A experiencia do mundo témola a través dos sentidos. Consiste, basicamente, nun conxunto de sensacións que mesturan o premio e o castigo, o gozo e a dor. Aínda así, ó falar dos sentidos pensamos máis nos gozos, esquecendo que se trata, en esencia, de mecanismos defensivos que a evolución foi premiando.
Os sentidos foron bastante eficaces ata o século pasado, ata que o home descubriu a enerxía que estaba acumulada dentro dos átomos. Entón, a capacidade para xerar radiacións ultravioleta, X e gamma, con intensidades moi superiores ás normais na natureza, introduciu no medio perigos indetectables polos sentidos: inimigos invisibles que só podemos detectar coa axuda da tecnoloxía. Outra característica destas radiacións é que a maioría dos danos que producen, en forma de cancros e malformacións na descendencia, son probabilistas e a longo prazo, de xeito que cando aparecen non é fácil saber cal foi a causa que os orixinou. Por iso, para poder ter unha opinión responsable sobre a enerxía nuclear precísase dun certo coñecemento e de informacións veraces, dous factores controlados polos gobernos. Por desgraza, a experiencia indica que os gobernos nin impulsaron o coñecemento do nuclear nin tiveron reparo en mentir cando informaban sobre este tipo de enerxías, especialmente no caso de accidentes.
Cúmprense agora tres anos do accidente de Fukushima e xa sabemos bastantes cousas. A principal: que foi unha cadea irresponsabilidades dos encargados da seguridade das centrais, e non o terremoto nin o posterior tsunami, a causa do máis grave accidente nuclear da historia. As irresponsabilidades foron consecuencia directa dun pacto de silencio imposto desde a compañía TEPCO, o propio Goberno e a Universidade. Ese pacto consistía en postular que en Xapón a enerxía nuclear era totalmente segura e en silenciar a calquera que puxese en dúbida ese dogma. Tamén sabemos que o mesmo pacto segue funcionando, como se comproba polo pouco que se fala de Fukushima, máis alá das frecuentes noticias sobre fugas de auga radioactiva, pero contadas coma se de un suceso máis se tratase e ocultando a verdadeira gravidade das mesmas.
Convén saber, ademais, que a situación na central está lonxe de ser controlada. No pasado novembro comezaron o retirarse as cerca de 1500 barras de combustible usado que se atopaban na piscina do semiderruído edificio do reactor número 4, tarefa que rematará a finais do 2015. Confiemos niso; porque moitos expertos opinan que, de producirse outro gran terremoto antes do remate da operación, sería posible o inicio dunha reacción en cadea sobre ese material, e a ceo aberto, de consecuencias tan catastróficas que ata sería dubidosa a continuidade de Xapón, tal como hoxe o coñecemos. E non falta quen augura que a catástrofe se estendería a todo o hemisferio norte. Os medios oficiais tachan eses pronósticos de alarmistas, pero o certo é que parten de xente moi cualificada. Porque unha das claves do debate sobre á enerxía nuclear é que son os que saben diso os que máis se opoñen. Sorprendeu que o mandatario occidental máis drástico contra a enerxía nuclear, despois do accidente, fose Ánxela Merkel; pero resulta que é física.
Escribía Camus na Peste que o mal que existe no mundo vén case sempre da ignorancia. Eu non me esquecería da mala fe dos cobizosos, que adoitan practicar a mentira de forma masiva sen medir máis có propio beneficio. O problema é que, como xa apuntara o Nobel de física Richard Feynman, á natureza non hai quen a engane! Nesta tesitura, é probable que, se o universo naceu cun big-bang, o mundo remate cun big-lie: cunha gran mentira. Converxerían así, por sempre xamais, os dous infinitos proclamados por Einstein: o do universo e o da estupidez humana.
Artigo publicado do diario "La Región" o xoves 13 de marzo do 2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario