Nova York nos anos trinta
Comeza un novo curso. Entran os rapaces nas aulas: alegres, faladores,
esperanzados; felizmente ignorantes do tempo. Mentres, o profesor, lembra unhas
palabras de Unamuno: «El tiempo: he aquí la tragedia.»; porque o tempo é algo complicado. Para Séneca había tres tempos: presente, pasado e futuro.
Deles, o presente era brevísimo, o futuro dubidoso e o pasado o único certo.
Antes, para os estoicos, o presente non
era que fose breve: nin sequera existía, non era máis có punto de unión do
pasado co futuro. Pero chegou San Agustín e deulle a volta a todo: o presente
era a única realidade incuestionable. Non había pasado nin futuro, soamente
presente: o presente das cousas pasadas, o presente das cousas presentes e o
presente das cousas futuras. Agora ben, o tempo de San Agustín era un tempo
psicolóxico e subxectivo, distinto do cosmolóxico, obxectivo e medible, único
considerado ata entón. Nos anos trinta do século pasado o filósofo alemán
Walter Benjamin engadiría unha terceira clase de tempo: o histórico. Coma San
Agustín, Benjamin consideraba o presente como única realidade indiscutible,
pero o seu presente xa non era espiritual, tratábase dun presente de
coñecemento, dun “tempo do agora” do que partía a percepción do pasado e do
futuro. Resulta moi suxestiva a tese de Benjamin: diferencias fundamentais
entre individuos e entre colectividades (chámense vilas, cidades, países…)
terían moito que ver co distinto peso que lle asignan a cada un dos tres compoñentes
temporais do presente. Tense dito case todo sobre os individuos a este
respecto, pero moito menos sobre as colectividades e o xeito que teñen de
percibir o tempo. Talvez un dos primeiros en intuír a importancia de tal
relación fose o periodista galego Julio Camba, que escribía en xaneiro de 1931:
«Nueva York…me atrae… por su sacrificio constante del pasado y del porvenir al
momento presente... Nueva York es, ante todo, el momento presente... Nos atrae
porque uno no puede vivir al margen del tiempo.». Hoxe poderíase escribir o
mesmo, coa diferenza de que agora, no mundo global, son moitas as cidades e os
países que, xunto con Nova York, se atopan no centro do tempo: Tokio,
Amsterdam, Sidney, Shangai... Alemaña, Finlandia, Corea, China... Noutro grupo
estarían as cidades e os países ancorados no pasado. Claudio Magris ten
reflexionado moito sobre este aspecto do tempo; fala en Danubio da cidade alemana de Regensburg, un centro vital do antigo
Sacro Imperio Romano, incapaz de liberarse do eloxio e da nostalxia do pasado,
de «una gloria que sólo se puede recordar y nunca poseer, que siempre ha sido y
nunca es». Lendo isto e buscando paralelismos, ó xeito de Cunqueiro, resulta
imposible non pensar en Ribadavia, en Santiago, en Galicia..., ou mesmo en España.
Porque, cargados de pasado, lixeiros de presente e exentos de futuro, levamos
séculos vivindo á marxe do tempo, aínda que ás veces nos disfracemos coa máscara
da modernidade. Aí radica a verdadeira crise, unha crise perpetua que, con
síntomas ou sen eles, sempre está aí, coma o microbio da Peste de Camus. Iso é o que nos leva a ter que coller as maletas a
cada pouco, pero non para buscar un futuro, como sempre se dixo, tan só para
buscar o presente. Aquí, empeñados no inútil intento de construír futuro sobre
o pasado mítico, o presente adoita resultar tan escaso que non dá para todos. Habería
que dilatar o presente, e nas aulas antes ca en ningún sitio. O malo é a
magnitude das forzas internas que empuxan en contra. A pesar de todo, situar ós
novos no tempo presente sería tarefa de gran urxencia; porque, como deixou
escrito Vasili Grossman en Vida e destino:
«o tempo non amará nunca ós fillos dun tempo pasado».
Os rapaces xa están acomodados. Diante do profesor atópase a principal
fonte de riqueza do país: a intelixencia. Desperdiciala é un pecado... Maduran
os membrillos. Comeza un novo curso.
Artigo publicado no diario "La Región" o 16 de setembro do 2013.
1 comentario:
"Se ha perdido la capacidad de pensar el pasado, y lo peor, de pensar el presente. Eso es gravísimo, porque estamos siempre en función del futuro. El presente es un deshecho, una dimensión de segundo orden. Todo está en función del futuro, y el futuro es la muerte".
Ramón Andrés en "El País" (06/12/2013)
Publicar un comentario