Ovidio chamáballe ó Danubio o río bisnominis, pois para uns era o Danubio
e para outros o Istro. Plinio, Estrabón e Ptolomeo foron algúns dos que se
sorprenderon por esta circunstancia; pensaban que un nome corresponderíalle ó
curso alto do río e outro ó baixo, e trataron de dilucidar ata onde chegaba
cada un. Pero non faltaron os defensores de que os dous eran nomes válidos para
todo o curso. Cítase isto como algo excepcional, pero serao para os que
non coñezan Galicia: o Reino dos Nomes. A contar polo que eu sei, que é ben
pouco, en Galicia deben existir multitude de ríos bisnominis, e ata trianominis
e quattuornominis. Por San Clodio,
por exemplo, pasa un humilde regato que baixa de Riobó. Para nós sempre fora “O
Regueiro”, ata que un día o mestre, don Lucio, díxonos que se chamaba río “Candorcas”,
e ensinounos un mapa como proba indiscutible da súa afirmación. Moito
presumimos aquel día dos nosos coñecementos á hora do xantar:
-Papá, sabes como se chama o Regueiro?
-Como se vai chamar, fillo: Regueiro!
-Pois non, chámase “Candorcas”; díxonolo don Lucio!
-Nunca oíra tal cousa, pero se o di
o mestre así será. Tamén ó “Río” seica lle chaman “Avia”!
A miña conclusión fora que os nomes
ós ríos poñíanllos “os que sabían”, pois a xente común o mesmo que ó pan lle
chama pan, ós regueiros chamáballe regueiros; e ós ríos, ríos. Máis adiante
pensei que “os que sabían” ou non eran de fiar ou non se levaban ben entre
eles, pois noutros mapas vin que o nome do regueiro de San Clodio non era
“Candorcas” senón “Riobó”. Pasados moitos anos entendín que o do Regueiro non era nada grave, que era un simple caso de bisnominis, coma o do Danubio: con perdón! Pero non me entendades
mal, nada teño de que presumir: ó río Barón chámanlle no Carballiño “Carrás”; ó
río “Caldelas”, que pasa por Bieite, chámaselle tamén “Barbaña”; e ó “Beronza”,
que desemboca en Ribadavia no Avia, “Maquiás”; e o regueiro do Porto de Eguas
coñécese por río de “Sona” un pouco máis abaixo do Porto, e por río de
“Carpacedo” un pouco máis arriba. Por non falar do Sil e do Miño... Si, esto
dos ríos bisnominis debe ser bastante común, o mesmo cós homes bisnominis, os bisfacies e incluso os bisverbis...
O que resulta moito máis raro son as localidades bisnominis. Pero en Galicia hai de todo
–coma en botica-. Eu paseo a miúdo pola parroquia de Ponte Veiga (O
Carballiño), e sempre me divirte ver xuntos os dous carteis da fotografía que
encabeza esta entrada: “Vilar” e “Groba”. Se eu mandase algo, pediría
rapidamente unha declaración da Unesco, unha nova Denominación de Orixe da
Xunta ou algo semellante, para que se recoñecese de xeito oficial a condición
de lugar bisnominis. Isto podería
constituír, ademais, un importante atractivo turístico... Imaxinade a cara de
interesante que poñería o guía de turno ó anunciarlle ós excursionistas: -Agora
levarémosvos a ver o bisnominis!-. Que
un lugar teña dous nomes xa resulta excepcional, pero que nun País onde a
maioría das localidades non posúen nin un triste cartel que as identifique, unha
apareza con dous distintos aínda o é máis! Parece ser que, na súa orixe, Groba
e Vilar foron dous núcleos separados, pero agora están xuntos, e nin sequera os
veciños se poñen de acordo de onde comeza un e onde remata o outro. Eu sempre
imaxino ó operario que chegou co último destes carteis. Supoño que canso de
preguntarlle a uns e a outros onde tiña que colocar o ditoso cartel, vendo que
non había posibilidade de acordo algún, decidiu poñelo na entrada da localidade,
xunto ó outro:
-E que cada un escolla o nome que lle saia do ...!
-Amén!
2 comentarios:
Na miña zona hai algúns casos de bisnominis, o mais coñecido, a propia capital do concello, hoxe Ferreira de Pantón (Ferreira para os veciños) e que antes se chamaba O Castro ou O Castro de Ferreira. En moitos mapas actualis aínda aparece como O Castro.
Saúdos!
Tomo nota! Saúdos!
Publicar un comentario