“El escritor Méndez Ferrín acaba de hacer una
metáfora que trae encandilada a la parroquia -«Non
podemos deixar que o galego se afunda, vale máis que o Pórtico da Gloria»”. Así
comezaba X. L. Barreiro Rivas o artigo que co título “Ni siquiera el gallego tienevalor absoluto” publicaba na Voz de Galicia o pasado venres. Dous días antes, o
outro oráculo da Voz, R. Blanco Valdés, facendo referencia á mesma metáfora,
preguntábase, por comparación, canto non valería o castelán, tal vez pensando
en mercalo! Como calquera pode imaxinar, o obxectivo dos dous artigos,
totalmente consistente coa liña editorial do medio no que se publicaban, non
era outro ca menosprezar o valor da nosa lingua, levando a maiores, no caso da
columna de Blanco Valdés, a coñecida teoría da suposta persecución do castelán
que se vén dando en Galicia (?). Aínda sabendo que non carecería de interese,
non pretendo analizar polo miúdo os contidos dos dous artigos, cae fóra da
extensión recomendada para unha entrada do blog e, ademais, a maioría do que
podería dicir ó respecto xa está escrito por outros que saben moito máis destas
cousas.
Resulta moi interesante observar como Barreiro fala de
Ferrín como “escritor”, mentres Blanco Valdés alude ó “ya dimitido presidente
de la RAG ”. Os
dous evitan dicir a verdade, isto é que cando Ferrín anuncia que a RAG
presentou un recurso de casación diante do Supremo, para que anule o decreto do
plurilingüismo da Xunta, e bota man da “metáfora” faino na súa calidade de presidente da RAG, con
tódolos poderes e antes de facer efectiva a súa dimisión. Rigor señores
profesores! Tamén é unha falta de rigor asegurar, como fai Barreiro Rivas, que
o Pórtico da Gloria xa era vello cando apareceu o galego. De onde sacou Barreiro
Rivas semellante parvada? As linguas romances ibéricas xa estarían separadas do
latín no século IX, cando o Pórtico aínda non estaba nin en proxecto! Non
confunda, señor profesor, a antigüidade dos primeiros textos que se conservan
en galego coa antigüidade da lingua! E o de que o galego carece de valor
absoluto e de que non se trata dunha esencia imperecedeira, resulta obvio. Se
Barreiro Rivas fose home de ciencias, que non o é, sabería que nin sequera os
entes máis fundamentais do Universo, coma a masa ou o tempo, son absolutos; entón
como o van a ser as nosas linguas ou as nosas nacións? Malpocadas! Pero,
xustifica iso que non as coidemos? Non coida cada un da súa propia vida a pesar
da súa finitude e da súa insignificancia cósmica? Como dicía o sabio, todo é
finito, salvo a estupidez humana! E con respecto ó que escribe Blanco Valdés,
observo certos contidos paranoicos que se comentan por si sós. Pero quero anotar dúas cousas. A
primeira é que en máis de trinta anos de docencia en diversos institutos, entre
as numerosas aldraxes e ilegalidades que levo observado relacionadas coas
linguas, a maioría absolutísima delas foi en contra do galego. A segunda é que esa
teima de querer colocar en pé de igualdade ó castelán e ó galego en Galicia ten
un grave problema: a lingua propia de Galicia é o galego, mentres o castelán é
a lingua propia de Castela, e iso non se pode cambiar.
Pero, o que máis chamou a miña atención, desde logo,
foi o intelixente xeito que tivo Ferrín
–non sei se premeditado ou non- de deixar caer a metáfora “encandiladora”. Non
citou a fonte da mesma, tal vez por consideralo innecesario, dado o lugar no
que falaba. Non dixo que a metáfora era do gran Castelao: “¿Que diríamos se o
Estado mandase derrubar o Pórtico da Groria? Pois eu digo que o noso idioma é
unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo.” (Sempre en Galiza, Vol. I, Cap. XXIV). E
foi así como, coincidindo co inicio da tempada de pesca, os dous ínclitos
vixías maiores da Voz morderon a miñoca, xa que ningún dos dous caeu na
verdadeira autoría da coñecida metáfora. O de Forcarei tragou o cebo
ensimismado, como adoita, nos seus escolásticos e nos siloxismos de Lorenzo de
Canterbury; e o da Estrada, no momento da picada, estaba contando como
aprendera o galego “cuntiense” e declarándose amante convencido da literatura
galega desde a máis tenra xuventude. Pero non me dan pena ningunha, tíñano ben
merecido por non ler a Castelao coa
atención que se merece! E, por se vén ó caso, lémbrolles esta outra reflexión
súa: “en canto un galego fale o castelán como lingua propia
deixa de ser galego sen que por eso chegue a ser castelán.”.
Si, ten razón o eminente profesor Manuel
Cabada Castro cando hoxe, nunha magnífica carta ó director da Voz, lle lembra a
Barreiro Rivas que a lingua propia non é un mero “feito instrumental”
6 comentarios:
Súmome punto por punto.
Impresionante meu, no se pode dicir máis clariño.
Pon a cada quen onde realmente merece.
Noraboa !!!
muito ben, quen apanda apaña,comentada e esclarcida a ignorancia dos detractores; sempre falan os mais pre-parados. valeu Frutos.
Moitas grazas Ramón. Saúdos.
Señor frutos, unha in formación que lle pode interesar a vostede e os seus lectores verrbo do señor Blanco Valdés. O ínclito publicou en La Voz o pasado venres este artigo sobre a Cidade da Cultura:
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2013/03/29/fiasco-monumental-gaias/0003_201303G29P14993.htm
Mágoa que un ten memoria,e manexa a hemeroteca. Artigo publicado en 2008 por Daniel Álvarez en Vieiros. Non ten desperdicio:
http://www.vieiros.com/opinions/opinion/557/o-gaias-e-la-voz
Un saúdo
Moi ben traído, Frutos. As cuestións que está suscitando a demisión de Ferrín creo que che poden dar para varios artigos, e moi substanciosos. Parabéns por este.
Amigo Frutos
Algunas diferencias con esto sí que tengo. Cuando, ante un tinto da parroquia, haya ocasión... parlamentamos.
Un abrazo
Publicar un comentario