anos a Manuel Rivas, pero só  falei dúas veces con el: unha en Moldes e outra en Ourense. A primeira falamos de Primo Levi e de Walter Benjamin, de Isto é un home e do Libro das pasaxes, mentres subiamos paseniño a costa que hai desde o Pazo dos Tizón ata o vello campo da feira do Castro. A segunda foi no Liceo de Ourense, apenas un saúdo. Na primeira ocasión recibira Manuel Rivas o premio Losada Diéguez, e alí, en Moldes, falara deses lugares privilexiados onde se pousa ás veces a “esfera terrestre”. A segunda, a do Liceo, fora unha conferencia “a corpo aberto” que tiña como tema principal “a  boca da literatura” –o mesmo do seu discurso de ingreso na RAG-. Agora acabo de rematar a lectura do seu último libro, As voces baixas. E, aínda que no intermedio publicou outras cousas, naquelas dúas conferencias estaban os alicerces desta obra: os mellores relatos, as metáforas máis fermosas, os protagonistas, … As ideas fundamentais desta obra fundamental. De feito, paréceme que todo o que Manuel Rivas leva escrito non era máis ca unha simple preparación para este libro. Trátase do relato, contado en primeira persoa do familiar, do noso “Mundo Perdido”. Do relato do feito histórico e singular que marca o fin da milenaria cultura rural e artesán que sustentou e identificou a este País durante séculos, e que morre, por abandono, asolagada por unha cultura cidadán allea ás nosas raíces. É o relato da transición entre eses dous mundos: un coñecido, que fenece, e un descoñecido, que se abre.

Dise na contraportada do libro que As voces baixas é unha “novela da vida”, pero non. Nin Manuel Rivas é un novelista –aínda que ten escrito algunha novela- nin este libro unha novela. Na realidade, en Galicia nunca se deron ben os novelistas. Pero en cambio déronse grandes narradores, e poetas. Manuel Rivas é iso: un narrador, ademais de literato, é dicir, letrado. Un dos mellores que nunca tivemos! A algún poderalle parecer que isto que estou escribindo menospreza a obra de Manuel Rivas: todo o contrario, nestes tempos novelista pode ser calquera, pero narradores apenas quedan. Xa son unha reliquia do pasado. O relato cotián da vida familiar dos Rivas contásenos coma nunha lareira, con fartura de parábolas, de tenrura, de humor, de ironía, de intelixentes metáforas saídas do maxín popular. Pero o verdadeiro narrador non pretende que pasemos o tempo exclusivamente: sempre ten unha lección que dar. A das voces baixas é que a verdadeira boca da nosa literatura estaba niso: na lareira, no taller das costureiras, nos monólogos da nai, na obra do pai, na barbería do tío, nas ferramentas, no baleiro da burbulla do nivel… Nos libros está unha parte da literatura, si; pero a literatura tamén existe fóra dos libros. A novela precisa do libro, pero a narración non! As sinais de identidade deste País comezaron hai pouco a estar escritas nos libros, pero durante séculos mantivéronse nas cabezas das nosas xentes máis humildes. E isto aínda non  estaba escrito con esta valentía nin con esta claridade. Foi preciso que o escribise o fillo dun albanel e dunha leiteira! Un home de familia humilde e letrado que fose fiel ás súas orixes,  o que non deixa de ser unha cousa rara! Outro Manuel, Kant, o fillo dun zapateiro, foi quen tivo que dicir que era preciso distinguir aquelo que ten dignidade do que só ten valor. No relato biográfico que agora comezou Manuel Rivas está nin máis nin menos cá dignidade da Galicia que foi. E iso ten un grande mérito! Completalo precisará de novas e esforzadas loitas! Como Manuel nos ten lembrado, o periplo de Ulises na Odisea, interpretada como “proceso da reconstrucción da memoria”, complétase non  cando o heroe é aclamado á súa volta, que non o é, senón cando só é recoñecido por Eumeo, o porqueiro, e por Argos, o vello can fiel; e logo, cando ten a valentía suficiente para acabar cos usurpadores que ocupaban e arruinaban a súa casa...

Remato. Algo levo lido de narrativa galega, pero non creo que chegasen á ducia as ocasións nas que ó rematar unha obra pensase: canto me gustaría a min ter escrito isto! Esta foi unha delas!

Feliz ano 2013 a todos. E felicidades ós Manuel, que mañá están de santo. 

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Moi boa reseña e excelente blog.
Noraboa e grazas

Jeanfrujo dijo...

Agradecido! Saúdos!

Anónimo dijo...

Un comentario fantástico! Verdadeiramente útil.
Unha aperta

Jeanfrujo dijo...

Pois, moitas grazas.