O home é un ser que precisa adorar a algo ou a alguén. No se atopou ningunha sociedade que non practicase algún tipo de adoración, e case sempre mesturada con sacrificios, porque o que adora sempre paga. É un proceso de psicoloxía complexa, pero, simplificando, poderíamos dicir que o impulso natural de seguir a alguén é un mecanismo de aprendizaxe que foi premiado pola evolución. Non obstante, o feito de que sexa natural non significa que non poida ser modulado pola cultura, igual có impulso sexual ou a tendencia dos grandes de asoballar ós pequenos. Desde a noite dos tempos o maior problema da humanidade foi a supervivencia, o dispoñer dos medios suficientes para vivir e poder alimentar ós fillos, e por iso levamos un anhelo universal de riqueza nos xenes: seguimos ós ricos, en gran medida, porque interpretamos que a eles non lles falta nada. O problema é que ese anhelo non cesa cando xa dispoñemos do suficiente, e ata é normal que se intensifique con esta circunstancia; pasa o mesmo co desexo carnal e con outros desexos innatos. Pedimos máis e máis porque somos cobizosos por deseño. Por esa razón, na barbarie, a xente sempre remata adorando o becerro de ouro, aínda que só poida ver a riqueza a través da televisión.
Sobre os perigos da adoración da riqueza xa avisaron clásicos coma Platón ou Epicuro. Pero talvez ningún foi tan claro coma o pai da economía moderna. Consideraba Adam Smith que «a gran masa da humanidade está formada por admiradores e adoradores», e que «a disposición a admirar, e case idolatrar ós ricos e poderosos, e a desprezar ou, como mínimo ignorar ás persoas pobres e de condición humilde», era, atención: «a principal e máis estendida causa de corrupción dos nosos sentimentos morais».
Tratou o Cristianismo de concentrar as ansias de adoración en Deus, na virtude absoluta, «só a Deus se debe adorar e servir» (Lucas, 4;8), pero non se pode dicir que tivera moito éxito, probablemente por falta de exemplaridade. Agora, rachadas as xerarquías tradicionais, cos antigos deuses abandonados e cos novos por definir, o home foi caendo nunha individualidade consumista e insolidaria, na que pensa que é libre, pero que en realidade está dirixida polos grandes poderes ocultos do capitalismo, a través, fundamentalmente, da televisión. Aproveitando outras características naturais dos homes, como son o medo á soidade e o desexo de recoñecemento e de éxito, o Gran Hermano vai promovendo e presentando novos e múltiples ídolos -deportivos, artísticos, políticos, culturais-, aparentemente sinxelos e humildes, que visten e falan coma nós, algúns nin sequera especialmente guapos ou superdotados…Pero é para que parezan máis próximos e accesibles. En realidade trátase de multimillonarios que viven do espectacular e global mercado da adoración no que está inmersa esta sociedade anómica.
Un ancián sacerdote contoulle un día a Malraux o que aprendera da súa experiencia de confesor: «Dúas cousas. A primeira, que a xente é moito máis desgraciada do que pensamos. A segunda, que non existen as grandes persoas». Tiña razón o sacerdote: hai persoas admirables nun aspecto ou noutro, pero en última instancia todos somos dignos de misericordia e de perdón. Antes, cando alguén se excedía nas gabanzas de calquera, fose cura, ministro, principe ou rei, era común escoitar na voz da sabedoría popular: “é un home coma outro calquera!”. E o mesmo penso eu. Así que, neste tempo tan propio para a adoración, seguindo coa tradición milenaria do meu pobo, limitareime, coma sempre, a adorar ó Neno. Cos mellores desexos dun bo Nadal para todos.
Artigo publicado no diario "La Región" o 19 de decembro do 2013.
2 comentarios:
Sensacional artigo. Creo que adorar "becerros de ouro" non está nada bem, máis os meus parabems para o que escreve deste xeito, canto menos admirable no estilo máis platoniano ou epicurano.
Obrigado, meu anónimo amigo.
Publicar un comentario